Stephen H. P. Pell
| Nome orixinal | Stephen Hyatt Pelham Pell |
|---|---|
| Biografía | |
| Nacemento | 3 de febreiro de 1874. |
| Morte | 22 de xuño de 1950 (76 anos) Ticonderoga, Nova York, Estados Unidos. |
| Lugar de sepultura | Cemiterio da familia Pell, Ticonderoga, Nova York. |
| Cargos | |
| Presidente da American Numismatic Society | |
| Período | 1941-1942 |
| Antecesor | Edward T. Newell |
| Sucesor | Herbert E. Ives |
| Datos persoais | |
| País de nacionalidade | |
| Educación | Universidade de Norwich . |
| Actividade | |
| Ocupación | Banqueiro, numismático. |
| Empregador | Fort Ticonderoga Museum. |
| Membro de | |
| Familia | |
| Cónxuxe | Sarah Gibbs Thompson (1901). |
| Fillos | Robert Thompson Pell. John Howland Gibbs Pell. |
| Pais | John Howland Pell |
| Premios | |
| Lexión de Honra. Cruz de Guerra. | |
Stephen Hyatt Pelham Pell, nado en Queens, cidade de Nova York, o 3 de febreiro de 1874 e finado en Ticonderoga, Nova York, o 22 de xuño de 1950, foi un banqueiro e numismático estadounidense que presidiu a American Numismatic Society de 1941 a 1942 e fundou o Museo de Fort Triconderoga.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Stephen H. P. Pell naceu en Flushing, unha zona do barrio neoiorquino de Queens, o 3 de febreiro de 1874,[1][2] un dos sete fillos de Caroline Elizabeth Hyatt (1841-1911) e do capitán John Howland Pell (1830-1882).[3]
Logo de cursar o ensino secundario no instituto da súa localidade natal,[1] ingresou na Universidade de Norwich, onde acadou o seu doutoramento en Dereito.[2] Logo do seu período formativo Pell dedicou toida a súa vida profesional á banca e aos investimentos no mercado de valores.[1][4]
Período militar
[editar | editar a fonte]Pell participou tanto na guerra hispano-estadounidense e na primeira guerra mundial. Neste último conflito, serviu inicialmente no servizo de ambulancias de voluntarios estadounidenses do Exército Francés entre 1916 e 1917,[2] e logo da entrada dos Estados Unidos na guerra uniuse ao corpo de ambulancias do Exército dos EEUU. Resultou ferido en combate e recibiu tanto a Cruz de Guerra como a Lexión de Honra polo seu servizo.[1][5]
Dedicación á numismática
[editar | editar a fonte]Paralelamente ao seu desempeño profesional, Pell foi un destacado coleccionista de moeda estadounidense da época colonial. En 1907 ingresou na American Numismatic Society (ANS) e en 1913 fixo unha importante doazón a esta entidade, consistente nunha parte da súa colección de medallas da paz india,[2] un feito que o fixo merecedor do nomeamento como patrono da ANS en 1915.[1]
Entre 1917 e 1940 ocupou un posto no consello da ANS,[6] e en 1941 ofreceuse voluntario para exercer o cargo de presidente da Sociedade, ante a grave crise producida pola repentina morte do seu antecesor, Edward Newell, sen que existise ata entón a figura de vicepresidente. Pell ocupou a presidencia desde o 18 de febreiro dese ano ata o 10 de xaneiro de 1942,[7] cando na novas eleccións ordinarias foi elixido Herbert E. Ives. A partir desa data pasou a ser vicepresidente primeiro, ata que o 11 de xaneiro de 1947 foi elixido vicepresidente terceiro da entidade.[8] Finalmente, o 15 de xaneiro de 1949 foi nomeado presidente honorario con carácter vitalicio.[1][2][7][9]
Ademais do seu interese pola numismática, Pell foi un dos promotores da restauración do sitio da guerra revolucionaria estadounidense de Fort Ticonderoga, onde posuía unhas terras herdadas do seu bisavó, William Ferris Pell. Comezou a restauración en 1909 e alí ergueuse o Museo de Fort Ticonderoga,[4] que baixo a súa dirección chegou a albergar unha ampla colección de obxectos da época colonial.[1][10][11]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Stephen H. P. Pell casou o 17 de abril de 1901 con Sarah Gibbs Thompson (1878-1939), con quen tivo dous fillos,[2] chamados Robert Thompson e John Howland Gibbs.[3]
Pell, membro dos masóns, finou no hospital Moses Ludington de Ticonderoga, Nova York, o 22 de xuño de 1950 aos 76 anos,[1][2][4][12] e foi soterrado no cemiterio da familia Pell nesa localidade.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 7 8 "Stephen H.P. Pell (1874-1950)". American Numismatic Society (Numismatics.org).
- 1 2 3 4 5 6 7 Smith, P. (2025).
- 1 2 3 "Stephen Hyatt Pelham Pell". Findagrave.com
- 1 2 3 "S.H.P Pell, Restorer of Fort Ticonderoga". En The New York Times. 23 de xuño de 1950.
- ↑ "Stephen H.P. Pell and World War I". Fortticonderoga.org
- ↑ Adelson, Howard A. (1958). Páxinas 360-367.
- 1 2 "Presidents and Chairmen of the American Numismatic Society". American Numismatic Society (Numismatics.org).
- ↑ "Vice-Presidents of the American Numismatic Society". American Numismatic society (Numismatics.org).
- ↑ Adelson, Howard A. (1958). Páxinas 348-351.
- ↑ "Person Record". Ticonderoga Online Collections.
- ↑ Crego, C. R. (2004). Fort Ticonderoga. Arcadia Pub. Páxinas 93 e seguintes. ISBN 0-7385-3502-8
- ↑ "Stephen Pell, Ticonderoga Restorer, Dead". En Buffalo Courier-Express. Ticonderoga. 23 de xuño de 1950. Páxina 7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Adelson, Howard A. (1958). The American Numismatic Society, 1858-1958. American Numismatic Society. Nova York.
- Smith, P. (2025). "Pell, Stephen H(yatt) P(elham)". En American Numismatic Biographies. Páxina 337.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Predecesor: Edward T. Newell |
Presidente da American Numismatic Society 1941 - 1942 |
Sucesor: Herbert E. Ives |