Takifugu rubripes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Takifugu rubripes
Fugu in Tank.jpg
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Tetraodontiformes
Familia: Tetraodontidae
Xénero: Takifugu
Especie: Takifugu rubripes
(Temminck & Schlegel, 1850)[2]
Sinonimia
  • Fugu rubripes (Temminck & Schlegel, 1850)
  • Fugu rubripes ssp. rubripes (Temminck & Schlegel, 1850)
  • Sphaeroides rubripes (Temminck & Schlegel, 1850)
  • Tetraodon rubripes Temminck & Schlegel, 1850)

Takifugu rubripes é unha especie de peixe globo, chamada no Xapón torafugu (xaponés: 虎河豚). Distínguese por ter un xenoma moi pequeno que foi totalmente totalmene secuenciado porque a especie se utiliza como organismo modelo en moitos experimentos e é unha referencia en xenómica.[3] Igual que outras especies do seu xénero, T. rubripes é aprezado polo seu uso nos pratos de fugu no Xapón e Corea do Sur.[4] A súa sobrepesca causou danos nas poboacións dalgunhas pesquerías e a especie é considerada agora "case ameazada" pola IUCN; porén, T. rubripes tamén se cría en acuicultura ademais de ser capturada salvaxe.[5]

Taxonomía e etimoloxía[editar | editar a fonte]

A especie a miúdo é denominada na literatura xenómica Fugu rubripes. O xénero Fugu é un sinónimo do nome actualmente preferido Takifugu.[6] Takifugu é o nome xaponés dos peixes globo e rubripes procede do latín ruber e pēs, e significa 'pés avermellados'.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A especie habita no mar do Xapón, mar da China Oriental e mar Amarelo do norte ao sur da illa de Sakhalin, a profundidades de entre 10 e 135 m. É unha especie demersal. A desova prodúcese en estuarios; os peixes novos poden tolerar un amplo intervalo de salinidades e permanecen en desembocaduras de ríos e albufeiras madurando durante un ano, e despois migran permanentemente ao océano aberto.[1]

Xenoma[editar | editar a fonte]

Unha característica desta specie é que ten un xenoma moi pequeno, que se utiliza como ‘referencia’ para identificar xenes e outros elementos nos xenomas de humanos e outros vertebrados. O seu xenoma foi publicado en 2002 polo International Fugu Genome Consortium que utilizou a secuenciación de escopeta do xenoma completo. O proxecto iniciouse en 1989 e foi o segundo senoma dun vertebrado en ser secuenciado e dispoñible publicamente, despois do humano.[7] Hoxe segue sendo o menor xenoma coñecido entre os vertebrados; o seu número de pares de bases é de ~6% do humano e o número de xenes codificadores de proteínas previamente coñecido é só do ~13% comparado cos coñecidos co xenoma humano, aínda que o número de cromosomas deste peixe (22) é comparable ao humano (23). Isto faino especialmente útil para estudos comparativos. As estimacións actuais son de que ten un total de 392.376.244 pares de bases, 1.138 xenes codificantes de proteínas coñecidos e outros 18.093 xenes novos e 593 xenes de ARN.[8]

Toxicidade[editar | editar a fonte]

Igual que outros peixes globo, algúns órganos desta especie conteñen tetrodotoxina e son moi tóxicos. A toxina está moi concentrada no fígado e ovarios, é mais escasa na carne e intestinos e está ausente na pel e testículos.[1]

Conservación[editar | editar a fonte]

A especie está clasificada como "case ameazada" pola IUCN. É un dos peixes máis valiosos desde o punto de vista comercial no Xapón e aínda que as capturas actuais (101 toneladas por ano en 2004, baixaron moito desde o pico acadado en 1987 que foi de 2.000 toneladas) son menores comparados cos da maioría das outras especies comerciais, como as sardiñas e anchoas, parece ser insostible e impide a recuperación da especie da súa anterior sobreexplotación. Recomendáronse restricións nos aparellos de pesca que se poden utilizar (a maioría das capturas fanse con palangres) e os axustes nas tempadas de pesca para protexer as crías para axudar á súa recuperación. A especie é criada a grande escala en acuicultura.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Shao, K., Liu, M., Jing, L., Hardy, G., Leis, J.L. & Matsuura, K. (2014). "Takifugu rubripes (Japanese Pufferfish)". IUCN Red List of Threatened Species 2014: e.T193612A2247747. doi:10.2305/IUCN.UK.2014-3.RLTS.T193612A2247747.en. 
  2. "ITIS Standard Report Page: Takifugu rubripes". Itis.gov. 2004-05-13. Consultado o 2016-05-05. 
  3. Holmes, Bob (2018). "A master teller of fish stories". Knowable Magazine. doi:10.1146/knowable-050918-050001. 
  4. Shardlow, Charlie Floyd, Ju. "The Japanese eat 10,000 tons of fugu each year. Here's what makes the poisonous pufferfish so expensive.". Business Insider. Consultado o 2021-09-09. 
  5. "Holy grail or poisoned chalice? Fugu farming in Japan". thefishsite.com (en inglés). Consultado o 2021-09-09. 
  6. Keiichi Matsuura (1990). "The pufferfish genus Fugu Abe, 1952, a junior subjective synonym of Takifugu Abe, 1949". Bull. Natn. Sci. Mus., Tokyo, Ser. A. 16: 15–20. 
  7. "Fugu Genome Project: IMCB, A*STAR, Singapore". www.fugu-sg.org. Arquivado dende o orixinal o 2001-10-26. Consultado o 2016-12-05. 
  8. Kai, Wataru; Kikuchi, Kiyoshi; Tohari, Sumanty; Chew, Ah Keng; Tay, Alice; Fujiwara, Atushi; Hosoya, Sho; Suetake, Hiroaki; Naruse, Kiyoshi (2011-01-01). "Integration of the Genetic Map and Genome Assembly of Fugu Facilitates Insights into Distinct Features of Genome Evolution in Teleosts and Mammals". Genome Biology and Evolution (en inglés) 3: 424–442. ISSN 1759-6653. PMC 5654407. PMID 21551351. doi:10.1093/gbe/evr041. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]