Teatro Vanemuine
| Teatro Vanemuine | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||
O Teatro Vanemuine é un teatro de Tartu, Estonia. Foi o primeiro teatro en lingua estoniana.[1] Orixinalmente foi unha sociedade coral e musical que celebrou a súa primeira función teatral no seu quinto aniversario. Nos anos seguintes, Vanemuine ampliouse para incluír unha orquestra sinfónica e unha compañía de ballet, mentres que o seu repertorio incluíu operetas e teatro musical con todo tipo de títulos operísticos e dramáticos. Vanemuine recibe o nome da cultura popular nórdica e mantén un repertorio duns 50 producións ao mesmo tempo, con 15 novas engadidas cada ano.[1]
Baixo a dirección de Karl Menning, alumno de Max Reinhardt, o teatro cumpriu un propósito vocacional, poñendo moita énfase na formación de futuros talentos. As direccións posteriores priorizaron o valor do entretemento, mentres que Kaarel Ird, que dirixiu o Vanemuine durante máis de corenta anos, programou unha ampla variedade de xéneros e realizou xiras pola Unión Soviética.[2]
A actividade do teatro, dende o final da Primeira Guerra Mundial, non cesou en ningún momento, nin sequera durante a ocupación nin tampouco durante a Guerra da Independencia.
Dende 2013, o Teatro Vanemuine é unha Fundación. Na actualidade é o único teatro de Estonia que reúne representacións dos tres xéneros escénicos: producións dramáticas, musicais e de danza.[1]
Os edificios do Vanemuine
[editar | editar a fonte]O Vanemuine ocupou varias instalacións. A sé orixinal da Sociedade Vanemuine (en estoniano: Vanemuise Seltsi maja), na rúa Jaama, estivo en funcionamento durante 33 anos antes de ser destruída por un incendio en 1903. En 1906 foi substituída por unha nova sala deseñada polo arquitecto finlandés Armas Lindgren, na súa localización actual. Estas instalacións foron ampliadas na década de 1930 para solucionar problemas técnicos, pero foron destruídas por unha bomba durante a Segunda Guerra Mundial polo que, en 1944, retornou ao antigo Teatro Alemán en Dorpat. Reconstruído despois dun incendio en 1983, este teatro de estilo Art Nouveau recibe o alcume de "Casa pequena" (Vanemuise väike maja).
A "Casa Grande" (Vanemuise suur maja), completouse en 1967 e contén unha sala con capacidade para 682 persoas e, en 1970, completouse coa Sala de Concertos Vanemuine (Vanemuise Kontserdimaja), con capacidade para 842 persoas. O novo Sadamateater (Teatro do Porto) é unha sala de teatro moderna e polivalente, ás beiras do río Emajõgi, cun auditorio con capacidade para 167 persoas.[1][3]
Historia
[editar | editar a fonte]1870-1906: Sé da Societade Vanemuine
[editar | editar a fonte]O Teatro Vanemuine foi fundado como unha Sociedade (Sociedade Vanemuise; Vanemuise Selts) o 24 de xuño de 1865 por Johann Voldemar Jannsen.[2] En 1869, a Vanemuine Selts organizou en Tartu o primeiro festival da canción en Estonia que reuniu a case mil cantantes e músicos de todo o país. O 24 de xuño de 1870, no quinto aniversario da sociedade, representouse Saaremaa Onupoeg (en galego, A prima de Saaremaa), de Lydia Koidula, na Casa da Sociedade na rúa Jaama. Foi a primeira obra que se representou alí e considérase a primeira obra en lingua estoniana e o nacemento do Teatro Nacional Estoniano. Esta representación, adaptada dunha obra do mesmo título de Theodor Körner, contou con escenografías dun pintor chamado Frischmuth e comezaba cunha escena dun curral con tres actores: Heinrich Rosenthal, Harry Janssen e Tõnis Pekk. A obra recibiu a aclamación popular e, polo tanto, programouse unha segunda función para o día seguinte. Máis tarde, Koidula dirixiu dúas obras máis, Maret ja Miina ehk kosjakased (Maret e Miina, ou as casamenteiras) e a comedia orixinal Säärane mulk ehk sada vakka tangusoola.
