Mamadou Tandja

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tandja Mamadou»)
Mamadou Tandja
Presidente de Níxer
Período22 de decembro de 1999 - 18 de febreiro de 2010
AntecesorDaouda Malam Wanké
SucesorSalou Djibo
Datos persoais
Nacemento20 de xullo de 1938
 Maïné-Soroa
Falecemento24 de novembro de 2020
 Niamey
OrganizaciónMouvement National de la Société de Développement - MNSD
CónxuxeLaraba Tandja
Profesiónmilitar e político
editar datos en Wikidata ]

Mamadou Tandja, nado en Maïné-Soroa en 1938 e finado en Niamey o 24 de novembro de 2020, foi un militar e político nixerino, presidente do seu país entre o 24 de novembro de 1999 e o 18 de febreiro de 2010, cando foi derrocado e detido por militares no golpe de estado, en medio dunha polémica pola extensión do seu mandato. Antes de acadar a presidencia do seu país, fora coronel do exército.

Biografía[editar | editar a fonte]

Foi Ministro de Interior durante a presidencia do xeneral Ali Seibou, posto desde o cal dirixiu a represión da revolta tuareg en Ténéré en 1990, feitos nos que máis de douscentos tuaregs foron arrestados, torturados e executados sen xuízo tralo ataque da xendarmería de Tchin-Tabaraden, na rexión de Tahoua, o 7 de maio de 1990. Os tuaregs reclaman un tratamento igualitario na administración.

A conferencia nacional nixerina de 1991 aprobou a celebración de eleccións multi-partitas: lexislativas o 14 de febreiro de 1993 e presidenciais o 27 de febreiro e 30 de marzo. Na primeira volta das presidenciais, Mamadou, candidato do antigo partido único, o Movemento Nacional pola Sociedade en Desenvolvemento (MNSD) obtivo o 34,22 % dos votos, por diante de Mahamane Ousmane, candidato á fronte dunha alianza de partidos de oposición que acadou un 26,59 %. Na segunda volta, Ousmane gañou a totalidade dos votos e as eleccións cunha participación moi reducida (35 %).

O 27 de xaneiro de 1996, o xeneral Ibrahim Baré Maïnassara derrocou o presidente Ousmane e organizou eleccións presidenciais en xullo do mesmo ano. Mamadou presentouse, pero só obtivo a terceira praza co 15,65 % na primeira volta, polo que non puido participar na segunda. O presidente saínte, o xeneral Ibrahim Baré Maïnassara, resultou vencedor no escrutinio contra Mahamane Ousmane.

Tralo asasinato do xeneral Baré en abril de 1999 e a toma de poder por parte do comandante Daouda Mallam Wanké, unhas novas eleccións presidenciais sen fraude notable tiveron lugar en novembro de 1999. Mamadou recibiu o 32 % dos votos na primeira volta e venceu ao antigo primeiro ministro Mahamadou Issoufou na segunda volta co 60 % dos votos. Mamadou comezou o seu mandato o 22 de decembro de 1999.

Mamadou Tandja.

Ao mesmo tempo que as presidenciais, tiveron lugar as eleccións lexislativas, nas que resultou vitorioso o MNSD de Mamadou Tandja. O novo presidente nomeou primeiro ministro a Hama Amadou.

Mamadou deu algunhas prioridades ao seu mandato: a prioridade era restablecer os contactos cos arrendadores dos fondos internacionais e ofrecerlles garantías de estabilidade e liberalismo económico, pois Níxer, un dos países máis pobres do mundo, depende en gran medida das axudas internacionais. Pero os recortes de Mamadou nos orzamentos de educación e sanidade, a redución dos efectivos da función pública nixerina e o atraso do cargo de funcionarios e militares até os 18 meses causaron un descontento xeneralizado entre a poboación, plasmada na manifestación de estudantes no campus da Universidade de Niamey en 2001 e nun amotinamento de unidades de militares en 2002. Por medo a que as manifestacións se estendesen, Mamadou dominou o amotinamento e controlou a prensa.

Nas eleccións presidenciais de novembro de 2004, Mamadou volveuse presentar. Na primeira volta Mamadou obtivo unha ampla vantaxe sobre outros cinco candidatos (40,7 % dos votos) e na segunda venceu a Mahamadou Issoufou co 65,5 % dos votos, obtendo así un segundo mandato. O candidato Issoufou denunciou fraudes electorais nas rexións desérticas do norte, mais é pouco probable que a amplitude das fraudes fose a responsable de mudar o resultado das eleccións.

O 19 de xaneiro de 2005, durante o 28ª cumio en Accra (Ghana), Mamadou Tandja foi elixido presidente da Comunidade Económica de Estados do Oeste de África, sucedendo ao ghanés John Kufuor.

O 18 de febreiro de 2010 un golpe de estado secuestrou a Mamadou e o seu gabinete, instaurando unha xunta militar que realizou unha rápida transición á democracia.

Presidente de Níxer

Segue a:
Daouda Malam Wanké
Mamadou Tandja
Precede a:
Salou Djibo
Mouvement National de la Société de Développement - MNSD