En 1801, no clima da renovación urbana determinada pola conquista napoleónica, a Società teatrale della Casa Carcano decidiu construír un novo e grande teatro (1.200 - 1.500 espectadores) no curso da prestixiosa Porta Romana, unha vía chea de mansións novas e renovadas nos derradeiros anos do século XVIII por Piermarini. Os planos do teatro, segundo o xove arquitecto Luigi Canonica, inspiráronse no Teatro alla Scala de Milán e ao Teatro della Cannobiana.
O deseño foi encargado a Luigi Canonica, daquela un xove arquitecto do Estado da República Cisalpina, quen asumiu o cargo en agosto de 1797 en lugar de Piermarini .
O teatro atravesou unha fase de declive durante o século XX a pesar dunha restauración levada a cabo polo arquitecto Nazzareno Moretti, quen modificou á vez a sala e a fachada. Recentemente recuperou o seu posto na escena cultural de Milán. Baixo a dirección do seu antigo director artístico Giulio Bosetti (de 1997 ata 2009) acolleu principalmente obras de teatro en lugar de ópera. Dende febreiro de 2010 a dirección artística foi confiada a Marina Bonfigli, e o teatro foi restaurado por completo no verán dese mesmo ano.
O Carcano está formado por catro niveis. A decoración orixinal estaba composta por numerosas molduras e dourados, cun medallón central, estando o conxunto cuberto de ornamentacións de estilo neoclásico. Hoxe en día, non queda nada da sala e da fachada orixinal, que foi reconstruída en torno a 1913 por Moretti segundo o estilo ecléctico floral e cunha fachada modificada.
A capacidade do Carcano elevouse ata as 1.200 - 1.500 prazas. O traballo realizado en 2010 aportoulle ao teatro un acceso cómodo ás persoas don mobilidade reducida.