Tecnoloxías da información

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Tecnoloxía da información")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Mapamundi que representa o gasto de cada país en tecnoloxías da información e comunicación en 2005, expresado como porcentaxe do que ten o maior gasto (USA).

As tecnoloxías da información (TI, tamén coñecidas como IT pola súa expresión en inglés: information technology) son unha serie de metodoloxías, ferramentas, técnicas e dispositivos utilizados na utilización e proceso da información dentro do ámbito da informática e a computación. O vocábulo adoita empregarse como sinónimo para os computadores e as redes de computadoras, pero tamén abrangue outras tecnoloxías de distribución de información, como a televisión e os teléfonos e as telecomunicacións utilizadas para interconectalos. Múltiples industrias están asociadas coas tecnoloxías da información, incluíndo hardware e software de computador, electrónica, semicondutores, internet, equipos de telecomunicación, comercio electrónico e servizos computacionais.

É común confundir os vocábulos TI e TIC. A diferenza é que TI fai referencia ás tecnoloxías da información, mentres que TIC implica as tecnoloxías da información e a comunicación. Ambas as dúas teñen unha ampla relación, mais sinalan áreas diferentes. O vocábulo TI é un termo máis amplo e abrangue as TIC, que é un termo que indica unha subcategoría do outro: "As TI abranguen o dominio completo da información, que inclúe o hardware, o software, os periféricos e as redes. Un elemento cae dentro da categoría das TI cando se emprega co propósito de almacenar, protexer, recuperar e procesar datos electronicamente".[1]

Os humanos estiveron almacenando, recuperando, manipulando e comunicando información dende que os sumerios en Mesopotamia desenvolveron a escritura arredor do 3000 a. C., mais a expresión tecnoloxía da información no seu significado moderno apareceu por primeira vez en 1958 nun artigo publicado na revista Harvard Business Review; os seus autores Harold J. Leavitt e Thomas L. Whisler comentaron que "a nova tecnoloxía non ten aínda un nome establecido. Deberíamos chamala tecnoloxía da información (TI)". A súa definición consistía en tres categorías: as técnicas de procesamento, a aplicación de métodos estatísticos e matemáticos para a toma de decisións e a simulación do pensamento de orde superior a través de programas computacionais.[2]

Os primeiros pasos para o establecemento dunha sociedade da información déronse co invento do telégrafo eléctrico, do teléfono fixo, da radiotelefonía e da televisión, aínda que foi internet o que lle deu o pulo definitivo. Baseándose na tecnoloxía de almacenamento e procesamento empregada, é posible distinguir catro eras do desenvolvemento das TI: pre-mecánica (3000 a. C.-1450 d. C.), mecánica (1450-1840), electromecánica (1840-1940) e electrónica (dende 1940).[3]

Historia dos ordenadores[editar | editar a fonte]

Xa hai miles de anos que se utilizaron dispositivos para axudarse nos cálculos, probablemente o primeiro dispositivo en forma de pau de reconto.[4] O mecanismo de Anticitera, que data de principios do primeiro século a.C., considérase xeralmente o computador analóxico mecánico máis temperán; tamén é o primeiro mecanismo movido por engrenaxes coñecido.[5] Dispositivos con engrenaxes comparables non apareceron en Europa ata o século XVI,[6] e non foi ata o 1745 que se desenvolveu a primeira calculadora mecánica capaz de resolver as catro operacións aritméticas básicas.[7]

Os computadores electrónicos, utilizando tanto relés como válvulas, empezaron a aparecer a principios da década dos 1940. O electromagnético Zuse Z3, rematado en 1941, foi o primeiro ordenador programable do mundo, e polos estándares modernos unha das primeiras máquinas que poden ser consideradas unha máquina computadora completa. O Colossus, desenvolvido durante a Segunda Guerra Mundial para descifrar as mensaxes alemáns foi o primeiro computador electrónico dixital. A pesar de que era programable, non servía para múltiples tarefas, só servía para unha soa. Tampouco podía almacenar o programa na súa memoria. No canto disto, a programación realizábase utilizando enchufes e interruptores para alterar a conexión interna.[8] O primeiro computador moderno dixital que podía almacenar programas foi a Máquina Experimental de Pequena Escala de Manchester (SSEM), que executou o primeiro programa o 21 de xuño de 1948.[9]

Almacenamento de datos[editar | editar a fonte]

