Saltar ao contido

Tántalo africano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tántalo africano
 Nome taxon
    Mycteria ibis
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
 Categoría taxonómica
 Sinonimia
Tantalus ibis Linnaeus, 1766
 Conservación
Especie pouco preocupante
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseAves
OrdeCiconiiformes
FamiliaCiconiidae
TriboMycteriini
XéneroMycteria
EspecieMycteria ibis Editar o valor en Wikidata
Linnaeus, 1766 Mycteria ibis Editar o valor en Wikidata
Cifras e dimensións
 Envergadura
   157,5 cm Editar o valor en Wikidata
 Tamaño da niñada
   2,4 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Área de distribución
Fontes e ligazóns
Freebase/m/080h9z Editar o valor en Wikidata
ITIS561280 Editar o valor en Wikidata
OTT464693 Editar o valor en Wikidata
UICN22697654 Editar o valor en Wikidata
CoL6RRZZ Editar o valor en Wikidata
EOL45513556 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

O tántalo africano[1] (Mycteria ibis) é unha grande especie de ave cicónida africana. Está espallado pola África subsahariana e tamén vive en Madagascar.

Taxonomía e evolución

[editar | editar a fonte]

O tántalo africano está clasificado no xénero Mycteria xunto con outras tres especies existentes: M. americana, M. cinerea e M. leucocephala.[2][3] As especies de Mycteria presentan grandes homoloxías de comportamento (por exemplo, na alimentación e o cortexo) e en morfoloxía, con relativamente poucas variacións entre as especies.[3]

Descrición

[editar | editar a fonte]
En plumaxe reprodutora de rechamantes cores, Zambia
Adulto en voo, Zambia
Exemplar xove en voo, Zambia

Este cicónido de mediano tamaño ten 90–105 cm de altura.[4] O seu corpo é branco cunha curta cola negra que ten brillos verdes e púrpuras cando o animal acaba de mudar.[4] O bico é amarelo intenso, lixeiramente curvado na punta, e cunha sección transversal máis arredondada que noutras especies de cicónidos doutros xéneros.[4] As plumas esténdense pola cabeza e pescozo xusto ata detrás dos ollos, quedando a face e a fronte cubertas por unha pel vermella intensa. Ambos os sexos teñen aspecto similar, mais o macho é meirande e ten un bico lixeiramente máis longo e pesado.[3] Os machos e femias pesan aproximadamente 2,3 kg e 1,9 kg, respectivamente.[5]

A coloración faise máis viva durante a estación reprodutora, período no que a plumaxe é de cor rosa na parte superior das ás e no dorso;[3] as patas normalmente marróns cambian a rosa forte; o bico faise amarelo máis intenso e a face vermella máis intensa.[4]

Os individuos xoves son marróns cincentos cunha cara de cor laranxa apagada parcialmente espida e un bico amarelado apagado.[4] As patas e pés son marróns e as plumas do corpo son marróns anegradas. Cando empluman, empeza a desenvolverse a coloración rosa salmón na parte inferior das ás, e despois de que teñen un ano, a plumaxe é branca cincenta. As plumas de voo da cola e ás tamén se fan negras. Posterioremente, aparece a coloración tipicamente rosa do adulto.[4]

Teñen un camiñar de axexo con pasos rápidos[3] sobre o fondo de augas pouco profundas, con velocidades de 70 pasos por minuto.[3] Voan alternando batidos das ás e planando, cunha velocidade media de batidos alares de 177–205 batidos por minuto.[3] Xeralmente voan batendo as ás para facer curtas viaxes e adoitan voar pairando remontándose e dslizándose durante varios quilómetros para moverse entre colonias reprodutoras ou pousadeiros e sitios de alimentación.[3] Ao remontárense nas térmicas e deslizárense despois, poden cubrir grandes distancias sen gastaren moita enerxía.[4] Este cicónido, ao descender desde grandes altitudes, observouse voando en picado a altas velocidades e xirando continuamente dun lado a outro,[3] dando así a impresión de estar facendo un voo acrobático. Mesmo parecen gozar con estas exhibicións aéreas.[4]

