Teatro (arquitectura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Clásico teatro á italiana. Ópera Garnier, París
Teatro romano de Orange, Francia

Un teatro en arquitectura, é un edificio provisto dunha ou varias salas deseñadas para a representación de espectáculos de artes escénicas. Concibido na súa orixe para representacións teatrais, pode ter tamén funcións de danza e música. Aínda que non sempre se require un edificio para o teatro dramático (como sucede no teatro de rúa) a arquitectura para estas funcións serve para organizar os espazos de actuación e audiencia así tamén como para prover espazos de traballo e comodidades para o equipo técnico, os intérpretes e o público.

Espazos teatrais[editar | editar a fonte]

Espazo escénico[editar | editar a fonte]

Caixa escénica do Staatstheater de Darmstadt, Alemaña.
Entre bambolinas: lateral do escenario do Teatro de Bielefeld, Alemaña.

A parte destinada á representación chámase escena, escenario[1] ou espazo escénico.

Nun teatro á italiana, o escenario sitúase fronte aos espectadores, nun plano elevado. É a disposición tradicional da maioría das salas de teatro occidentais, herdada do século XVIII. Consta do escenario propiamente dito, delimitado cara aos espectadores por un marco chamado arco do proscenio, ou boca do escenario; péchao o pano de boca, o principal pano tradicionalmente realizado nun tecido pesado e con brillo como o veludo. Por diante do pano, o escenario dispón dunha parte avanzada chamada «gravata» e ás veces proscenio. O teatro pode ter un foso entre o proscenio e a primeira fila de espectadores, en que se sitúa a orquestra. A ambos os dous lados dun teatro á italiana, a escena prolóngase por uns espazos chamados "ombreiros", que permanecen ocultos á vista dos espectadores grazas ás bambolinas. Por aí os actores entran en escena e téñense preparados os elementos do decorado que se empregan na función teatral.

O escenario propiamente dito é o chan da caixa escénica, un espazo de moita altura que alberga as varas, uns perfís metálicos que soportan os elementos de iluminación e de decorado que poden baixar e subir, e os motores que as accionan. As varas á súa vez colgan do peite, unha grella metálica que pecha por riba a caixa escénica. Por baixo do escenario, existe como mínimo un espazo, chamado tamén foso, onde se almacenan os elementos de decorado que se soben ao escenario a través dunhas trampas chamadas trapelas. Debaixo do escenario dos grandes teatros modernos, poden existir varias plantas destinadas a diversos servizos técnicos.

Ao longo do século XX a renovación da arte teatral levou a unha reformulación do espazo escénico para adecualo ás novas técnicas interpretativas e para achegar actores e público facilitando a interacción. Afastándose da concepción clásica do "escenario de proscenio", os deseñadores prefiren falar entón de "espazo escénico", un termo máis flexible e aberto. A disposición "en area" sitúa a escena no centro da sala, nun plano baixo rodeado polos espectadores sentados en bancadas para maior visibilidade. Pode adoptar varias formas, circular como nun circo, rectangular ou cadrado. Outras disposicións utilizadas con bastante frecuencia son a disposición "en gravata", en que os espectadores ocupan tres lados do espazo escénico, mantendo libre un lateral para o acceso dos actores, e a disposición en corredor, en que os espectadores se sitúan a ambos os dous lados dun amplío corredor central por cuxos extremos entran e saen os actores. Aínda que estas disposicións permiten multiplicar os ángulos de visión do espectáculo, condicionan e limitan a escenografía ao non dispor dunha caixa escénica onde ocultar a maquinaria escénica.

Sala de ensaio[editar | editar a fonte]

Sala de ensaio do Teatro de Bielefeld, Alemaña.

Se o tamaño do edificio o permite, a fase de ensaios dos espectáculos desenvólvese nunha sala destinada a ese fin situada dentro do mesmo teatro. É unha ampla sala diáfana en que se pode instalar unha estrutura simplificada que simula a escenografía definitiva que se colocará no escenario do teatro.

Camerinos[editar | editar a fonte]

Son os cuartos privados dos actores, onde se visten e se preparan antes de entrar en escena. Nos pequenos teatros, os actores peitéanse e maquíllanse nos camerinos,[2] mentres que os teatros de máis envergadura dispoñen de salas equipadas onde lles atende o persoal técnico do teatro.

Talleres e seccións técnicas[editar | editar a fonte]

As seccións técnicas dos grandes teatros (maquinaria, electricidade, audiovisuais, son, utilería, sastrería, maquillaxe e peiteado) teñen salas onde desenvolver o seu oficio e almacenar as súas ferramentas e o seu material. Cando os decorados, o atrezo e o vestiario se crean dentro do mesmo teatro, estas seccións dispoñen de talleres equipados e insonorizados para que os ruídos non alcancen outras zonas do teatro.

Espazos destinados ao público[editar | editar a fonte]

Sala[editar | editar a fonte]

Na disposición tradicional á italiana, a sala fronte ao escenario adoita ter forma de ferradura nos teatros máis antigos. A parte baixa, a máis ampla, é a platea ou patio de butacas, onde se reparten as butacas en filas separadas por un corredor central e enmarcadas por dous corredores laterais. Nos teatros máis antigos, o piso do patio de butacas é plano e lixeiramente inclinado para preservar un mínimo de visibilidade. Nos teatros contemporáneos, o patio de butacas adoita estar constituído por un anfiteatro en bancadas que permite unha boa visibilidade do escenario desde as filas máis afastadas.

Para aproveitar mellor o espazo dispoñible en altura, a sala estrutúrase en varias plantas. Sobre o patio de butacas poden existir un ou máis andares. Os paramentos centrais e laterais dedícanse aos palcos ou a galerías abalconadas que se reparten en varios andares. Tradicionalmente, a parte máis alta do teatro denomínase poleiro;[3] é a de menor visibilidade e a máis económica.

Foyer[editar | editar a fonte]

Foyer do teatro de Třebíč, República Checa. Ao fondo, o acceso á cantina.

Funciona como vestíbulo da sala do teatro, destinado á espera, o descanso entre actos e lugar de encontro para o público. Nalgúns teatros, sobre todo nos máis pequenos, é común á cantina. En teatros de grandes dimensións, pode denominar tamén o corredor que rodea a sala de espectáculos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escenario.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para camerino.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para poleiro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]