Revolución galega de 1846

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Sublevación en 1846")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Revolución galega de 1846
La revolución gallega de 1846.png
Ilustración do libro La revolución gallega de 1846 de Francisco Tettamancy.
Data 2 de abril - 23 de abril de 1846
Lugar Galicia
Resultado Derrota, exilio e fusilamento dos sublevados.

Revolución galega de 1846,[1] levantamento de 1846,[2][3] pronunciamento de 1846[4][5] ou sublevación liberal de 1846,[6] son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez.[7]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Isabel II

Durante o reinado de Isabel II, no período de configuración do estado liberal español, enfrontáronse dous modelos políticos diferentes: o do xuntismo progresista, máis democrático e descentralizado; e o do liberalismo moderado, conservador e marcadamente centralista. Coa derrota e exilio do progresista Baldomero Espartero no 1843, e a chegada o poder dos conservadores de Ramón María Narváez, iniciáronse unha serie de reformas de carácter autoritario. Estas medidas provocaron múltiples tentativas para derribar o goberno por parte do partido progresista, que contaba cunha enorme influencia entre os militares. Ao descontento deste sector social sumábase en Galicia o dos provincialistas, que reclamaban a recuperación da unidade territorial galega, desfeita na reforma administrativa de 1833, e maiores cotas de soberanía.[8]

Juana de Vega

Esta confluencia de intereses creou un ambiente propicio para a revolta, axiña organizada polas distintas xuntas progresistas presentes en vilas e cidades. A principal delas radicaba na Coruña, presidida polo ex-alcalde Vicente Alsina, e conspiraba case abertamente desde a casa de Juana de Vega, antiga aia da raíña e viúva do heroe militar Francisco Espoz y Mina. Ao faladoiro da condesa acudían significados simpatizantes da rebelión, oficiais do exército, e os cónsules de Inglaterra e Francia. Coa mediación destes diplomáticos coordinábase o alzamento cos numerosos exiliados do período esparterista.

O científico e militar Gerónimo Piñeiro[9] facía de correo entre as diferentes xuntas, que a comezos de 1846, contaban xa co compromiso da maior parte das forzas militares presentes no país. A principal unidade na conxura era o rexemento de infantaría de Zamora, que posuía 2200 soldados acantonados na Coruña. Tamén estaban comprometidos co pronunciamento a maior parte dos batallóns provinciais, duns 150 soldados cada un, espallados polo territorio galego: o provincial de Gijón en Lugo; o de Zamora en Santiago; o de Oviedo en Vigo; o de Guadalajara en Ourense; e o de Segovia en Pontevedra.[10]

A preocupación do goberno madrileño polos, cada vez máis evidentes, preparativos para a rebelión levouno a tomar dúas medidas de urxencia: a substitución polo xeneral Juan de Villalonga[11] do capitán xeneral de Galicia Francisco Puig Samper, sospeitoso de complicidade cos conspiradores; e o traslado a Castela do rexemento de Zamora. Malia que a idea inicial era que o pronunciamento principiase na Coruña, sede do goberno e lugar onde se contaba cos maiores apoios, a subtracción da principal forza militar dos sublevados obrigounos a precipitaren as accións, producíndose o alzamento o día 2 de abril de 1846 en Lugo.

O levantamento[editar | editar a fonte]

2 de abril.[editar | editar a fonte]

Miguel Solís
  • Lugo: O comandante Miguel Solís Cuetos, pertencente o estado maior da capitanía xeneral de Galicia, abandona A Coruña, cunha licenza por enfermidade, e diríxese a Lugo. Vai acompañado polo tenente Feliciano Cubas quen, valéndose da súa posición, se apoderara previamente dos fondos do rexemento de Zamora (43.613 reais).[12] As cinco da tarde Solís asume o mando do 2º batallón do rexemento, que ía de camiño ao seu novo destino en Valladolid, pronunciándose na praza maior da cidade. Súmanse deseguida o batallón provincial de Gijón e os carabineiros presentes na cidade. Desármase á Garda Civil, que non apoia o alzamento, e efectúanse as primeiras detencións. Manuel Becerra Bermúdez, nomeado alcalde e presidente da xunta de armamento, toma inmediatamente as primeiras disposicións, unha delas é a organización dun batallón de voluntarios: Voluntarios patriotas de Lugo. 1º de Galicia. Miguel Solís faise cargo da comandancia militar da provincia luguesa e publica unha proclama co anuncio do pronunciamento e os seus obxectivos.[13]

