Técnica de dominación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A psicóloga social norueguesa Berit Ås.

As técnicas de dominación son modos de manipulación social que un grupo dominante pode empregar para conservar a súa posición (nunha xerarquía visible ou non) fronte a persoas doutros grupos. Foi a psicóloga e filósofa norueguesa Ingjald Nisse quen creou este termo e definiu nove técnicas de dominación. Máis adiante Berit Ås, psicóloga social norueguesa, reduciu a lista a cinco técnicas e popularizounas. Existen outros autores que describen e clasifican as técnicas de dominación dun xeito algo diferente, mais as definicións e descricións orixinais de Berit Ås son as maiormente aceptadas.

Orixe[editar | editar a fonte]

Berit Ås tivo a idea de investigar as técnicas de dominación despois de participar nunha reunión na que descubriu que os homes expresaban de diferentes maneiras que o que ela dicía non era importante. Decidiu imitar estas expresións, como ir buscar café ou comezar xogar con algún obxecto cando alguén falaba, e comprobou que axudaba a que as súas opinións foran escoitadas. Listou e bautizou cinco técnicas de dominación. Segundo Berit Ås, coñecendo as cinco técnicas as mulleres poderán apoiarse mutua e discretamente en público se, no intre en que alguén utiliza unha destas técnicas, elas levantan unha man amosando tantos dedos como número de orde da técnica en cuestión.

Función[editar | editar a fonte]

As técnicas están fortemente relacionas co status social dentro do grupo. Pódense utilizar dende as posicións máis débiles da xerarquía pero atopámolas de xeito máis natural nas posicións superiores. Calquera tipo de persoas ou grupos poden utilizar técnicas semellantes, máis o termo técnica de dominación foi definido para amosar como os homes manteñen o seu control sobre as mulleres. Aplicado a un nivel persoal, o termo non ten sempre relevancia. Unha persoa nunha situación de desvantaxe pode sempre intentar ridiculizar un opoñente, pero entón o termo técnica de dominación non é o pertinente.

Uso[editar | editar a fonte]

O termo técnica de dominación utilízano no feminismo, onde é considerado un factor importante no mantemento da xerarquía patriarcal. Fora xa do feminismo, a teoría explica que técnicas similares son usadas para manter apartados do poder persoas con clase social “non apropiada”, idade ou etnia diferente, por exemplo. As técnicas de dominación poden ser usadas, naturalmente, por mulleres contra homes, por mulleres contra mulleres e por homes contra homes.

As cinco técnicas de dominación orixinais[editar | editar a fonte]

Facer invisible[editar | editar a fonte]

Consiste en ignorar as persoas da oposición para silencialas ou marxinalas.

Exemplos:

  • Alguén di o mesmo que ti acabas de dicir como se fose a súa idea ou toma a palabra no intre que ti comezaches falar.
  • Nunha reunión os outros comezan mover as cadeiras, moumear ou aclarala gorxa cando unha persoa toma a palabra.

Ridiculizar[editar | editar a fonte]

Consiste en presentar, dun xeito manipulador, unha persoa ou os seus razoamentos como ridículos ou pouco interesantes. Pódese facer incluso usando parecidos. Tamén resaltar negativamente a aparencia física.

Exemplo:

  • Un colega rise da pronunciación dunha persoa e di que soa como un personaxe dun programa de televisión (cando a persoa obxecto da burla tiña algo importante que dicir).

Agochar información[editar | editar a fonte]

Trátase de agochar información fundamental a unha persoa para excluíla ou para quitarlle poder.

Exemplos:

  • Alguén decátase de que os compañeiros tiveron unha reunión na que debería ter estado.
  • Decisións que tiñan que ter tomadas nunha reunión xa foron tomadas noutra reunión informal na que non todos os implicados estiveron presentes.

Castigar ídem per ídem[editar | editar a fonte]

Poñer a alguén nunha situación tal que, faga o que faga, acabe sendo desprezada e castigada.

Exemplos:

  • Un traballador é coidadoso coas súas tarefas. O xefe opina que as cousas non se dan feito. Se o traballador se da presa, entón vai ter que oír que é descoidado.
  • Un home é acusado de non ser responsable do fogar e os nenos, pero se o é entón téñeno por pouco viril.
  • Unha muller que escolle ficar na casa cos seus fillos no canto de ir a unha reunión polo serán é cualificada de pouco seria, pero se vai á reunión ten que oír que é unha mala nai.

Culpar e avergoñar[editar | editar a fonte]

Avergoñar a alguén ou insinuar que ela é a culpable da súa situación. Adoita ocorrer en combinación coa ridiculización e o castigo dobre.

Exemplos:

  • A pesar de que unha traballadora non fora informada dunha reunión, ten que oír que era ela quen tiña que informarse da hora da reunión.
  • Ninguén escoita o que unha persoa di nunha reunión, e a persoa coida que se expresou mal ou de xeito parvo.
  • Unha persoa que é acosada sexualmente ten que oír que é culpa dela por escoller certo estilo de roupa, por exemplo.
  • Unha traballadora é interrompida moitas veces no medio dunha frase, e ten a sensación de que iso que di non ten importancia.

Engadidos posteriores[editar | editar a fonte]

Berit Ås aumentou a lista máis tarde.

Cousificación do corpo da muller ou do home[editar | editar a fonte]

Refírese a comentar ou discutir o aspecto físico de mulleres ou homes cando non é relevante.

Violencia ou ameaza de violencia[editar | editar a fonte]

Aproveitarse da forza física para obrigar a alguén a facer o que un quere, ou facer ver que existe esa posibilidade.