As actividades teatrais fixéronse máis consistentes en 1874, despois de que o fotógrafo Reinhold Sachker se convertese no seu director. Membro da Sociedade Vanemuine e actor activo, Sachker asegurou a supervivencia do teatro e reforzou esta vocación teatral e traduciu obras do dramaturgo alemán August von Kotzebue e empregou artesáns de Tartu como actores.
En 1878, August Wiera foi seleccionado pola Sociedade Vanemuine como o seu director de canto, orquestra e escenario, a cambio dunha porcentaxe dos ingresos dos eventos. No auxe da rusificación, Wiera reuniu ao seu redor un gran grupo de persoas interesadas na música e o teatro estonianos. Nas súas memorias, o actor Leopold Hansen describiu a Wiera como unha persoa moi enérxica que "reuniu en si mesmo varias especialidades escénicas", sendo director de música, ballet e teatro, así como adestrador vocal.
A mediados da década de 1880, a compañía Vanemuine xa contaba con 100 membros e as actuacións realizábanse regularmente. Wiera tivo dous directores de escena para axudar a desenvolver o teatro: Ludvig Menning (1878–1886) e Hugo Techner (1886–1891), que se ocupaban principalmente de producións teatrais. O propio Wiera trouxo a música ao teatro estoniano; baixo a súa batuta, puxo en escena a primeira produción musical en lingua estoniana, Preziosa (1883) de Karl Maria von Weber. Posteriormente, Wiera dirixiu varias operetas, sendo a primeira ópera da compañía unha adaptación de Joseph in Aegypten de Étienne Méhul. Outras adaptacións foron versións en estoniano de L'Avare (1888) de Molière ou O mercador de Venecia (1888) e The Taming of the Shrew (1889) de Shakespeare.
Durante este período, ampliouse o escenario e decorouse o salón da sociedade e, tamén, se instalaron dúas fontes, unha a cada lado do escenario, puramente ornamentais. Wiera dirixiu o teatro ata 1903, cando a súa visión do teatro comezou a chocar coa dos intelectuais estonianos en auxe. Despois de que a sede da Sociedade de Vanemuine fose destruída por un incendio en 1903, o seu contrato non se renovou.[2]
1906-1914: Teatre vocacional estoniano
[editar | editar a fonte]
Ao precisar un novo teatro, a Sociedade Vanemuine encargou ao arquitecto finlandés Armas Lindgren o deseño da súa nova sala. Situado na rúa Aia (agora rúa Vanemuise), este teatro financiouse en gran parte con doazóns. O interior era moi ornamentado, coas esculturas de A. Weizenberg "Amencer" e "Crepúsculo" enriba das balaustradas da escaleira do vestíbulo. Os xardíns completáronse en 1907. Foi entón cando o teatro se profesionalizou. A cerimonia de inauguración foi dirixida por Mihkel Lüdig.
Con motivo da inauguración do edificio, August Kitzberg escribiu en Postimees: «A casa ten carácter propio; nos planos o arquitecto puxo algo, conseguiu dicir algo. Sentimos que nos tocan dentro de nós mesmos melodías que nos resultan dalgún xeito familiares, inmanentes, que concordan con nós mesmos. A casa, cos seus lados longos e poderosos, ten peso e dá a idea de algo duradeiro, estable, que non se esmaga facilmente, que non se dobra e que quere protexerse. Mentres que o artista lle deu á casa o poder e a influencia dun edificio monumental desde o lado da rúa, o lado do xardín do edificio é lixeiro, aberto e feliz, pola contra, exposto á beleza e ao sol»[4]

A actividade comezara antes de que se completasen as instalacións. O 13 de agosto de 1906, tres anos despois da destrución da Casa da Sociedade de Vanemuine, abriu as súas portas un novo teatro. Esta institución, un teatro vocacional, estaba baixo a dirección de Karl Menning. Graduado na Facultade de Teoloxía da Universidade de Tartu, tamén estudara dirección en Berlín e noutras partes de Europa Occidental, Menning escolleu a obra de Kitzberg Tuulte pöörises (No torbellino) para a función inaugural da compañía. Pronto se fixo evidente que o edificio non era axeitado para as representacións pois a falta de ascensores para o público facía que as actuacións fosen incómodas e a acústica era deficiente, do mesmo xeito que a iluminación.