Esta especie é xeralmente silenciosa, pero pode emitir chíos asubiantes en falsete durante as exhibicións sociais na época reprodutora.[4] Tamén realizan sons repenicantes co bico batendo as mandíbulas rápido e un audible batido das ás cuxo son lembra algo a un “ladrido” nas colonias reprodutoras.[4] As crías no niño fan unha chamada alta continua e monótona "bradando" para pediren aos pais adultos comida.[4]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Bandada nunha zona húmida estacional en Zambia

Vive principalmente en África oriental,[6] pero está amplamente distribuído en áreas que se estenden desde Senegal e Somalia e ao sur ata Suráfrica[4] e nalgunhas rexións do oeste de Madagascar.[7] Durante unha observación dunha colonia de aves de especies mixtas no río Tana en Kenya, esta era a especie máis común, con 2.000 individuos nunha contaxe.[4] Tamén é a especie dominante en colonias reprodutoras grandes do lago Manyara e nas zonas húmidas de Ihefu nas ribeiras do río Ripera en Tanzania.[8]

A especie xeralmente non migra lonxe, polo menos non fóra da súa área reprodutora; pero adoita facer curtos movementos migratorios que están influenciados polas precipitacións de chuvia. Fai movementos locais en Kenya e tamén migra do norte ao sur do Sudán pola estación de chuvias.[4] Tamén pode migrar regularmente a ou desde Suráfrica.[4] Porén, sábese pouso sobre os movementos migratorios xerais desta ave. Debido aparentemente á variación dos padróns migratorios observados en África, a especie foi denominada nómade facultativa.[4] Pode migrar simplemente para evitar áreas onde as condicións pluviométricas ou da auga son desfavorables para alimentarse das súas presas.[4] Algunhas poboacións migran a distancias considerables entre os sitios de alimentación ou reprodución; usualmente utilizando as térmicas para a remontada e despois deslizándose.[4] Outras pobaocións locais son sedentarias e permanecen nos seus respectivos hábitats todo o ano.[4]

Entre os seus hábitats preferidos están as zonas húmidas, lagos pouco fondos e chairas de lama, xeralmente de 10–40 cm de profundidade,[4] pero normalmente evita as rexións moi boscosas de África central.[4] Tamén evita as rexións asolagadas e corpos de auga expansivos profundos porque as condicións para a súa alimentación alí son pouco axeitadas para a súa técnica típica de alimentación de tentear na auga e axitar.[4]

Reprodúcese principalmente en Kenya e Tanzania. Aínda que se sabe que se reproduce en Uganda, os seus sitios de reprodución non foron rexistrados.[6] Reprodúcese en Malakol en Sudán[4] e a miúdo dentro de cidades amuralladas de África Occidental desde Gambia cara ao sur ata o norte de Nixeria.[9] Outros sitios de reprodución son Zululandia en Suráfrica[10] e o norte de Botsuana,[11] pero son máis raros máis ao sur en Botswana e Zimbabwe onde hai sitios que teñen abundante auga.[4] Aínda que non hai probas directas da súa reprodución actual en Madagascar, observáronse exemplares xoves incapaces de voar preto do lago Kinkony en outubro.[12]

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

A dieta deste tántalo consta de pequenos peixes de auga doce dunha lonxitude de 60-100 mm[3] e como máximo de 150 g,[13] os cales tragan enteiros. Tamén come crustáceos, vermes, insectos acuáticos, ras e de cando en vez mamíferos pequenos e aves.[4]

