Taxon disfrazado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplo hipotético
Grupo A

A1

B

A2

C

B é filoxeneticamente parte do grupo A,pero non taxonomicamente, así que A é parafilético.

En bacterioloxía, un taxon disfrazado (taxon in disguise) é unha especie, xénero ou unidade superior da clasificación biolóxica cuxa historia evolutiva revela que evolucionou a partir doutra unidade de rango similar ou inferior, o que fai que a unidade parental sexa parafilética.[1][2] Iso ocorre cando unha evolución rápida fai que apareza unha nova especie que é radicalmente diferente do grupo ancestral que xa non se pode recoñecer (polo menos superficialmente) que pertence ao grupo filoxenético parental, que queda como un grao evolutivo.

Aínda que o termo procede da bacterioloxía, existen exemplos paralelos en toda a árbore da vida. Por exemplo, os animais tetrápodos evolucionaron a partir de devanceiros peixes pero desde entón xa non se consideran xeralmente dentro dos peixes, e poden considerarse "peixes disfrazados".

En moitos casos, a parafilia pode resolverse reclasificando o taxon en cuestión dentro do grupo parental. Porén, en bacterioloxía, como en certos casos renomear os grupos pode ter graves consecuencias pola confusión que pode causar en medicina sobre a identidade de patóxenos, coñecidos desde hai moito tempo polo seu nome actual, xeralmente evita facerse isto para algúns grupos.

Exemplos[editar | editar a fonte]

Shigella[editar | editar a fonte]

Especies do xénero bacteriano Shigella causan a disentería chamada shigelose, unha infección que pode ser grave, que mata arredor dun millón de persoas cada ano no mundo.[3] O xénero (que comprende S. dysenteriae, S. flexneri, S. boydii, S. sonnei) evolucionou a partir dunha bacteria intestinal común como é Escherichia coli, o que fai que esa especie sexa parafilética. A propia E. coli pode causar tamén unha disentería grave,[4] pero as diferenzas en constitución xenética entre E. coli e Shigella causan diferentes condicións e síntomas médicos importantes de distinguir.[2]

Escherichia coli é unha especie non moi ben clasificada porque varias cepas só comparten o 20% do seu xenoma. É tan diversa que debería dárselle un rango taxonómico maior. Porén, as condicións médicas asociadas coa propia E. coli e con Shigella fan que non se cambie a actual clasificación para evitar confusións en contextos médicos. Shigella permanece así como unha "E. coli disfrazada".

Grupo do Bacillus cereus[editar | editar a fonte]

De xeito similar, as especies de Bacillus do grupo B. cereus (B. anthracis, B. cereus, B . thuringiensis, B. mycoides, B. pseudomycoides, B. weihenstephanensis e B. medusa) teñen unha secuencia do seu ARNr 16S que é similar nun 99-100% (o 97% é o que comunmente se cita como límite axeitado para unha especie) e deberían considerarse unha soa especie.[5] Algúns membros do grupo parece que se orixinaron a partir doutras cepas de Bacillus ao adquiriren un plásmido que codifica proteínas e por iso o grupo pode ser polifilético. Unha vez máis, por razóns médicas, como o carbúnculo (ántrax), a actual clasificación en especies separadas permanece intacta.[5]

Xéneros grandes de microbios[editar | editar a fonte]

  • O xénero bacteriano Pseudomonas foi aumentando ao longo de varias xeracións de aplicar os métodos taxonómicos, o que fixo que o seu número de especies chegase a unha cifra alarmante, con arredor de 800 especies recoñecidas na metade do século XX.[6][7] As bacterias fixadoras de nitróxeno do xénero Azotobacter e as especies Azomonas macrocytogenes evolucionaron a partir dunha especie do xénero Pseudomonas.[8] As súas capacidades de fixar nitróxeno e características diferentes fan que Azotobacter se poida describir como unha "Pseudomonas disfrazada".[1]
  • O xénero Bacillus foi descrito moi cedo na historia da microbioloxía e converteuse nun amplo xénero xeneticamente moi diverso, con 266 especies.[9] Os xéneros Paenibacillus e Brevibacillus son clados que están aniñados dentro de Bacillus.[10] Como Bacillus é importante desde o punto de vista médico e Paenibacillus é un organismo modelo que se usa en investigación, renomealos para reflectir a súa filoxenia real podería causar confusión.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Rediers, H; Vanderleyden, J; De Mot, R (2004). "Azotobacter vinelandii: a Pseudomonas in disguise?". Microbiology 150 (Pt 5): 1117–9. PMID 15133068. doi:10.1099/mic.0.27096-0. 
  2. 2,0 2,1 Lan, R; Reeves, PR (2002). "Escherichia coli in disguise: molecular origins of Shigella". Microbes and Infection / Institut Pasteur 4 (11): 1125–32. PMID 12361912. doi:10.1016/S1286-4579(02)01637-4. 
  3. World Health Organization. Shigellosis.
  4. Tauschek M, Gorrell R, Robins-Browne RM (maio de 2002). "Identification of a protein secretory pathway for the secretion of heat-labile enterotoxin by an enterotoxigenic strain of Escherichia coli". PNAS 99 (10): 7066–71. Bibcode:2002PNAS...99.7066T. PMC 124529. PMID 12011463. doi:10.1073/pnas.092152899. 
  5. 5,0 5,1 Bavykin, S. G.; Lysov, Y. P.; Zakhariev, V.; Kelly, J. J.; Jackman, J.; Stahl, D. A.; Cherni, A. (2004). "Use of 16S rRNA, 23S rRNA, and gyrB Gene Sequence Analysis to Determine Phylogenetic Relationships of Bacillus cereus Group Microorganisms". Journal of Clinical Microbiology 42 (8): 3711–30. PMC 497648. PMID 15297521. doi:10.1128/JCM.42.8.3711-3730.2004. 
  6. Palleroni, N. J. (2010). "The Pseudomonas Story". Environmental Microbiology 12 (6): 1377–1383. PMID 20553550. doi:10.1111/j.1462-2920.2009.02041.x. 
  7. Cornelis P, ed. (2008). Pseudomonas: Genomics and Molecular Biology (1st ed.). Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-19-6. 
  8. Young, J. M.; Park, D. -C. (2007). "Probable synonymy of the nitrogen-fixing genus Azotobacter and the genus Pseudomonas". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology 57 (12): 2894–2901. PMID 18048745. doi:10.1099/ijs.0.64969-0. 
  9. Bacillus Entrada en LPSN [Euzéby, J.P. (1997). "List of Bacterial Names with Standing in Nomenclature: a folder available on the Internet". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology 47 (2): 590–2. PMID 9103655. doi:10.1099/00207713-47-2-590. ]
  10. Xu, D; Côté, JC (2003). "Phylogenetic relationships between Bacillus species and related genera inferred from comparison of 3' end 16S rDNA and 5' end 16S-23S ITS nucleotide sequences". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology 53 (Pt 3): 695–704. PMID 12807189. doi:10.1099/ijs.0.02346-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]