Este artigo amosa escritos coreanos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Taeksi Unjeonsa (en coreano:택시운전사) é un filme sucoreano de 2017 dirixido por Jang Hoon e escrito por Eom Yu-na. É un filme dramático e de acción[1] protagonizado por Song Kang-ho, xunto con Thomas Kretschmann.[2][3] Baséase nunha historia real e o filme céntrase nun condutor de taxi de Seúl que acaba por involucrarse sen querer no masacre de Gwangju en 1980. Baséase nas interaccións do xornalista alemán Jürgen Hinzpeter co condutor Kim Sa-bok; porén, como a identidade e o nome real de Kim eran descoñecidos no momento no que se fixo o filme (Hinzpeter só o coñecía como "Kim Sa-bok"), a maioría dos elementos referentes á súa vida persoal e ó que ocorreu fóra de Gwangju son ficticios.
O filme estreouse o 2 de agosto de 2017 en Corea do Sur.[4] Recibiu moi boas valoracións por parte da crítica que eloxiou a súa visión única dos eventos do masacre de Gwangju, o seu peso emocional así como o personaxe principal e a relación con Hinzpeter. Foi escollido como candidato de Corea do Sur para o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa na 90ª edición dos premios,[5][6] mais finalmente non foi nomeado. O filme foi un grande éxito comercial, sendo o segundo filme de 2017 con maior recadación en Corea do Sur, e converténdose no décimo primeiro filme con maior recadación da historia do país.[7][8]
Un condutor de taxi viúvo que vive coa súa filla de once anos nunha pequena casa. É un home común da clase traballadora que coida da súa familia e ten pouco interese polas cuestións políticas.[9] O personaxe baséase no condutor de taxi real Kim Sa-bok, que transportaba a Jurgen Hinzpeter até Gwangju. Kim permaneceu fóra da vida pública até a estrea do filme,[10] e en setembro de 2017, despois do enorme éxito comercial e da crítica en Corea do Sur, a identidade de Kim foi finalmente confirmada polo seu fillo, Kim Seung-pil. O fillo de Kim compartiu cos medios de comunicación unha foto de seu pai xunto a Jurgen Hinzpeter e revelou que o seu pai morrera de cancro en 1984, catro anos despois dos eventos de Gwangju.[11]
Un xornalista alemán. O personaxe baséase na vida de Jürgen Hinzpeter (1937–2016), o derradeiro xornalista alemán que filmou e reportou o masacre de Gwangju.[12]