Esta especie parece confiar principalmeente no sentido do tacto para detectar e capturar presas, en lugar de utilizar a vista.[3] Aliméntanse pacientemente vadeando pola auga cos bicos parcialmente abertos, sondando na busca de presas a intervalos. O contacto do bico con algunha presa causa un rápido reflexo de pechar o bico, e seguidamente levantan a cabeza e tragan a presa enteira.[3] A velocidade deste reflexo na especie moi emparentada Mycteria americana rexistrouse en 25 milisegundos[14] e aínda que o corespondente reflexo no tántalo africano non se mediu cuantitativamente,[3] o seu mecanismo de alimentación parece ser polo menos cualitativamente idéntico ao da especie americana.[3]

Ademais do reflexo de peche do bico, o tántalo africano tamén usa unha técnica sistemática de axitar o pé para tentear presas evasivas.[3] Pica e revolve o fondo da auga como parte da súa técnica[3] para forzar as presas a saíren da vexetación do fondo e no bico da ave. A ave fai isto vsrias veces cun pé antes de botalo para diante e repetir co outro pé.[3] Aínda que son predadores normalmente activos,[6] tamén se observaron recollendo peixes regurxitados por corvos mariños.[6]

Observouse seguindo os crocodilos en movemento ou os hipopótamos pola auga e alimentándose detrás deles, aparentemente aproveitándose dos organismos que saen ao seu paso.[15] Esta forma de alimentación dura só un curto tempo antes de que a ave obteña o que necesita e volva decansar outra vez.[4]

Os pais alimentan as crías regurxitando peixes no fondo do niño, onde os collen e comen os polos. As crías comen vorazmente e incrementan o seu peso corporal de 50 a 600 g durante os primeiros dez días de vida.[4]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A reprodución é estacional e parece ser estimulada polo pico de fortes precipitacións continuadas[16][17] e os asolagamentos resultantes das marismas pouco profundas, xeralmente preto do lago Victoria.[16] Estas inundacións están ligadas a un incremento na dispoñibilidade dos peixes que son as súas presas;[16][4] e a reprodución está, pois, sincronizada con este pico na dispoñoibilidade de alimentos. Para explicar as observacións deste fenómeno preto de Kisumu, M.P. Kahl sinala que na estación seca a maioría dos peixes son forzados abandonar as marismas desecadas e desoxixenadas que non poden mantelos vivos e retíranse ás augas profundas do lago Victoria, onde os tántalos non os poden capturar.[16] Porén, os peixes trasládanse río arriba cando comezan as chuvias e espállanse polas marismas para reproducírense, onde son accesibles aos tántalos. Ao nidificaren neste momento e con tal que as chuvias non acaban prematuramente, os tántalos teñen garantida abundante comida para as crías.[16]

Pode tamén empezar a nidificar e reproducirse ao final das chuvias persistentes. Isto ocorre especialmente en marismas extensas e planas a medida que o nivel das augas decrece gradualmnte e os peixes concéntranse o suficiente como para que se alimenten os tántalos.[4] Porén, as chuvias non estacionais inducen unha reprodución fóra de estación no norte de Botsuana[18] e oeste e leste de Kenya. As chuvias poden causar cheas locais creando as condicións óptimas para a alimentación da ave.[4] Este tántalo parece reproducirse simplemente cando a chuvia e a inundación local son as ideais e, polo tanto, parece ser flexible no seu padrón reprodutor temporal, que varía co padrón das chuvias ao longo do continente africano.[4]