3 de abril.[editar | editar a fonte]

Juan de Villalonga
  • A Coruña: As primeiras novas da revolta espállanse por Galicia. É o sinal para o paso á acción das restantes xuntas progresistas. Os máximos delegados do goberno na Coruña: o capitán xeneral Villalonga e o comandante militar José Martínez Tenaquero, antigo carlista acollido ao convenio de Vergara, son alertados e inician as accións para tentar frear o golpe. O xeneral MacCrohon, comandante do rexemento de Zamora, encerra nos cuarteis os dous batallóns restantes da súa unidade e reúne a oficialidade no xardín de San Carlos. Alí procede ao arresto dos oficiais sospeitosos de simpatizar cos sublevados. O destituído xeneral Puig Samper, que abandonara a Coruña camiño de Madrid, decide regresar ao ter coñecemento dos sucesos.[14]

4 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Lugo: A xunta da cidade actúa con resolución: cesa e substitúe funcionarios de tendencia conservadora, suprime a deputación, o consello provincial e a policía. O comandante Solís parte cara a Santiago co 2º batallón do rexemento de Zamora, o batallón provincial de Gijón e o batallón de voluntarios. A cidade queda custodiada por 600 homes armados.[15]
  • A Coruña: O xeneral Villalonga emite un bando no que declara fóra da lei os sublevados e o estado de sitio nas catro provincias galegas. Comeza a tomar disposicións para evitar que a cidade, peza clave do alzamento, se sume aos rebeldes. A primeira medida é sacar da Coruña as tropas do perigoso rexemento de Zamora. Coloca no seu mando o tenente xeneral Puig Samper e envíao a Lugo, a bater as tropas de Solís. A columna sae ese mesmo día facendo noite no Burgo.
  • Santiago: Pronúncianse de madrugada o batallón provincial de Zamora e o escuadrón de cabalaría de Villaviciosa presentes na cidade. É constituída unha xunta de goberno presidida polo provincialista Pío Rodriguez Terrazo, con Antonio Romero Ortiz como secretario. Publícase unha proclama anunciando o levantamento de toda Galicia, fanse diversas detencións e son suprimidas policía e garda civil. A xunta esixe a todos os funcionarios a adhesión ao pronunciamento, requisa armas e convoca a milicia para a súa reorganización.[16][17]

5 de abril.[editar | editar a fonte]

Pío Rodríguez Terrazo.
  • A Coruña: Villalonga entrevístase cos oficiais do batallón de artillaría da praza asegurándose a súa fidelidade. Son estes, xunto a garda civil e carabineiros, os únicos soldados cos que conta. Constitúe, con militares e civís de tendencia conservadora, unha xunta de seguridade e defensa que comeza a efectuar detencións. Procede a fecharse dentro das murallas da cidade, fortifica posicións, asegura as pontes levadizas, coloca artillaría en lugares estratéxicos, e prepárase para deter un alzamento que considera inminente.[18][19]
  • Santiago: Toma posesión o novo concello presidido por Manuel Rúa Figueroa. A xunta, reunida no Colexio de Fonseca, publica un bando chamando as armas aos universitarios, nunha reedición do Batallón Literario.[20] Co apoio da Academia Literaria de Santiago organízase un mitin na universidade no que os estudantes se alistan en masa. A falta de armamento fai que só sexa posíbel aceptar trescentos. Asígnanselles oficiais e comezan unha instrución militar básica.[21]
  • Columna de Puig Samper: Os dous batallóns saen moi cedo do Burgo, chegando a Betanzos as 10:30. Samper recibe información sobre o pronunciamento de Santiago e a saída de Lugo da columna militar de Solís. Recibe ordes de Villalonga de dirixirse a Santiago, lugar cara o que parte polo camiño das Travesas.[22]