Os primeiros computadores electrónicos como o Colossus utilizaban unha cinta perforada, unha tira de papel larga na cal os datos se representaban mediante unha serie de buracos, unha tecnoloxía actualmente obsoleta.[10] O almacenamento electrónico de datos, técnica utilizada nos computadores modernos, data da segunda guerra mundial, cando se desenvolveu unha forma de memoria de liña de retardo para sacar ecos indesexados de sinais de radares. A primeira aplicación deste método foi a liña de atraso de mercurio.[11] O primeiro dispositivo de almacenamento dixital de acceso aleatorio foi o tubo Williams, baseado nun tubo de raios catódicos estándar,[12] pero a información gravada era volátil, cousa que facía que se tivese que refrescar continuamente, e por tanto perdíase cando faltaba a electricidade. A primeira forma de almacén de información non volátil dentro dun computador foi a memoria de tambor, inventada en 1932[13] e utilizada no Ferranti Mark I, o primeiro computador electrónico comercial dispoñible para propósitos xerais.[14]

Hoxe en día, a maioría dos datos dixitais gárdanse magneticamente en dispositivos como discos duros, ou de forma óptica en CD-ROMs e DVDs.[15] Estímase que a capacidade mundial de almacenamento en dispositivos electrónicos creceu de menos de 3 exabytes en 1986 a 295 exabytes en 2007,[16] dobrándose aproximadamente cada 3 anos.[17]

Bases de datos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Base de datos.

Os primeiros sistemas de administración de bases de datos apareceron durante a década de 1960 para tratar o problema de gardar e recuperar grandes cantidades de datos de forma coidadosa e rápida. Un dos primeiros sistemas creados era o IMS (abreviación de Information Management System, en galego, Sistema de Administración de Información) da empresa IBM,[18] o cal aínda se utiliza amplamente máis de 40 anos despois.[19] IMS almacena datos xerarquicamente,[18] pero durante a década de 1970 Ted Codd propuxo un modelo de almacenamento relacional alternativo baseado na teoría de conxuntos e a lóxica de predicados e os conceptos familiares de táboas, filas e columnas. O primeiro sistema de xestión de bases de datos relacionais (RDBS) comercial dispoñible fíxoo Oracle en 1980.[20]

Todos os sistemas de xestión de datos consisten nun conxunto de compoñentes que todos xuntos permiten que os datos que almacenan sexan accesibles simultaneamente por moitos usuarios mentres manteñen a súa integridade. Unha característica de todas as bases de datos é que a estrutura dos datos que conteñen defínense e gárdanse separadamente dos datos en si, nun esquema de base de datos.[18]

O linguaxe de marcas extensible (XML, extensible markup language en inglés) converteuse nun formato popular para a representación de datos nos últimos anos. A pesar de que os datos en XML pódense gardar en sistemas de ficheiros normais, a miúdo mantéñense en bases de datos relacionais para aproveitarse da súa "robusto desenvolvemento verificado por anos tanto de esforzos teóricos como prácticos".[21] Como unha evolución do Standard Generalized Markup Language (SGML), a estrutura baseada nun texto XML ofrece a vantaxe de ser lida tanto por unha máquina como por un humano.[22]

Recuperación de datos[editar | editar a fonte]

O modelo de base de datos relacional introduciu unha linguaxe de programación independente Structured Query Language (SQL), baseado na álxebra relacional.[20]

Os termos "dato" e "información" non son sinónimos. Calquera cousa almacenada é un dato, pero só se converte en información cando se organiza e se presenta de forma que teña un significado.[23] A maioría dos datos dixitais do mundo non teñen estrutura, e están gardadas nunha gran variedade de diferentes formatos físicos[24][n. 1] mesmo dentro dunha única organización. Os almacéns de datos empezáronse a desenvolver durante os anos 1980 para integrar estes depósitos separados. A miúdo conteñen datos extraídos de varias fontes, incluíndo fontes externas como Internet, organizado de forma que facilite o traballo aos sistemas de apoio á toma de decisións (DSS).[25]

Sistema de apoio á toma de decisións[editar | editar a fonte]

O concepto de sistema de apoio ás decisións (DSS polas súas siglas en inglés Decision support system) é moi amplo, porque hai moitos enfoques para a toma de decisións e debido á extensa gama de ámbitos nos cales se toman. Estes sistemas de apoio son do tipo OLAP ou de minaría de datos, que proporcionan información e apoio para tomar unha decisión.