Menning adoptou unha dirección diferente para a compañía, promovendo os obxectivos educativos do teatro. En lugar de operetas, que consideraba perigosas para o bo gusto dos actores e do público, Menning promoveu a creación da Orquestra Sinfónica de Vanemuine (1908). A actuación inaugural da orquestra, dirixida por Samuel Lindpere, tivo lugar o 7 de maio de 1908. No teatro, Menning puxo énfase no realismo psicolóxico, afastándose dos indicadores de Wiera en favor da materialización interna e externa do papel por parte dos actores. Todos os compoñentes da produción debían educar o público ética, estetica e moralmente. Neste sentido, Menning tamén organizou noites de representacións teatrais e participou el mesmo en varias actuaciónso. Cando os seus opoñentes esixiron un repertorio máis lixeiro e entretido, Menning negouse. En 1914, despois dunha reunión da xunta da Sociedade, anunciou a súa xubilación; máis tarde trasladouse a Talín.[2]
1914-1944: Estancamento e renacemento
[editar | editar a fonte]
Trala marcha de Menning, a dirección do Teatro Vanemuine pasou a un alumno de Menning, Ants Simm, que exerceu como director artístico e director de escena de 1914 a 1921. Con Simm, o repertorio de Vanemuine estaba dominado por operetas e comedias. En 1916, once dos vinte e un actores da compañía marcharan, incluídos varios que non estaban de acordo coa visión da compañía sobre o entretemento popular. Estes actores fundaron a compañía Pandorini, que hoxe é o Teatro Dramático Estoniano, en Talín. Por outr abanda, a orquestra, medrou rapidamente co director principal, Juhan Aavik; en 1915, por exemplo, ofreceu 95 actuacións, incluíndo varias no xardín.

Cando marchou Simm, o Teatro Vanemuine pasou a estar dirixido por un comité de actores. Entre 1925 e 1931, Voldemar Mettus dirixiu a compañía e foi seguido por August Sunne ata 1934. Actores e actrices como August Sunne, Eduard Türk, Rudolf Ratassepp, Anna Markus e Mari Möldre representaron regularmente obras musicais. Non obstante, o público diminuíu e, a comezos da década de 1930, era común que se cubrisen menos dun terzo dos asentos. Aínda que o teatro recibía apoio estatal, as débedas aumentaron rapidamente. Isto levou a críticas da intelectualidade; por exemplo, un memorando de 1929 denunciou a "situación anormal" e ameazou coa creación dunha nova compañía.
En 1935, rematou o control sobre as decisións creativas da Sociedade Vanemuine. Otto Aloe converteuse no novo director do teatro, con Eino Uuli como director de ópera, Ida Urbel como directora de movemento e coreografía e Kaarli Aluoja como directora de escena, mentres que Juhan Simm e Eduard Tubin exerceron como directores. Aínda que se seguiron representando operetas, tamén se programaron obras de teatro e óperas serias e representouse a primeira ópera estoniana, Vikerlased d'Aava (O arco da vella de Aava) e, en 1939, a compañía de ballet de Vanemuine puxo en escena a súa primeira produción de danza independente de longa duración: The Carnival Suite, con música de Tchaikovsky. Durante este tempo, fixéronse esforzos para renovar o edificio e corrixir os seus defectos. A finais de 1939, completouse o novo teatro e sala de escena con capacidade para 500 persoas, realizáronse varias innovacións técnicas, así como un aumento da capacidade. Mentres tanto, a antiga sala foi reconstruída como sala de concertos.
Durante a ocupación alemá, o teatro permaneceu aberto baixo a dirección de Aleksander Eller. A asistencia ao teatro foi alta, cunha produción de Eduard Tubin, Kratt (1943) que causou moita sensacióna. Non obstante, en agosto de 1944, o teatro foi alcanzado por unha bomba e completamente destruído polo que se trasladou ao Teatro Alemán en Dorpat (que se converteu no Pequeno Vanemuine).