6 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Columna de Puig Samper: Con enormes dificultades debido á climatoloxía invernal e o estado dos camiños a columna de Samper chega as 12 do mediodía a Leira (Ordes), a 30 km de Santiago.[23]
  • Santiago: Inquietude na cidade pola aproximación da columna de Samper e a falta de novas sobre a revolta noutras cidades. A xurisdición da xunta só acada o radio inmediato á cidade e a súas comunicacións son interceptadas pola garda civil.[24] As 16 horas chega aos arredores de Compostela, despois dunha marcha de 100 quilómetros, a columna de Solís. É recibida con euforia. Concédeselles aos soldados unha licenza de 24 horas mentres os oficiais son agasallados pola xunta.[25]
  • Madrid: Os xornais madrileños El Heraldo e El Imparcial dan as primeiras noticias do acontecido en Galicia.[26]

7 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Madrid: O ministro da guerra comunica aos capitáns xenerais o alzamento galego e ordena que se preparen tropas para acudir no auxilio de Villalonga. 3 batallóns de infantería parten do País Vasco, 2 de infantería e 1 de cabalaría acoden desde Castela. O xeneral José de la Concha é posto ao mando da expedición.[27]

8 de abril.[editar | editar a fonte]

José MacCrohon
  • Encontro de Sigüeiro: As dez da maña , o comandante Solís inicia a marcha contra os dous batallóns do rexemento de Zamora comandados por Puig Samper, confiado en que estes pasarán ao seu bando sen combater. As súas tropas, engrosadas polos universitarios e o batallón provincial de Zamora alzados en Santiago, duplican amplamente os números inimigos. O encontro prodúcese cara o mediodía en Sigüeiro. Despregados os exércitos contendentes, Solís ordena avanzar. Os seus soldados lanzan vivas mentres dúas bandas de música tocan o himno de Riego. Para facerlles fronte, o xeneral MacCrohon adiántase co 1º batallón do rexemento de Zamora, mais os sublevados continúan impasíbeis, sen amagar coa defensa e mantendo os seus fusís no ombro. Os combatentes chegan a unha distancia de seis pasos, cos soldados saudándose e confraternizando, as forzas de Samper dan mostras evidentes de quereren pasar ao bando contrario. MacCrohon bérralles aos rebeldes para que volvan á disciplina, curto de vista e fóra de si chega a equivocar as liñas, meténdose entre os soldados inimigos. Durante a confusión o 1º batallón é rodeado totalmente, ficando separado e inutilizado para o combate. Puig Samper, desde a retagarda, dando por perdida a súa columna envía unha mensaxe a Solís pedindo que non se abra fogo. Recibe como resposta que non haberá retirada até que as súas forzas se sumen ao pronunciamento. Samper solicita 24 horas de tregua para meditar o ofrecemento. Solís concédelle 48 e permite que o 1º batallón do Zamora abandone ileso o campo de batalla.[28] As cinco da tarde, regresados Solís e os seus homes a Compostela, o presidente da xunta Pio Rodríguez Terrazo, perplexo diante da actuación do comandante militar, manifesta: "Solís, isto perdeunos para sempre".[29] O resultado do encontro tampouco é do agrado do xeneral Villalonga quen, desconfiando sempre da fiabilidade do xeneral Samper, ordena ao mensaxeiro: "Dígalle ao seu xeneral, que ataque os seus inimigos, ou se una a eles e veña atacarme a min".[30]
  • León: Unha compañía do 2º batallón do rexemento de Zamora que conducía presos a Valladolid, pronúnciase na vila de Valencia de don Juan. Cabo dela rebélase unha compañía do batallón provincial de Pontevedra e os 20 carabineiros presentes na vila. A eles únese Martín José Iriarte, antigo capitán xeneral de Galicia,[31] quen, cruzando desde Portugal cun grupo de exiliados, se pronuncia no municipio de Villar de Ciervos. Desde alí emite unha proclama, alista voluntarios, e se lanza á conquista de Astorga.[32]
  • Expedición a Pontevedra: As sete da tarde son enviadas parte das forzas rebeldes de Santiago cara a Pontevedra e Vigo. A súa misión é axilizar o levantamento nesas cidades. Téntase librar un camiño para retirada, en caso de ser necesaria, e facilitar a chegada por mar das armas comprometidas desde Inglaterra para o auxilio da rebelión.[33]