Como fan todos os cicónidos, o macho do tántalo africano selecciona e ocupa posibles sitios de nidificación en árbores, tras o cal as femias intentarán aproximarse aos machos.[3] Ten un repertorio amplo de comportamentos de cortexo que fan preto ou no niño que poden levar á formación de parellas e á copulación. Xeralmente, estes comportamentos de cortexo considéranse comúns a todas as especies de Mycteria e mostran unha homoloxía salientble dentro do xénero Mycteria.[3] Despois de que o macho se estableceu inicialmente no sitio de nidificación e a femia empeza a aproximarse, el exhibe comportamentos para que ela advirta a súa presenza. Un destes é a exhibición de acicalamento, onde os machos finxen acicalar cada unha das súas ás co bico varias veces en cada lado,[3] pero o bico en realidade non se pecha arredor das plumas. Outra exhibición observada nos machos é o "agarre de ramiñas e balanceo" (Swaying-Twig Grasping). Aquí, o macho está de pé no posible sitio de nidificación e inclínase para agarrar coidadosamente e liberar as ramiñas que hai por debaixo a intervalos regulares.[3] Isto por veces vai acompañado de oscilacións a ambos os lados do pescozo e cabeza e el segue collendo as ramiñas entre cada un deses movementos.[3]

Reciprocamente, as femias que se achegan exhiben os seus propios comportamentos distintivos. Un deses comportamentos é a "postura de balanceo" (Balancing Posture),[3] Despois do cal camiña co eixe do corpo horizontal e as ás estendidas cara ao macho ocupando o sitio de nidificación. Despois, cando a femia continúa aproimándose ou xa se encontra perante un macho establecido, ela pode tamén realizar a "abertura do bico" (Gaping), no cal abre o bico lixeiramente co pescozo inclinado cara adiante nun ángulo de 45°[3] e isto adoita ocorrer en conxunción coa "postura de balanceo". Este comportamento normalmente continúa se o macho acepta a femia e lle permite entrar no niño, pero a femia xeralmente pecha as ás nese momento.[3] O macho pode tamén continuar coa exhibición de acicalamento mentres está perante a femia no niño.[3]

Durante a copulación o macho sobe ás costas da femia desde un lado, coloca ben os pés sobre os ombros dela, estende as ás para equilibrarse e finalmente dobra as patas para estar máis baixo e en contacto coa cloaca da femia. Á súa vez, a femia estende as ás case horizontalmente. O proceso acompáñase polo repeniqueo co bico do macho, que abre e pecha rapidamente as súas mandíbulas e vigorosamente sacode a cabeza para que o seu bico choque contra o da femia.[3] Mentres, ela mantén o bico horizontal respecto ao do macho ou inclinado cara atrás uns 45 graos.[3] O tempo medio de copulación nesta especie calculouse en 15,7 segundos.[3]

Ovos de Mycteria ibis no MHNT.

A femia pon e 2 a 4 ovos (as máis das veces 3)[4] en días alternantes[19] e o tamaño de posta medio é de 2,5.[20] O macho e a femia comparten os traballos de incubación dos ovos, que duran uns 30 días.[4] Como en moitos outros cicónidos,[21][22] a eclosión é asíncrona (xeralmente con intervalos de 1 a 2 días),[4] de tal xeito que o polo máis novo no niño difire considerablemente en tamaño durante toda a crianza.[3] Durante os episodios de escaseza de comida, a cría máis pequena está en risco de ser superada na competición pola comida polos seus irmáns máis grandes.[3]

Ambos os proxenitores repártense a vixilancia e alimentación dos polos ata que teñen 21 días de idade.[4] De aí en adiante, ambos os pais van buscar alimento para atenderen as intensas demandas de comida dos polos.[4] Ademais da alimentación parental por regurxitación de peixes, tamén se observou que regurxitan auga nos bicos abertos das crías,[23] especialmente nos días calorosos. Isto pode axudar na típica estratexia termorregulatoria das crías (común a todos os cicónidos)[3] na que as crías excretan urina diluída que esvara polas patas abaixo en resposta ao tempo meteorolóxico moi cálido, a cal se evapora e arrefría o corpo.[3] A auga regurxitada ás crías serve como un suplemento de auga adicional á contida nos alimentos, de modo que teñen auga dabondo para continuaren urinando polas patas evitando a hiperventilación.[3] Ademais, os pais ás veces axudan a que as crías se manteñan frescas dándolles sombra abrindo as ás como parasol.[4]