Un DSS pode adoptar moitas formas diferentes. En xeral, podemos dicir que un DSS é un sistema informático utilizado para servir de apoio, máis que automatizar, o proceso de toma de decisións. A decisión é unha elección entre alternativas baseadas en estimacións dos valores destas alternativas. O apoio a unha decisión significa axudar ás persoas que traballan soas ou en grupo a reunir intelixencia, xerar alternativas e tomar decisións. Apoiar o proceso de toma de decisión implica o apoio á estimación, a avaliación e/ou a comparación de alternativas. Na práctica, as referencias a DSS adoitan ser referencias a aplicacións informáticas que realizan unha función de apoio.[26]

Transmisión de datos[editar | editar a fonte]

A transmisión de datos inclúe tres aspectos: a transmisión, a propagación e a recepción.[27]

XML usouse de forma crecente como medio de intercambio de datos desde os primeiros anos da década do 2000,[28] particularmente para interaccións orientadas a máquinas como aquelas involucradas en protocolos orientados a páxinas web como SOAP,[22] describindo máis ben "dato en tránsito que ... dato en descanso".[28] Un dos retos deste uso é converter datos de bases relacionais en estruturas DOM en XML.[29]

Manipulación de datos[editar | editar a fonte]

Hilbert e Lopez[16] identifican o paso exponencial dun cambio tecnolóxico (un tipo de lei de Moore): a capacidade das máquinas de ser aplicadas especificamente para computar información per capita dobrouse aproximadamente cada 14 meses entre o 1986 e o 2007; a capacidade per capita dos computadores globais de propósitos xerais dobrouse cada 18 meses durante as mesmas dúas décadas; a telecomunicación global per capita dobrouse cada 34 meses; a capacidade per capita de almacenamento mundial tardou aproximadamente 40 meses en dobrarse (cada 3 anos); e a información de emisións per capita dobrouse cada 12,3 anos.[16]

Almacénanse cantidades masivas de datos en todo o mundo cada día, pero a non ser que se poida analizar e presentar efectivamente, reside esencialmente no que se denominan tumbas de datos: "arquivos de datos que se visitan raramente".[30] Para solucionar este problema, apareceu o campo de minaría de datos – "o proceso de descubrir patróns interesantes e coñecidos a partir de grandes cantidades de datos"[31] – a finais da década de 1980.[32]

Base de coñecemento[editar | editar a fonte]

Unha Base de coñecemento (ou knowledgebase en inglés; KB, kb ou Δ) é un tipo especial de base de datos para a xestión do coñecemento. Prové os medios para a recolección, organización e recuperación computerizada de coñecemento.

As bases de coñecemento clasificáronse en dous grandes tipos:

  • Bases de coñecemento lexibles por máquinas, deseñadas para almacenar coñecemento nunha forma lexible polos ordenadores, usualmente para obter razoamento dedutivo automático aplicado a eles. Conteñen unha serie de datos, usualmente na forma de regras que describen o coñecemento de maneira loxicamente consistente. Operadores lóxicos como E (conxunción), Ou (disxunción), condición lóxica e negación son utilizados para aumentala desde o coñecemento atómico. Por tanto a dedución clásica pode ser utilizada para razoar sobre o coñecemento na base de coñecemento. Este tipo de bases de coñecemento son utilizadas pola web semántica.[33]
  • Bases de coñecemento lexibles por humanos, deseñadas para permitir ás persoas acceder ao coñecemento que conteñen, principalmente para propósitos de aprendizaxe. Estas son comunmente usadas para obter e conducir coñecemento explícito das organizacións, inclúen artigos, libros brancos, manuais de usuario e outros. O principal beneficio que achegan as bases de coñecemento é proporcionar medios de descubrir solucións a problemas xa resoltos, os cales poderían ser aplicados como base a outros problemas dentro ou fóra do mesma área de coñecemento.

O aspecto máis importante dunha base de coñecemento é a calidade da información que esta contén. As mellores bases de coñecemento teñen artigos coidadosamente redactados que se manteñen ao día, un excelente sistema de recuperación de información (motor de procura), e un delicado formato de contido e estrutura de clasificación. Unha base de coñecemento pode usar unha ontoloxía para especificar a estrutura (tipo de entidades e relacións) e o seu esquema de clasificación. Unha ontoloxía, xunto cun grupo de instancias das súas clases constitúen unha base de coñecemento.[34]

Perspectiva académica[editar | editar a fonte]

Nun contexto académico, a Association for Computing Machinery define TI como "programa de licenciatura que prepara os estudantes para coñecer as necesidades de tecnoloxía de computación de negocios, gobernos, centros médicos e outros tipos de organización. Os especialistas de TI asumen a responsabilidade de seleccionar os produtos de hardware e software apropiados para unha organización, integrando estes produtos coas necesidades destas e a infraestrutura e instalacións, personalizando e mantendo aquelas aplicacións para os usuarios de computadoras da organización".

