Sucesos de Salcedo (1894)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os sucesos de Salcedo, tamén coñecidos como Os heroes do Campo da Porta ou Motín de Salcedo, foron un motín por cuestión de cédulas persoais acontecido na parroquia pontevedresa de Salcedo o 19 de xuño de 1894.

Historia[editar | editar a fonte]

Placa na memoria dos labregos asasinados en Salcedo en 1894, no cemiterio parroquial.

Na mañá do 19 de xuño de 1894 presentáronse na parroquia de Salcedo os axentes recadadores de cédulas José Benito Cochón, José Caramés e Andrés Rodríguez acompañados dunha parella da Garda Civil dirixíndose ao lugar do Casal para cobrar o imposto. Presentáronse un bo número de veciños da parroquia protestando por considerar abusivos e inxustos os procedementos de cobro, e atemorizaron aos axentes recadadores e a Garda Civil dando lugar a un motín. Os axentes e a parella fuxiron, refuxíandose o recadador José Benito Cochón na casa do concelleiro José Salgueiro. Pola tarde presentáronse en Salcedo 11 números da Garda Civil cun tenente para rescatar ao recadador. No lugar do Campo da Porta os gardas civís golpearon e detiveron a Benito García. Ao chegar a casa de José Salgueiro informáronos que o recadador xa estaba a salvo e continuaron ao monte, provocando aos veciños. No Carramal detiveron ao alcalde de barrio. Vendo como os veciños se ían concentrando, fixeron varios disparos, resultando mortos José Rodríguez Rial, Manuela Couso e Francisco Piñeiro. A Garda Civil continuou cara a San Xián de Marín.[1]

O imposto de cédulas[editar | editar a fonte]

O imposto de cédulas persoais co nome de "cédulas de veciñanza" creouse en 1854. O obxectivo era que toda a poboación tivese un documento de identidade. Porén, o seu carácter foi recadador, polo que ademais de non ser aceptado, levou a motins.

Cun breve período de supresión cara a 1872, o imposto foi variando ao longo da súa existencia, chegando a afectar non só ás cabezas de familia, senón a todas as persoas residentes no Estado maiores de 14 anos. A partir dunha reforma levada a cabo en 1881, e que supuxo un aumento na recadación, o cobro deste imposto bianual efectuábase a domicilio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Criterio Gallego, 20-6-1894, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]