Telésforo, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Telésforo
Papa Telesforo.jpg
Papa Telésforo
Alcume Santo Telésforo
Nacemento valor descoñecido
Lugar Grecia
Falecemento 136
Lugar Roma
Relixión catolicismo
Ocupación padre
Período entre os anos 126-136
Coñecido/a por ser o papa n° 8 da igrexa católica
Organización Igrexa católica
Cargos Bispo de Roma
editar datos en Wikidata ]
Papa Telésforo

Telésforo, nado probablemente en Terranova da Sibari e falecido seguramente en Roma en 136, foi bispo cristián de Roma entre 126 e 136[1] ou quizais 138[2].

Vida e pontificado[editar | editar a fonte]

Aínda que, como ao resto dos primeiros papas, pouco se sabe da súa vida, crese que a súa familia era grega, e que antes de chegar a Roma viviu como ermitán en diversos lugares, entre eles o Monte Carmelo e por iso é recoñecido pola Orde carmelita entre os seus santos. Debeu comezar como papa en tempos de Hadrián e rematar baixo o imperio de Antonino Pío.

O Liber pontificalis afirma que Teléforo foi o instituidor da misa do galo na medianoite do Nadal, que compuxo o canto Gloria in excelsis Deo, que fixou que a Pascua tiña que celebrarse en domingo e que ademais implantou as normas sobre o xexún na Coresma. Debeu combater as herexías gnósticas.

Morte e santidade[editar | editar a fonte]

Como todos os papas romanos anteriores ao Edicto de Milán foi considerado santo. Telésforo é o primeiro que no catálogo papal elaborado por Ireneo de Lión aparece sinalado como mártir, feito que despois repite Eusebio de Cesarea, pero é moi posíbel que se producise unha confusión entre el e outro romano de nome Telésforo asasinado nas persecucións alentadas polo emperador romano Hadrián. Foi soterrado na Basílica de San Pedro.

O seu martirio celébrao a igrexa católica o 5 de xaneiro e a igrexa ortodoxa o 22 de febreiro.

Parroquias galegas[editar | editar a fonte]

Non hai ningunha parroquia galega baixo a avogación de san Telésforo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Donald Attwater. A Dictionary of the Popes. The Catholic Book Club, Londres, 1939
  2. Annuario Pontificio, edición de 2003