As crías adoitan emplumar uns 50–55 días despois da eclosión[3] e marchan voando do niño. Con todo, unha vez que abandonan o niño por primeira vez, a miúdo tornan a el para recibiren alimento dos pais e están pousados nas ramas con eles por outras 1–3 semanas.[3] Tamén se cre que os individuos non son completamente adultos ata que teñen 3 anos[4] e, malia a falta de datos, os adultos xoves non se pensa que se reproduzan ata moito despois desa idade.[4]

As crías independizadas que emplumaron non difiren considerablemente nas súas estratexias de busca de comida e alimentación dos adultos. Nunha investigación, catro tántalos africanos adultos criados á man mantidos en catividade mostraban a típica alimentación tenteando a auga e axitaban a auga cos pés pouco despois de seren situados en corpos de auga.[3] Polo tanto, isto suxire que esas técnicas de alimentación son innatas nesta specie.

Nidificación

[editar | editar a fonte]
Colonia de niños en árbores altas, Zambia
Niños de paus nunha árbore alta, Zambia

É unha especie nidificante colonial, a miúdo xunto con outras especies;[20] pero ás veces é a única especie ocupante na colonia.[4] As colonias adoitan ser de 10-20 niños, con varios machos ocupando os posibles sitios de nidificación todos no mesmo lugar.[4] Se moitos deses machos non conseguen parella, o grupo enteiro trasládase coas femias non emparelladas a outras árbores. Estas “despedidas de solteiro”[3] son unha característica notable das colonias desta especie e xeralmente constan en 12 ou máis machos e polo menos a mesma cantidade de femias.[3] Contáronse uns 50 niños á vez nunha soa área de reprodución.[9]

O macho e a femia constrúen xuntos un niño de paus en árbores altas ou en terra seca lonxe dos predadores, ou en árbores pequenas sobre a auga.[24][4] A construción do niño dura uns 10 días.[4] O niño pode ser de 80-100 cm de diámetro e 20-30 cm de grosor.[4]

Outros comportamentos

[editar | editar a fonte]

Malia o seu gregarismo durante a época reprodutora, o normal é que a maioría dos individuos se ignoren uns aos outros fóra dos sitios de nidificación;[3] aínda que poden producirse algúns encontros hostís. Algúns deses encontros supoñen que un individuo realiza un claro ataque ou unha resposta de fuxida se hai unha gran diferenza en status social entre ambos os individuos.[3] Porén, se dous individuos están igualados, achéganse devagariño e realizan unha exhibición ritualizada chamada "ameaza avanzada" (Forward Threat).[3] Nela, un individuo mantén o seu corpo botado para diante horizontalmente e retrae o pescozo coa cola ergueita cunha inclinación de 45 graos e todas as plumas erectas.[3] Aproxímase ao rival e apunta o bico cara a el, ás veces abrindo a boca.[3] Se o rival non capitula, o atacante pode agarralo co bico e os dous poden brevemente loitar cos bicos ata que un deles recúa en posición ergueita e coa plumaxe comprimida.[3]

Poden orixinarse hostilidades entre sexos opostos cando unha femia se aproxima a un macho nun posible sitio de nidificación. Ambos os sexos poden realizar unha similar "ameaza avanzada" antes mencionada, pero repenican co bico despois de que agarran con el o outro tántalo e abren as súas ás para manteren o equilibrio.[3] Outro comportamento hostil entre sexos é a "exhibición de pechar de golpe o bico" (Snap Display),[3] na cal pechan o bico horizontalmente facendo ruído mentres están de pé. Isto pode ocorrer durante e inmediatamente despois da formación da parella, pero diminúe despois no seu ciclo reprodutivo a medida que macho e femia se familiarizan e finalmente desaparece.[3]

