Saltar ao contido

Tecido mieloide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diagrama que mostra o desenvolvemento de diferentes células sanguíneas a partir da célula nai hematopoética ata orixinar células maduras.
Diagrama completo que mostra o desenvolvemento de diferentes células sanguíneas a partir da célula nai hematopoética ata dar células maduras nas liñaxes mieloide e linfoide.

O tecido mieloide é o tecido da medula ósea que orixina as células hematopoéticas, que forman as células do sangue. Tamén se pode denominar tecido mielóxeno, e é frecuente o uso como sinónimos, como por exemplo en leucemia mieloide/mielóxena crónica.

Na hematopoese as células mieloides ou mielóxenas son células sanguíneas que se orixinan a partir dunha célula proxenitora, como granulocitos, monocitos, eritrocitos ou plaquetas.[1][2] Esta célula proxenitora é o proxenitor mieloide común ou CFU-GEMM. Nun sentido máis estrito, célula mieloide refírese á liñaxe dos mieloblastos (os mielocitos, monocitos, e tipos derivados). Así, aínda que todas as células sanguíneas, mesmo os linfocitos, nacen normalmente na medula ósea en adultos, as células mieloides no sentido máis estrito do termo poden distinguirse das células linfoides, é dicir, os linfocitos, que proceden de células proxenitoras linfoides comúns que dan lugar ás células B e T.[2] A diferenciación (é dicir, a linfopoese) non é completa ata que estes migran a órganos linfáticos como o bazo e o timo para que se programen ante a presenza de antíxenos alleos. Así, entre os leucocitos, o termo mieloide está asociado ao sistema inmunitario innato, en contraste co termo linfoide, que está asociado co sistema inmunitario adaptativo. De xeito similar, mielóxeno adoita referirse a células brancas non-linfocíticas,[3] e eritroide úsase para distinguir as células relacionadas cos eritrocitos, distinguíndoas das mieloides e linfoides.[4]

A palabra mielopoese ten varios sentidos de maneira similar a mieloide. No sentido estrito mielopoese é a formación regulada especificamente de leucocitos mieloides (mielocitos), de maneira que nese sentido mielopoese distínguese de eritropoese e linfopoese (se ben todas as células sanguíneas se forman na medula ósea no adulto).

Os neoplasmas mieloides sempre afectan a liñaxes de células da medula ósea e están relacionados con células hematopoéticas. O tecido mieloide pode tamén estar presente no fígado e bazo dos fetos[5] e ás veces incluso en adultos, o que orixina unha hematopoese extramedular.[6]

Hai un sentido do termo mieloide que significa "pertencente á medula espiñal", pero úsase moito menos frecuentemente. Mieloide non debe confundirse con mielina, que é a substancia que forma a capa illante que recobre os axóns de moitas neuronas.

  1. Kawamoto H, Minato N (2004). "Myeloid cells". The International Journal of Biochemistry & Cell Biology 36 (8): 1374–1379. PMID 15147715. doi:10.1016/j.biocel.2004.01.020. 
  2. 2,0 2,1 Orkin SH, Zon LI (2008). "Hematopoiesis: an evolving paradigm for stem cell biology". Cell 132 (4): 631–644. PMC 2628169. PMID 18295580. doi:10.1016/j.cell.2008.01.025. 
  3. "Definition of Myelogenous". MedicineNet. 28 de agosto de 2013. Consultado o 2015-09-10. 
  4. Yuan J, Nguyen CK, Liu X, Kanellopoulou C, Muljo SA (2012). "Lin28b reprograms adult bone marrow hematopoietic progenitors to mediate fetal-like lymphopoiesis". Science 335 (6073): 1195–1200. Bibcode:2012Sci...335.1195Y. PMC 3471381. PMID 22345399. doi:10.1126/science.1216557. 
  5. Jagannathan-Bogdan M, Zon LI (xuño de 2013). "Hematopoiesis". Development 140 (12): 2463–7. PMC 3666375. PMID 23715539. doi:10.1242/dev.083147. 
  6. Kim CH (2010-03-23). "Homeostatic and pathogenic extramedullary hematopoiesis". Journal of Blood Medicine (en English) 1: 13–9. PMC 3262334. PMID 22282679. doi:10.2147/jbm.s7224. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]