9 de abril.[editar | editar a fonte]

José Gutiérrez de La Concha
  • Tropas do goberno español: O xeneral Concha chega a Benavente, envía a Galicia tres batallóns mentres se dispón a enfrontar a Iriarte co resto das súas forzas. Baixo mando do comandante xeneral de Ourense, José Zendrera[34], sae desde Ourense unha columna militar con ordes de incorporarse á unidade de Puig Samper.[35]
  • Pontevedra: O capitán da garda civil Manuel Buceta pronúnciase na cidade co seu destacamento, súmase decontado o batallón provincial de Segovia. Fórmase unha xunta, presidida Jose María Santos, que emite unha proclama e comeza a asumir disposicións similares as de Lugo e Santiago: detencións, depuración de funcionarios e convocatoria de voluntarios para o exército.[36]

10 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Vigo: As 10 da mañá manifesta a súa adhesión ao alzamento o batallón provincial de Oviedo. Fórmase unha xunta presidida polo empresario de orixe catalá Ramón Buch con Juan Ramón Nogueira como secretario. O alzamento esténdese polas vilas inmediatas sumándose deseguida Bouzas, Lavadores e Baiona.[37] O brigadier Leoncio Rubín de Celis[38] ofrécese, por propia iniciativa, como comandante diante da xunta revolucionaria. É aceptado e posto ao mando dunha columna militar, con 900 soldados e dúas pezas de artillaría, que é enviada cara a Santiago.[39]
  • Tui: As 12 da noite pronúncianse na vila as dúas compañías presentes do provincial de Segovia e os carabineiros. O destacamento da garda civil decide non participar. Fórmase unha xunta e recrútanse voluntarios.
  • Tropas do goberno español: Puig Samper, que continúa en Sigüeiro e descoñece o alzamento de Vigo e Pontevedra, proxecta o ataque a Compostela así que venzan as 48 horas da tregua acordada. Os reforzos procedentes de Ourense continúan achegándose a Compostela. Fan noite na vila de Soutelo de Montes.
  • Santiago: As nove da noite o exército rebelde abandona a cidade camiño de Pontevedra. Solís tenta reunir as súas forzas coas da columna que se separara o día 8. Debido ao perigo que representan os exércitos inimigos, os integrantes da xunta abandonan tamén a cidade.[40] Recíbese no traxecto a boa nova do alzamento nas cidades do sur. A mudanza de partido do xeneral Rubín de Celis é vista con desconfianza polos sublevados.[41]

11 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Tropas do goberno español: Puig Samper é advertido a primeira hora da retirada dos rebeldes. Diríxese decontado a Santiago, entrando sen oposición as 7:30 da mañá. Comeza deseguida a adoptar medidas para o restablecemento da orde previa. Asegurada a urbe, parte en persecución das forzas inimigas, porén, nas proximidades de Padrón, é informado do triunfo do alzamento en Pontevedra e Vigo. Entendendo a súa inferioridade militar regresa a Compostela forzando o paso. Os seus esgotados soldados entran novamente na cidade as dez da noite.[42]
  • León: O xeneral Iriarte pon baixo asedio a cidade de Astorga. O xeneral Concha dirixe as súas tropas contra el e aniquila o seu exército. Iriarte escapa, mal como pode, con só vinte soldados.[43]
  • Levantamento en Galicia: Esténdese a rebelión por todo o país, en especial pola costa occidental. Fórmanse xuntas revolucionarias en Rianxo, A Pobra, Mos, Palas de Rei, Vilagarcía, Vilanova, Boiro, etc.