Perspectiva comercial e laboral[editar | editar a fonte]

Nun contexto de negocios, a Information Technology Association of America definiu IT como " o estudo, deseño, desenvolvemento, aplicación, posta en marcha, soporte ou mantemento de sistemas computacionais de información". As responsabilidades deste traballo na área inclúen administración de redes, desenvolvemento de software e instalación, e a planificación e administración do ciclo de vida das tecnoloxías dunha organización, onde o hardware e o software son mantidos, actualizados e substituídos.

O valor de negocio das tecnoloxías da información recae na automatización de procesos de negocio, provisión de información para a toma de decisións, conectando os negocios cos seus clientes e a provisión de ferramentas de produtividade para incrementar a eficiencia.

Perspectiva ética[editar | editar a fonte]

O campo da ética da información foi establecida polo matemático Norbert Wiener na década de 1940. Algúns dos problemas éticos asociados co uso das tecnoloxías da información inclúen:

  • Violación de dereitos de autor por aqueles que descargan ficheiros sen o permiso dos titulares dos dereitos de autor.
  • Empregadores que monitorizan os correos electrónicos dos seus empregadados e outros usos de internet.
  • Spam ou correo electrónico non desexado.
  • Hackers que acceden a bases de datos en liña.
  • Sitios web que instalan cookies ou spyware para monitorizar a actividade dun usuario en liña.

Tecnoloxía da información en negocios[editar | editar a fonte]

A tecnoloxía da información tivo un gran impacto nos negocios, entre outros, da seguinte maneira:

  1. Incrementou a eficiencia e a competitividade de practicamente calquera negocio [35]
  2. Redución de traballos manuais, evitando o posible erro por parte do traballador [36][37]
  3. Permite á empresa depender de bases de datos importantes en computadores.[37]

