Saltar ao contido

Susanna Blunt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSusanna Blunt
Biografía
Nacemento1951
Harbin, Heilongjiang, China
Educación Banff School of Fine Arts (Alberta).
Hammersmith School of Art and Architecture (Londres).
Byam Shaw School (Londres).
Royal Academy of Arts (Londres).
Actividade
OcupaciónPintora, deseñadora gráfica, escultora.
EmpregadorUniversidade da Columbia Británica
Real Casa da Moeda do Canadá.
Xénero artísticoRetrato, Trompe-l'œil.
Obra
Obras destacables

Sitio webhttps://www.bluntart.com/

Susanna Blunt, nada en Harbin, China, en 1941, é unha artista canadense especializada en pintura de retrato, escultura e deseño gráfico, coñecida polo seu deseño do cuarto retrato de Isabel II característico dos anversos das moedas canadenses cuñadas entre 2003 e 2023.

Blunt foi a segunda muller canadense en deseñar un retrato dun monarca nas moedas do seu país; a primeira foi Dora de Pédery-Hunt.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Susanna Blunt naceu en Harbin, provincia chinesa de Heilongjiang, filla duns executivos ingleses da entidade bancaria HSBC,[1] e creceu na Columbia Británica.[2]

Desde a súa infancia, Blunt amosou bos dotes para o debuxo, e xa na súa adolescencia comezou a súa formación artística asistindo durante tres veráns á Escola de Belas Artes de Banff, en Alberta, onde aprendeu pintura con Françoise Stegeman. Tamén tomou clases particulares coa artista Frances Goward durante un ano.[2]

Logo trasladouse a Londres. Alí asistiu a clases de debuxo e escultura básica na Hammersmith School of Art and Architecture, e seguidamente formouse durante tres anos na Byam Shaw School. Posteriormente acadou unha bolsa de estudos para se formar durante outros catro anos mais o posgrao na Royal Academy de Londres, durante os cales gañou varios premios polos seus debuxos e polas súas pinturas de retratos e de paisaxes. En 1966, un ano antes de se graduar, celebrou a súa primeira exposición individual na xa desaparecida Canadian Art Gallery, de Calgary, Alberta, e despois da exposición regresou a Inglaterra para completar os traballos da súa graduación.[2]

En Londres foi invitada a participar xunto co artista inglés David Hockney como xurado nun concurso nacional; a London Print Gallery adquiriu un dos seus gravados e traballou con Yoko Ono durante seis meses en diversos proxectos artísticos e exposicións.[2]

Carreira docente

[editar | editar a fonte]

De regreso no Canadá instalouse inicialmente en Vancouver, mais logo trasladouse a California, nos Estados Unidos, e iniciou alí a unha carreira como docente, no centro de ensino superior de artes College of Marin, no condado de Marin. Durante esta etapa de tres anos residiu na baía de San Francisco, e alí coñeceu e recibiu a influencia de artistas como o pintor surrealista Gordon Onslow Ford ou o escultor J. B. Blunk.[2]

Novamente en Vancouver, continuou a exercer a docencia en institucións tanto privadas como públicas, entre elas a facultade de Belas Artes da Universidade da Columbia Británica, onde ensinou durante varios anos, ao tempo que desenvolvía a súa carreira como retratista, muralista e deseñadora, con diversas viaxes a varios países para facer retratos por encarga.[2]

Carreira artística

[editar | editar a fonte]
Moeda canadense de de 5 centavos, co busto de Isabel II deseñado por Blunt no anverso. O autor do reverso é George Kruger Gray.[3]

Blunt deuse a coñecer polas súas pinturas coa técnica do trompe-l'œil e en 1988 encomendóuselle o deseño da sala de ilusións ópticas do museo científico Science World, de Vancouver.[1] Entre 1991 e 1992, residiu en Francia, onde participou en cinco exposicións colectivas e individuais, e gañou un terceiro premio nun concurso internacional.[2]

Entre as persoas retratadas por Susanna Blunt están o pintor de Vancuver Toni Onley, o escritor desa mesma cidade George Woodcock, o produtor de cine Stanley Donen, dos Ánxeles, e o violoncellista londiniense Steven Isserlis.[4]

Susanna Blunt participou en exposicións colectivas e individuais en Inglaterra, Francia, Italia, Hong Kong, os Estados Unidos e o Canadá.[2]

En 1995, foi elixida nun concurso nacional por Gerda Hnatyshyn, esposa do gobernador xeral do Canadá, Ray Hnatyshyn, para pintar o seu retrato oficial,[5] para a súa residencia oficial en Otava, Ontario,[1] e en 1997 pintou un retrato do príncipe Eduardo que lle fora encargado polo Palacio de Buckingham.[2]


A Real Casa da Moeda do Canadá, coñecedora da súa obra, invitou en 2002 a Susanna Blunt a participar, xunto con outros oito artistas, nun concurso nacional para crear un novo retrato da raíña Isabel II que se utilizaría nos anversos de todas as moedas canadenses. Blunt creou a imaxe a partir dunha fotografía oficial da raíña facilitada polo Palacio de Buckingham, e gañou o concurso; en consecuencia, o retrato creado por ela pasou a utilizarse nas moedas canadenses desde 2003 ata 2023, cando se viu substituído polo do rei Carlos III.[2][6][7] O retrato amosa a raína aos seus 77 anos e sen coroa, con trazos de ancianidade, e foi actualizado na moeda canadense co gallo do 50 aniversario da súa coroación en 1953 —trátase do cuarto retrato desde entón—. As iniciais de Susanna Blunt aparecen gravadas no ombreiro da raíña, simulando ser un broche.[5][8]

Ademais das moedas, Susanna Blunt recibiu a encarga da compañía Canadian Coin & Currency para o deseño do anverso da medalla emitida en 2017 en conmemoración do 150 aniversario da Confederación do Canadá que cuñou, en versións de bronce, prata e ouro,[2] a ceca privada Canadian Heritage Mint.[9]

  1. 1,0 1,1 1,2 Lindsay, B. (2023). "The Queen's face is retiring from our coins. The B.C. artist behind the portrait isn't going anywhere". En CBC.ca. 30 de decembro.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 "About". Blunart.com
  3. "5 Cents - Elizabeth II 4th portrait". Numista.com
  4. "Susanna Blunt: Portraiture". Bluntart.com
  5. 5,0 5,1 Taber, J. (2003). "A matronly monarch, with her crown left off". En The Globe and Mail, Otava 3 de xuño de 2003.
  6. "Susanna Blunt". Numista.com
  7. "CoinWeek Coin Designer’s Profile: Susanna Blunt". En Coin Week. 12 de xuño de 2015.
  8. "Who is Susanna Blunt?". CapitolMint.com. 17 de febreiro de 2021.
  9. "Medal - 150th Anniversary of Confederation". Numista.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]