12 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Tropas do goberno español: Os números dos exércitos rebeldes en Galicia duplican os das tropas leais o goberno de Madrid. O xeneral Puig Samper retírase de Compostela para volver a Sigüeiro, gardando o camiño da Coruña no paso do río Tambre. Durante a noite a súa columna perde uns 50 soldados, os máis deles por deserción.[44] O erguemento xeneralizado en Pontevedra motiva tamén o regreso das tropas enviadas desde Ourense. O xeneral Zendrera retrocede a falta de vinte quilómetros para Santiago.[45]
  • Lugo: O gobernador civil Juan Ferreira Caamaño, consegue reunir un pequeno exército e pon baixo asedio a cidade. Envía un comunicado pedindo a rendición da praza, a xunta responde cunha negativa. A petición é reiterada até en dez ocasións, durante este día e o seguinte, recibindo a mesma resposta e sen que se dispare un só fusil.[44]

13 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Batalla de Sigüeiro: Malia poder evitalo, Miguel Solís permite que o xeneral Zendrera fuxa de regreso a Ourense e diríxese novamente a Sigueiro.[46] As doce e media o seu exército é recibido por un inimigo que agarda en orde de batalla., coas compañías de cazadores despregadas para dificultar o seu avance. O 1º batallón do rexemento de Zamora, a quen Solís permitira retirarse do campo o día 8, ocupa as edificación da fábrica de curtidos de Santaló, a sur do río. Un obús e dúas pezas de artillaría de 12 libras, colocadas no lado norte da ponte do río, ofrécenlles cobertura. O 3º batallón do Zamora forma en columna na praza da vila listo para o contraataque. As restantes forzas de Samper agardan na retagarda para evitar o cruce do rio por outros puntos. O exército de Solís aproxímase á fábrica de curtidos, o que da inicio ao fogo xeneralizado dos dous lados do rio. Os seus ataques son rexeitados, até en tres ocasións, polo fogo dos leais ao goberno central. As tres da tarde Samper informa á capitanía xeneral da Coruña de que leva dúas horas combatendo e solicita reforzos e munición. As 16:30, despois de 4 hora de inútil tiroteo, sen que ningún dos bando cambie as súas posicións, Solís retírase. A súa intención e atravesar o Tambre pola noite. Porén, a chuvia e as baixas temperaturas impídenllo, decidindo o regreso a Santiago con case 100 baixas entre os seus.[47][48] Pola súa banda, Puig Samper abandona prudentemente Sigüeiro, retirándose a Ordes. Unha vez probada en combate a súa lealdade ao goberno presenta a súa dimisión. Ese mesmo día é pechado nun vapor militar iniciándose contra el un proceso xudicial para aclarar a súa participación na revolta.

14 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Tropas do goberno español: O xeneral Concha penetra en Galicia e acude a Lugo atendendo a solicitude das forzas que rodean a cidade. Intima á rendición a xunta local, mais esta continúa resistíndose.

15 de abril.[editar | editar a fonte]

  • Santiago: As diferentes xuntas locais reúnense en asemblea para organizar máis eficazmente a revolta. Toman as seguintes decisións: A constitución dunha Xunta Suprema de Galicia encargada da dirección do alzamento, ora da administración (goberno,facenda e orde público) ora dos socorros necesarios para o exército. Nomease presidente a Pio Rodríguez Terrazo e secretario a Antolín Faraldo. A Constitución do Exército Libertador de Galicia que queda dividido en dous corpos.

16 de abril.[editar | editar a fonte]

17 de abril.[editar | editar a fonte]

18 de abril.[editar | editar a fonte]

19 de abril.[editar | editar a fonte]

20 de abril.[editar | editar a fonte]

21 de abril.[editar | editar a fonte]

22 de abril.[editar | editar a fonte]

23 de abril.[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Batalla de Cacheiras.

Derrota e represión[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mártires de Carral.

Villalonga ordenou o día 26 de abril o fusilamento en Carral de Solís e 11 compañeiros seus máis, todos militares, que serán coñecidos como os Mártires de Carral. Rúa Figueroa foi encarcerado, e Antolín Faraldo, Francisco Añón e Antonio Romero Ortiz exiliaranse.