1944-1968: Vanemuine na Estonia soviética
[editar | editar a fonte]CAndo rematou a Segunda Guerra Mundial, a Compañía Vanemuine fíxose cargo do antigo edificio do Teatro Alemán en Dorpat (a actual "casiña" de Vanemuine), que fora convertido nun cine. Os membros da Sociedade reconstruíron o edificio cos seus propios recursos e o 21 de decembro de 1944 deron a súa función inaugural. A Compañía de Ballet Vanemuine tamén tivo que ser reformada, xa que moitos bailaríns abandonaran Estonia. Non obstante, en 1946, Romeo e Xulieta de Sergei Prokofiev chegou aos escenarios. Non todas estas actividades cabían dentro do edificio, polo tanto, os talleres e as salas de ensaio estaban situados en edificios veciños. Os plans para reconstruír o antigo edificio, aínda que se fixeron, nunca chegaron a bo porto; finalmente, construíuse un edificio completamente novo.

Kaarel Ird converteuse no director artístico do teatro, asumindo o cargo de director principal de escena en 1960. Durante os seguintes corenta anos, dirixiu a compañía durante tres mandatos: 1944–1948, 1949–1950 e 1955–1985. A dirección artística tamén foi asumida por Andrei Polyakov (1950–1953), que non falaba estoniano, e por Ants Lauter (1953–1955), durante os períodos nos que Ird foi destituído do seu cargo. Ird, que tiña experiencia no estudo de arte teatral da Sociedade de Teatro Dramático de Tartu e no Teatro dos Traballadores de Pärnu e Tartu, era xeralmente considerado un candidato axeitado polos gobernantes da Estonia soviética. Pola súa banda, Ird consideraba que Vanemuine necesitaba ser restaurado. Nunha carta privada a Olaf Utt, escribiulle: «Para min, o Teatro Vanemuine formaba parte da cultura estoniana... tan valioso e sagrado como o Museo da Literatura, o Museo de Etnografía, a biblioteca dunha universidade». Se o abandonase, «non habería unha soa persoa que puidese manter o nivel do teatro. E nin sequera sei se poderei facelo. Especialmente nas circunstancias nas que recibimos pouca ou ningunha axuda». (1966)
Ird continuou as tradicións establecidas en Vanemuine, co ballet florecendo baixo as novas condicións. Nos seus abundantes discursos e publicacións, Ird eloxiou repetidamente os ideais de Menning: o realismo psicolóxico, o principio do xogo de conxunto e o desenvolvemento da dramaturxia nacional. Ao mesmo tempo, a ideoloxización implacable do repertorio, que favorecía as obras "soviéticas" e políticas, alienou o público do teatro. As tempadas eran tensas e, a principios da década de 1950, o teatro musical estaba a desaparecer. A compañía de ballet tampouco quedou á marxe dos cambios sociais; a ideoloxía influíu fortemente na linguaxe da danza e os despedimentos reduciron o número de bailaríns a dezaoito, un número insuficiente para a maioría das composicións clásicas.
En 1956, pouco despois de que Ird volvese ao posto de director de teatro, os membros do Vanemuine tiveron a oportunidade de presentar arte e literatura estonianas en Moscova. Tras unha actuación exitosa, o teatro foi designado Teatro Nacional Vanemuine da RSS de Estonia. En 1957, seguiu outra actuación de xira, en Kíiv. Aló, Literaturnaya Gazeta escribiu: "Certamente, non estamos a favor da copia ás cegas do Teatro Vanemuine, aínda que é realmente un bo teatro cunha cultura moi progresista. Preferiríamos ver que tamén criamos actores que poidan transmitir no escenario o virtuosismo da nosa nación en toda a súa riqueza e peculiaridade procurando satisfacción para os hóspedes do teatro ucraíno". En 1960, Vanemuine presentou Talvemuinasjutt (Conto de inverno) de Ernst Kapp, Tuleristsed (Bautismo de lume) de Gustav Ernesaks e Laanelill (Verde de inverno) de Boris Kõrver no Teatro Kremlin de Moscova.
