Saltar ao contido

Sunna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sunna
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
 Nome orixinal
السنة (ar) Editar o valor en Wikidata
Características
 Lingua
Implicados
 Autor/a
Códigos e identificadores
Freebase/m/074jc Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata

A Sunna (en árabe: سُنَّة) é unha colección de ensinanzas, ditos e aprobacións (ou desaprobacións) do profeta islámico Mahoma e algúns dos seus compañeiros. O Corán e a Sunna son as dúas fontes primarias de revelación de Deus e definen as bases da relixión musulmá: a súa teoloxía e lexislación.

O termo na Arabia preislámica significaba «forma de actuar», «hábito», «camiño» ou «estilo de vida». Co estudo islámico do modo de vida do profeta, a Sunna (estilo de vida) de Mahoma empezou a chamarse simplemente Sunna, de forma que o termo hoxe designa concretamente a colección de textos que relata o seu estilo de vida.

Segundo o Corán, todo musulmán debe imitar a Mahoma, e para iso a Sunna é unha guía perfecta:

Obedece a Deus, obedece ó mensaxeiro[1][2].
Tedes, de feito, no mensaxeiro de Deus un fermoso exemplo [de conduta] para todo aquel coa esperanza posta en Deus e no Día do Xuízo.[3]

Os hadices

[editar | editar a fonte]

Tanto o islam sunnita coma o xiíta outorgan á Sunna unha importancia altísima tan só por detrás do Corán. Porén, cada rama do islam recoñece como canónicas unhas coleccións distintas de hadices. A Sunna está composta por hadices e o que constitúe un hadiz difire entre ambas as escolas.

Estes comprenden dúas partes: unha primeira que relata a liña de transmisión do hadiz dende Mahoma (سَنَد, sanad) e outra que relata o dito ou feito do Profeta (مَتْن, mazn). Estes transmitíronse oralmente de mestres a aprendices nas comunidades islámicas. A veracidade do hadiz depende da súa trazabilidade (grazas á primeira parte deste) e do recoñecemento dos transmisores. Os miles de hadices que forman a sunna recolléronse e ordenáronse sistematicamente entre o final do século VIII e a metade do século XI.

A sunna das distintas escolas

[editar | editar a fonte]

No xiísmo

[editar | editar a fonte]

A elección dos textos que conforman a Sunna canónica dunha rama do islam son de radical importancia na definición da doutrina da relixión. Por iso, as distintas ramas do islam definiron distintos canons.

A colección da Sunna canónica xiíta está composta por catro libros recollidos por tres autores chamados «os tres Mahoma». Recopiláronse en torno ao século X d. C. e o século XI d. C. As recompilacións máis importantes son as seguintes, coñecidas como Al-Kutub Al-Arba’a (الكتب الاربعة, Os Catro Libros):

  • Kitab al-Kafi, recollido por Muhammad ibn Ya'qub al-Kulayni al-Razi, coñecido como Sheij al-Kulaini.
  • Man La Yahduruhu Al-Faqih, recollido por Abu Ja'far Muhammad ibn 'Ali ibn Babawayh al-Qummi, coñecido como Sheij al-Saduq ou Ibn Babawayh.
  • Tahdib Al-Ahkam, recollido por Abu Jafar Muhammad Ibn Hassan Tusi, coñecido como Sheij Tusi ou Sheij Ta’ifa.
  • Al-Istibsar, recollido tamén por Sheikh Tusi.

Ademais, inclúense tamén outras recompilacións:

  • O cumio da elocuencia, ou Nahŷ al-Balagha, unha recompilación de discursos de Ali ibn Abi Talib.
  • Bihar al-Anwar, de Muhammad Baqir Maylisi.
  • Ghurar al-Hikam, de Alamé al-Hilli.

No sunismo

[editar | editar a fonte]

A colección da Sunna canónica suní está composta polos seis libros chamados Kutub al-Sittah ( الكتب الستة, Os seis libros). Recopiláronse en torno ó século IX d. C. Son os seguintes:

  • Sahih al-Bujari, recollido por Imam Bukhari.
  • Sahih Muslim, recollido por Muslim b. al-Hajjaj.
  • Sunan Abu Dawud, recollido por Abu Dawood.
  • Ŷami Al-Tirmidi, recollido por al-Tirmidhi.
  • Al-Sunan al-Sughra, recollido por al-Nasa'i.
  • Sunan Ibn Maŷah, recollido por Ibn Majah.

O libro Muwatta Malik, recollido por Imam Malik está considerado por algúns como parte da colección da Sunna. Os dous primeiros ademais de formar parte da Sunna canónica suní: están universalmente recoñecidos por tódalas ramas do islam sunita como auténticos, aínda que non formen parte da Sunna canónica xiíta.

  1. O Sagrado Corán 24:54.
  2. O Sagrado Corán 3:32.
  3. O Sagrado Corán 33:21.