As crías mostran cambios de comportamento notables ás 3 semanas de idade. Durante os coidados constantes parentais das semanas anteriores, as crías mostraban pouco medo ou agresión en resposta aos intrusos (como un observador humano), e o que facían era simplemente que se agachaban e quedaban quietas no niño.[3] Despois dese período, cando os pais marchan a buscar comida e os polos quedan sós no niño, as crías mostran un gran medo en resposta á presenza dun intruso. Poden intentar gabear para saíren do niño e escaparen ou actúan agresivamente contra o intruso.[3]

Ameazas e supervivencia

[editar | editar a fonte]

Ademais de ser abundante e estar moi espallado, o tántalo africano tamén parece ser tolerante a cambios a curto prazo no seu hábitat natural.[4] Porén, en África oriental está en risco polo furtivismo e a redución do hábitat malia a súa abundancia e estabilidade da poboación[4] e está na lista do Acordo sobre as Aves Acuáticas Africao-Eurasiáticas (AEWA).[25] Non obstante, a pobaoción global non é considerada actualmente ameazada cun declive grave,[4] especialmente porque o seu éxito reprodutivo é relativamente alto.[4] No leste de África, onde é máis abundante, rexistráronse de 1-3 crías por niño.[20]

Ademais das actividades humanas, os inimigos naturais son guepardos, leopardos e leóns, que depredan esta especie.[26] Os ovos están tamén en risco de depredación polas aguias pescadoras Icthyophaga vocifer.[27] Nunha colonia en Kisumu, Kenya, aproximadamente o 61 % dos ovos contados en todos os niños fixeron eclosión e o 38 % foron depredados polas aguias pescadoras.[27] A taxa de éxito ata emplumar foi só de 0,33 crías por niño.[27] Porén, o aumento da depredación de ovos polas aguias pescadoras parece estar ligado ao declive das poboacións de peixes no golfo de Winam.[27]

Conservación

[editar | editar a fonte]

Esta especie foi avaliada pola IUCN como en preocupación menor por varias razóns. Primeira, a tendencia da poboación parace ser decrecente[28] pero este decrecemento non se cre que se estea aproximando rapidamente ao limiar de especie vulnerable segundo o criterio de tendencia da poboación.[28] A súa área de distribución é moi grande e tampouco se aproxima ao limiar de especie vulnerable segundo este criterio.[28] Finalmente, se ben non houbo estimacións oficiais do tamaño da poboación,[6] esta sábese que é moi grande e non cumpre tampouco os criterios de vulnerable segundo o tamaño de poboación.[28]

Na cultura e relacións cos humanos

[editar | editar a fonte]

A imaxe deste tántalo foi utilizada en selos de correos de varios países africanos.[29]