En 1848 ditouse unha amnistía e a maioría volveron. Faraldo abandonou o galeguismo e morreu en 1853, e os seus compañeiros non volverían ter ningún papel destacado na política galega.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tettamancy, Francisco (1908). La revolución gallega de 1846 (en castelán). A Coruña. 
  2. Barreiro, X. R. (1977). El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (en castelán). Santiago de Compostela. 
  3. Beramendi, Xusto G. "El levantamiento de 1846". Historia de Galicia (en castelán) 4. Faro de Vigo. p. 825. 
  4. Obelleiro Piñon, Luís (1997). "Idade contemporánea (século XIX)". Historia xeral de Galicia. A Nosa Terra. p. 327. ISBN 84-89138-99-0. 
  5. Villares, Ramón (1991). Historia de Galicia. Biblioteca 114 (en castelán) II. El Correo Gallego. pp. 54–55. ISBN 84-85553-15. 
  6. Otero Pedrayo, Ramón (1954) [1926]. Guía de Galicia (en castelán) (3ª ed.). Editorial Galaxia. p. 114. 
  7. Narváez foi Presidente (do Consello de Ministros) de 16 de marzo de 1846 ó 5 de abril de 1846 e Francisco Javier de Istúriz dende o 5 de abril ata o 28 de xaneiro de 1847. Non era a primeira vez que Narváez exercía (e deixaba) a presidencia, e non sería a última: en total houbo 7 gobernos Narváez entre 1844 e 1868.
  8. Tettamancy Gastón (1908). p.133
  9. Consello da Cultura. "Gerónimo Piñeiro". Álbum de Galicia. Consultado o 2021-12-15. 
  10. Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1977). El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo. Pico Sacro. p. 104. 
  11. "Juan de Villalonga y Escalada". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 2021-12-15. 
  12. Tettamancy Gastón (1908). p.34
  13. Tettamancy Gastón (1908). pp.15-24
  14. Juan do Porto (1846). pp.46-50
  15. Juan do Porto (1846). p.59
  16. Juan do Porto (1846). p.38
  17. Tettamancy Gastón (1908). pp.48-53
  18. Juan do Porto (1846). pp.50-52
  19. Tettamancy Gastón (1908). pp.37-41
  20. Juan do Porto (1846). p.404
  21. Tettamancy Gastón (1908). pp.56-58
  22. Tettamancy Gastón (1908). pp.61-63
  23. Tettamancy Gastón (1908). p.65
  24. Tettamancy Gastón (1908). pp.68-69
  25. Tettamancy Gastón (1908). pp.72-73
  26. Barreiro Fernández (1977). p.128
  27. Barreiro Fernández (1977). p.129
  28. Tettamancy Gastón (1908). pp.73-78
  29. Juan do Porto (1846). pp.61-2
  30. Tettamancy Gastón (1908). p.87
  31. "Martín José de Iriarte y Urdániz". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 2021-12-01. 
  32. Barreiro Fernández (1977). pp.130-131
  33. Tettamancy Gastón (1908). pp.84-85
  34. "José María Fernández de la Zendrera y Mortela". Real Academia de la Historia. Consultado o 2021-12-21. 
  35. Barreiro Fernández (1977). p.131
  36. Tettamancy Gastón (1908). pp.91-94
  37. "Vigo se subleva y se une a la Revolución Gallega de 1846". VigoÉ (en castelán). 2021-04-10. Consultado o 2021-12-21. 
  38. ""Rubín de Celis y Oroña, Leoncio (Redondela, 1810)"". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2018. Consultado o 12 de xaneiro de 2018. 
  39. Tettamancy Gastón (1908). p.99
  40. Tettamancy Gastón (1908). p.95
  41. Juan do Porto (1846). pp.83-84
  42. Tettamancy Gastón (1908). pp.109-112
  43. Barreiro Fernández (1977). p.136
  44. 44,0 44,1 Barreiro Fernández (1977). p.137
  45. Juan do Porto (1846). pp.88-89
  46. Juan do Porto (1846). pp.90-92
  47. Ferreiro Boquete, Juan José (2016-10-22). "A Batalla de Sigüeiro". Historias de Ordes. Consultado o 2021-12-28. 
  48. Tettamancy Gastón (1908). pp.115-118

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]