A este éxito seguiulle un período de estabilidade a principios da década de 1960, no que os membros principais permaneceron na compañía durante anos. Ird tamén trazou o plan para a Escola Vanemuine, que comezou en 1961, para formar novas xeracións de intérpretes. Entre os antigos alumnos había actores como Evald Aavik, Raivo Adlas e Evald Hermaküla. O repertorio da compañía incluía obras soviéticas e estonianas (de escritores como Juhan Smuul, Raimond Kaugver, Egon Rannet, August Kitzberg e Ardi Liives), así como clásicos mundiais (Shakespeare, Brecht). Durante este período, as producións musicais foron presentadas principalmente polos seus propios directores de teatro. A medida que o control ideolóxico se debilitaba a finais da década de 1960, Vanemuine atopou unha linguaxe común co público, aínda que a compañía continuou a facer xiras pola Unión Soviética e a organizar reunións e seminarios por toda a Unión. En 1966, Vanemuine pasou a chamarse Teatro Académico.
A nova sala do teatro, deseñada por A. Volberg, P. Tarvas e U. Tölpus, con deseño interior de V. Tamm, completouse finalmente en 1967; a súa función inaugural tivo lugar o 3 de novembro de 1967. Este local, denominado, Gran Casa de Vanemuine, contaba cunha capacidade de 682 asentos e foi renovado en 2012. Mentres tanto, en 1970, inaugurouse a Sala de Concertos Vanemuine, cunha capacidade de 842 asentos.[2]
1969–1985: Fin do período Irld
[editar | editar a fonte]
A finais da década de 1960, Vanemuine converteuse no centro da innovación no teatro estoniano. A nova xeración promoveu unha visión moderna do teatro que repudiaba o canon e buscaba novas abordaxes. En Vanemuine, directores novos como Jaan Tooming e Evald Hermaküla levaron aos escenarios Laseb käele suud anda (Bícame a man) de August Kitzberg e Tuhkatriinumängu (O xogo da Cincenta) de Paul-Eerik Rummo.
No teatro de danza, Ülo Vilimaa deu un pulo similar. Outro ideólogo foi o futuro director Mati Unt, que daquela traballaba no departamento de literatura do teatro. Os directores cambiaron os textos das obras para reflectir máis axeitadamente as súas propias ideas; as producións eran máis físicas e cheas de símbolos e metáforas. O público máis novo do teatro adoptou rapidamente o teatro experimental, mentres que o público máis conservador mostrou reticencias. As autoridades tamén dubidaron e a censura foi un problema durante varias décadas.
Durante este período, Ird continuou a apoiar aos directores novos. Aínda que o seu teatro non se axustaba ás súas preferencias, defendíaas cando era necesario, unha situación que os seus partidarios cualificaron de "sen precedentes". Outros suxeriron que Ird, preocupado pola continuidade do teatro estoniano, non defendía a innovación tanto como os talentos que a promovían. Ird seguiu sendo un director destacado en Vanemuine, con producións exitosas como Külavahelaulud (Cancións da aldea) en 1972, e Tagahoovis (No xardín traseiro) en 1974. Segundo Ird, case a metade do repertorio de Vanemuine consistía en drama estoniano, tanto obras novas como clásicas. En 1972 convertérase no teatro máis visitado de Estonia; e entre 1978 e 1981, o teatro tivera unha media de 256.000 visitantes ao ano.
A compañía de Vanemuine continuou a facer xiras durante as décadas de 1970 e 1980, con destinos como a República Democrática Alemá (1971, 1973), Hungría (1972), Finlandia (1974) e Suecia (1983). Destacan a xira de 1971 a Leningrado e as actuacións de 1975 en Moscova. A acollida da crítica continuou a ser positiva e, en 1979, a compañía de Vanemuine foi seleccionada para representar o teatro soviético no Festival Internacional de Teatro de Belgrado.
A "Casíña" de Vanemuine sufriu graves danos por un incendio en 1978. As reformas atrasáronse e o edificio só se reabriu ao público en 1990.