  1. ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
  2. ↑ Peters
  3. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 Kahl, Ibis
  4. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 Hancock, et al.
  5. ↑ Sinclair, et al.
  6. 1 2 3 4 5 Kasoma and Pomeroy
  7. ↑ Rand
  8. ↑ Nicholas, Aaron; Baker, Neil. "Yellow-billed stork nesting site in hefu wetlands". youtube. Birding Tanzania. Consultado o 3 de xuño de 2024.
  9. 1 2 Bannerman
  10. ↑ Clancey
  11. ↑ Fraser
  12. ↑ Langrand
  13. ↑ Bell-Cross
  14. ↑ Kahl and Peacock
  15. ↑ Pooley
  16. 1 2 3 4 5 Kahl, Journal of East African Natural History Society and National Museum
  17. ↑ Brown and Britton
  18. ↑ Tree
  19. ↑ "Yellow-Billed Stork".
  20. 1 2 3 Brown, et al.
  21. ↑ Schüz
  22. ↑ Kahl, Ecological Monographs
  23. ↑ Stronach
  24. ↑ Andrew, Elliott; Garcia, Ernest; Boesman, Peter F. D. (4 de marzo de 2020). "Yellow-billed Stork Mycteria ibis". Birds of the World (1.0 ed.). Consultado o 16 de agosto de 2023.
  25. ↑ "Yellow-billed stork videos, photos and facts - Mycteria ibis | ARKive". Arquivado dende o orixinal o 2015-04-02. Consultado o 2015-03-15.
  26. ↑ "Yellow-billed Stork - DesertUSA".
  27. 1 2 3 4 Parsons
  28. 1 2 3 4 "Yellow-billed Stork (Mycteria ibis) - BirdLife species factsheet". www.birdlife.org. Arquivado dende o orixinal o 2012-09-24.
  29. ↑ "Yellow-billed Stork stamps". Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2000.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bannerman, D.A. (1953). The birds of west and equatorial Africa, Vol. 1. Oliver & Boyd: Londres.
  • Bell-Cross, G. (1974). "Observations on fish-eating birds in central Africa". Honeyguide, 77: 23–31.
  • Brown, L.H., and Britton, P.L. (1980). The Breeding Seasons of East African Birds. East African Natural History Society: Londres.
  • Brown, L.H., Urban, E.K., and Newman, K. (1982). The Birds of Africa, Vol. 1. Academic Press: Londres.
  • Clancey, P.A. (1964). The Birds of Natal and Zuzuland. Oliver & Boyd: Londres.
  • Fraser, W. (1971). "Breeding herons and storks in Botswana". Ostrich, 42: 123–127.
  • Garrod, A.H. (1875a). On the form of trachea in certain species of storks and spoonbills. Proceedings of the Zoological Society of London, 1875: 297–301.
  • Garrod, A.H. (1875b). On the disposition of the deep planar tendons in different birds. Proceedings of the Zoological Society of London, 1875: 339–348.
  • James, Peter L. (1931). Checklist of the Birds of the World, Vol 1. Harvard University Press: Cambridge, USA.
  • Kahl, M.P. (1972). "Comparative ethology of the Ciconiidae: The wood storks (Genera Mycteria and Ibis)". Ibis, 114: 15-29
  • Kahl, M.P. (1964). "Food Ecology of the Wood stork (Mycteria americana) in Florida". Ecological Monographs, 34: 97-117.
  • Kahl, M.P. (1968). "Recent breeding records of storks in Eastern Africa". Journal of East African Natural History Society and National Museum, 27: 67–72.
  • Kahl, M.P., and Peacock, L.J. (1963). "The bill-snap reflex: a feeding mechanism in the American woodstork". Nature, 199: 505–506.
  • Hancock, J.A., Kushlan, J.A., and Kahl, M.P. (1992). Storks, Ibises and Spoonbills of the World. Academic Press: Londres.
  • Kasoma, P.M.B., and Pomeroy, D.E. (1987). "The status and ecology of storks and the shoebill in East Africa". Colonial Waterbirds, 10: 221–228.
  • Langrand, O. (1990). Guide to the birds of Madagascar. Yale University Press: New Haven.
  • Parsons, J. (1977). "The effect of predation by fish eagles on the breeding success of various Ciconiiformes nesting near Kisumu, Kenya". Journal of Natural History, 11: 337–353.
  • Pooley, A.C. (1967). "Bird/crocodile and bird/hippopotamus commensalism in Zuzuland". Ostrich, 38: 11–12.
  • Rand, A.L. (1936). The distribution and habits of Madagascar birds. Bulletin of the American Museum of Natural History, 72: 143–499.
  • Schüz, E. (1957). "Das Verschlingen eigener Junger ( “Kronismus”) bei Vogeln und seine Bedeutung". Vogelwarte, 19: 1-15.
  • Sinclair, I., Hockey, P.A.R., and Arlott, N. (2007). The larger illustrated Guide to the Birds of Southern Africa. Struik Publishers: Cape Town.
  • Stronach, B.W.H. (1968). "The Chagana heronry in western Tanzania". Ibis, 110: 344–348.
  • Tree, A.J. (1978). "A visit to Makgadikgadi Pan in April 1974". Honeyguide, 109: 18–19.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]