A tecnoloxía da información como ferramenta para mellorar a actividade principal tense que utilizar con coidado. Só se consegue o efecto positivo cando a xestión da empresa ve claramente que accións futuras teñen que facerse. Por exemplo, se hai unha ferramenta que podería achegar valor á empresa, hai que prever cal será o negocio en si mesmo e a forma de desenvolver o uso da tecnoloxía da información para apoiar á posta en funcionamento exitosa das estratexias de negocio. En caso contrario, a pesar de ser de gran alcance, esta ferramenta é cara e difícil de empregar, cousa que podería facer que os fondos destinados á tecnoloxía da información se destinen en van.[38]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Formato" refírese ás características físicas dos datos almacenados como o seu esquema de codificación; "estrutura" describe a organización destes datos.
  1. "La diferencia entre TI y TIC" (en español). Consultado o 9 de abril de 2015. 
  2. Leavitt, Harold J.; Whisler, Thomas L. (1958). Management in the 1980s. Harvard Business Review (en inglés) 11. 
  3. Butler, Jeremy G. A History of Information Technology and Systems. University of Arizona. Consultado o 2 de agosto de 2012. 
  4. Schmandt-Besserat, D. (1981). Decipherment of the earliest tablets 211. Science. pp. 283–285. PMID 17748027. doi:10.1126/science.211.4479.283.  Parámetro descoñecido |exemplar= ignorado (Axuda)
  5. Wright 2012, p. 279.
  6. Childress 2000, p. 94.
  7. Chaudhuri 2004, p. 3.
  8. Lavington 1980.
  9. Enticknap, Nicholas (verán de 1998). Computing's Golden Jubilee. The Computer Conservation Society. ISSN 0958-7403. 
  10. Alavudeen & Venkateshwaran 2010, p. 178.
  11. Lavington 1998, p. 1.
  12. "Early computers at Manchester University". The Computer Conservation Society. verán de 1992. ISSN 0958-7403. 
  13. Universität Klagenfurt (ed.). "Magnetic drum". Virtual Exhibitions in Informatics. 
  14. "The Manchester Mark 1". University of Manchester. 
  15. Wang & Taratorin 1999, pp. 4-5.
  16. 16,0 16,1 16,2 "The World's Technological Capacity to Store, Communicate, and Compute Information", Martin Hilbert e Priscila López (2011), Science, 332(6025), 60-65; acceso gratuíto ó artigo en: martinhilbert.net/worldinfocapacity.html
  17. "Animación de vídeo en "The World's Technological Capacity to Store, Communicate, and Compute Information from 1986 to 2010"
  18. 18,0 18,1 18,2 Ward & Dafoulas 2006, p. 2.
  19. Olofson, Carl W. (outubro 2009). "A Platform for Enterprise Data Services: The Proven Power and Flexibility of IMS from IBM" (PDF). IDC. Consultado o 17 de agosto de 2017. 
  20. 20,0 20,1 Ward & Dafoulas 2006, p. 3.
  21. Pardede 2009, p. 2.
  22. 22,0 22,1 Pardede 2009, p. 4.
  23. Kedar 2009, pp. 1-9.
  24. van der Aalst 2011, p. 2.
  25. Dyché 2000, pp. 4-6.
  26. Alter, S. L. (1980). Decision support systems: current practice and continuing challenges. Reading, Mass., Addison-Wesley Pub.
  27. Weik 2000, p. 361.
  28. 28,0 28,1 Pardede 2009, p. xiii.
  29. Lewis 2003, pp. 228-231.
  30. Han, Kamber & Pei 2011, p. 5.
  31. Han, Kamber & Pei 2011, p. 8.
  32. Han, Kamber & Pei 2011, p. xxiii.
  33. "Whatis.com definition of Knowledge Base" (en inglés). Consultado o 31 de maio de 2013. 
  34. "Protégé, an open source ontology editor and knowledge-basee framework". Consultado o 31 de maio de 2013. 
  35. McFarlan 1985, p. 43-50.
  36. Wright 2000, p. 37.
  37. 37,0 37,1 [bhttp://www.presentsoft.co.in/2010/08/03/the-impact-of-information-technology-on-business/ "The Impact of Information Technology on Business"]. Consultado o 30-05-2013. 
  38. Сайт компании TopS Business Integrator. "Феликс Гликман: Информационные технологии как "тюнинг" основного бизнеса". Consultado o 30-05-2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alavudeen, A.; Venkateshwaran, N. (2010). Computer Integrated Manufacturing. PHI Learning. ISBN 978-81-203-3345-1. 
  • Bynum, Terrell Ward (2008). Information Technology and Moral Philosophy. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-85549-5. 
  • Chaudhuri, P. Pal (2004). Computer Organization and Design. PHI Learning. ISBN 978-81-203-1254-8. 
  • Childress, David Hatcher (2000). Technology of the Gods: The Incredible Sciences of the Ancients. Adventures Unlimited Press. ISBN 978-0-932813-73-2. 
  • Dyché, Jill (2000). Turning Data Into Information With Data Warehousing. Addison Wesley. ISBN 978-0-201-65780-7. 
  • Han, Jiawei; Kamber, Micheline; Pei, Jian (2011). Data Minining: Concepts and Techniques. Morgan Kaufman. ISBN 978-0-12-381479-1. 
  • Kedar, Seema (2009). Database Management Systems. Technical Publications. ISBN 978-81-8431-584-4. 
  • Lavington, Simon (1980). Early British Computers. Digital Press. ISBN 978-0-7190-0810-8. 
  • Lavington, Simon (1998). A History of Manchester Computers. The British Computer Society. ISBN 978-1-902505-01-5. 
  • Lewis, Bryn (2003). XML-Based Data Management and Multimedia Engineering – EDBT 2002 Workshops. Springer. ISBN 978-3540001300. 
  • Pardede, Eric (2009). Open and Novel Issues in XML Database Applications. Information Science Reference. ISBN 978-1-60566-308-1. 
  • Proctor, K. Scott (2011). Optimizing and Assessing Information Technology: Improving Business Project Execution. John Wiley & Sons. ISBN 978-1-118-10263-3. 
  • Reynolds, George (2009). Ethics in Information Technology. Cengage Learning. ISBN 978-0-538-74622-9. 
  • van der Aalst, Wil M. P. (2011). Process Mining: Discovery, Conformance and Enhancement of Business Processes. Springer. ISBN 978-3-642-19344-6. 
  • Wang, Shan X.; Taratorin, Aleksandr Markovich (1999). Magnetic Information Storage Technology. Academic Press. ISBN 978-0-12-734570-3. 
  • Ward, Patricia; Dafoulas, George S. (2006). Database Management Systems. Cengage Learning EMEA. ISBN 978-1-84480-452-8. 
  • Weik, Martin (2000). Computer Science and Communications Dictionary 2. Springer. ISBN 978-0-7923-8425-0. 
  • Wright, Michael T. (2012). Explorations in the History of Machines and Mechanisms: Proceedings of HMM2012. Springer. pp. 279–292. ISBN 978-94-007-4131-7. 
  • McFarlan, Warren (1985). "La tecnología de la información cambia el modo de competir". Harvard Deusto Business Review,. ISSN 0210-900X. 
  • Doyle, Stephan (2000). "La tecnología de la información cambia el modo de competir". Harvard Deusto Business Review,. ISBN 0748736093. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]