1985-Presente: período postsoviético
[editar | editar a fonte]En 1985, rematou o terceiro mandato de Ird como director de teatro; foi sucedido por Ago-Endrik Kerge, que ocupou o cargo ata 1990. Vanemuine mantivo un alto nivel e gozou dun gran número de visitantes. Kerge engadiu producións exitosas en varios xéneros ao seu repertorio; Jaan Tooming tamén tivo varios éxitos a finais da década de 1980. En 1981, Vassili Medvedjev uniuse á compañía de ballet Vanemuine, onde traballou como solista e director. O director principal de 1989 a 1999 foi Endel Nõgene.
De 1990 a 1993, Vanemuine estivo dirixido por Linnar Priimägi, que priorizou os clásicos. A súa foi unha época de grandes contradicións e conflitos creativos, e co nomeamento do seu sucesor, Jaak Viller, en 1994 o sistema de xestión do teatro tamén cambiou: creáronse tres postos de director artístico, con Jüri Lumiste (1993-1999) comezando a traballar como director de teatro, Ülo Vilimaa (1974-1997) como director de ballet e Endel (1997-1999) como director musical. En 1997, Mare Tommingas converteuse no director de ballet do teatro.
Durante estes anos de transición, que incluíron inestabilidade económica e a liberación de Estonia, Vanemuine careceu de público. A partir de 1994, experimentou unha difícil loita, que superou con actores principais como Liina Olmaru, Merle Jääger e Raine Loo, así como novos directores como Ain Mäeots (Susi / "Lobo", 1995) e Tiit Palu. Durante este período, Mati Unt foi un director convidado habitual, mentres que outras producións exitosas foron dirixidas por Mikk Mikiver e Finn Poulsen. Non obstante, en 2003, o público comezara a diminuír de novo. Paul Mägi foi o director musical e director principal do Teatro Vanemuine desde 2011; Toomas Peterson converteuse no director xeral do teatro e Tiit Palu no director de escena desde 2013.
Os cambios de persoal foron frecuentes desde principios da década de 2000. Entre os directores principais están Mihkel Kütson (1999–2004, 2008–presente), Hendrik Vestmann (2004–2006) e Toomas Vavilov (2006–2007). A obra foi dirixida por Ain Mäeots entre 1999 e 2006, con Sven Karja de 2007 a 2010. Directores convidados viñeron do estranxeiro, como Barrie Rutter (Reino Unido) e Aljona Anohhina (Rusia), así como de Estonia (Uku Uusberg, Ingomar Vihmar, Hendrik Toompere jn). Desde agosto de 2023, o teatro está dirixido por Aivar Mäe.[5]
Houbo moito movemento entre os actores; en 2010 a compañía contaba con 21 membros. Mentres tanto, a compañía de ballet Vanemuine volveuse moi transnacional desde 2004 mais as escolas de danza estonianas non puideron producir suficientes bailaríns para o teatro.
O 30 de decembro de 2006, creouse a Fundación Vanemuine para preservar e apoiar a arte teatral estoniana, e o 6 de novembro de 2012, o Teatro Vanemuine rexistrouse como Fundación e, desde o 1 de xaneiro de 2013, xa se fixo cargo dos bens e as actividades do teatro.Desde 2017, o teatro conta con tres sedes permanentes: a "Casa Grande", a "Casa Pequena" e o Teatro do Porto. Ademais, tamén se representan obras para o público xuvenil na Casa do Teatro do Museo do Xoguete de Tartu.[5][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 "Teater". vanemuine.ee (en estoniano). Consultado o 5 de abril de 2026.
- 1 2 3 4 5 "Ajalugu". vanemuine.ee (en estoniano). Consultado o 5 de abril de 2026.
- ↑ "Sadamateater". vanemuine.ee. Consultado o 5 de abril de 2026.
- ↑ Postimees, 12 de augusto de 1906 (en estoniano)
- 1 2 "SA Teater Vanemuine". vanemuine.ee (en estoniano). Consultado o 7 de abril de 2026.
- ↑ "Vanemuise Fond". vanemuine.ee (en estoniano). Consultado o 7 de abril de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teatro Vanemuine |