Teatro Minack

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Representación teatral en agosto de 2012.
Vista panorámica do teatro.

O Teatro Minack (Gwaryjy Minack en córnico), construído na ladeira dun cantil sobre un afloramento granítico que se estende ata o mar, está situado ao aire libre. De feito, a palabra minack provén do córnico meynek, que significa lugar rochoso ou escarpado. Atópase en Porthcurno, a 6,4 km de Land’s End, o Finisterre inglés ao oeste de Cornualles. A tempada de funcións prolóngase de maio a setembro, e ata o 2012 arredor dunhas 80.000 persoas ao ano asistiron aos espectáculos e máis de 100.000 pagaron a entrada para visitar o lugar, que está incluído na listaxe dos teatros máis espectaculares do mundo.

Historia[editar | editar a fonte]

O teatro foi idea de Rowena Cade (2 de agosto de 1893 - 26 de marzo de 1983), irmá maior da feminista Katharine Burdekin, que se trasladou a Cornualles despois da Primeira Guerra Mundial e construíu unha casa para a súa nai e para ela nas terras de Minack por 100 libras. En 1929, un grupo local de actores representou a obra de Shakespeare O soño dunha noite de San Xoán (A Midsummer Night’s Dream) nun prado próximo, na localidade de Crean, e repetírona ao ano seguinte. Decidiron que a súa próxima actuación sería A Tempestade (The Tempest), considerada unha das mellores obras do dramaturgo inglés, e Cade ofreceu o xardín da súa casa como lugar axeitado para facelo, xa que estaba situado á beira do mar. A propietaria e o seu xardineiro, Billy Rawlings, construíron unha bancada nun terreo moi abrupto, transportando os materiais dende a casa ou dende a praia a través dun sinuoso camiño. En 1932, a representación d'A Tempestade, co mar como pano de fondo, foi un éxito rotundo. Coa intención de mellorar o teatro, e coa axuda de Billy Rawlings e Charles Angove, Cade traballou nos meses de inverno durante toda a súa vida para que se pudieran levar a cabo as funcións no verán.

En 1944 empregouse como escenario para a película Love Story, producida polos estudios Gainsborough e protagonizada por Stewart Granger e Margaret Lockwood, pero as inclemencias meteorolóxicas obrigáronos a filmar as escenas nunha réplica do teatro. En 1955 construíronse os primeiros camerinos e na década dos 70 Lawrence Shove, un técnico de son británico especializado en gravacións de flora e fauna, asumiu a dirección do Minack. Dende 1976 está rexistrado como organización benéfica, e é xestionado na actualidade por un equipo de administración local.

A día de hoxe represéntanse 20 pezas dende Semana Santa ata setembro, producidas por compañías de todo Reino Unido e mesmo outras procedentes dos Estados Unidos. Durante o resto do ano permanece aberto ao público. O seu 75 aniversario celebrouse en agosto de 2007 coa posta en escena d'A Tempestade, dirixida por Simon Taylor e interpretada polos actores do Winchester College, un centro de ensino privado situado no sur de Inglaterra con máis de 600 anos de historia.