St. Stephen's Green

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
St Stephen's Green.
Fonte en St Stephen's Green.
Interior do St Stephen's Green Shopping Centre.

St Stephen's Green, (en irlandés Faiche Stiabhna) é un parque público situado no centro da cidade de Dublín (Irlanda), nun dos extremos de Grafton Street, unha das rúas comerciais máis importantes da capital irlandesa.

O parque ten forma rectangular e antigamente as rúas que o rodean constituían as principais arterias por onde se canalizaba o tránsito no centro da cidade, se ben a raíz dunha ordenanza do Concello no 2004, o tráfico nesas rúas (St Stephen's Green North, St Stephen's Green South, St Stephen's Green East e St Stephen's Green West respectivamente)[1] reduciuse considerablemente.

Historia[editar | editar a fonte]

Ata 1663, a área na que actualmente está situado o parque, atopábase fóra da cidade e era empregada principalmente para pastos. Ese ano, o goberno municipal decidiu pechar o parque e vender as terras que o rodeaban.[2] O parque quedou rodeado por un muro en 1664 e rapidamente se comezaron a construír unha gran cantidade de edificios de estilo xeorxiano ao seu redor, o que fixo que a finais do século XVIII, o lugar fose a residencia da alta sociedade de Dublín. Actualmente, a meirande parte dos edificios que se poden ver preto de St Stephen´s Green son unha réplica dos que antes existían, xa que moi poucos dos orixinais sobreviviron.

En 1814, o control do parque pasou a estar baixo unha comisión representativa dos residentes da zona que tomou a decisión de substituír o muro que rodeaba o perímetro por unha rede e restrinxir o acceso ao interior do mesmo, de xeito que só os residentes na zona podían acceder ao interior do parque.[3] O acceso libre só foi retomado en 1877 por orde do Parlamento, por iniciativa de Arthur Guinness, facendo que fose reaberto para poder ser gozado por tódolos habitantes de Dublín. O propio Guiness pagou en 1880 o redeseño do parque que dende aquela se mantén sen grandes alteracións. En agradecemento ao seu traballo, no interior do parque hai unha estatua na súa memoria.

Durante o Alzamento de Pascua de 1916, un grupo de cerca de 250 revolucionarios formado principalmente por membros do IRA baixo as ordes do comandante Michael Mallin tomou o control do parque,[2][4] bloqueando o acceso. O exército británico respondeu atacando as posicións rebeldes dende o Shelbourne Hotel, situado na esquina nordeste do parque, o que obrigou a estes últimos a retirarse ao Real Colexio de Cirurxiáns de Irlanda, onde finalmente a revolta foi sufocada. As crónicas da época contan que durante o combate houbo un momento no que se decretou un alto o lume para que o garda do parque puidese alimentar aos parrulos.[5]

Deseño[editar | editar a fonte]

St Stephen's Green é un dos exemplos de patrimonio público máis antigos de Dublín e o seu deseño actual débese ás reformas que se realizaron durante o século XIX.

Ten forma retangular e unhas dimensións aproximadamente de 550 por 450 metros. No centro do parque hai un gran lago que é alimentado polas augas que lle chegan do Grand Canal de Portbello.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Irish Times Roadworks on St Stephen's Green to reverse traffic flow and restrict movement Arquivado 06 de abril de 2012 en Wayback Machine.
  2. 2,0 2,1 Christine Casey, Dublin (The City Within the Grand and Royal Canals and the Circular Road with the Phoenix Park), Yale University Press (2005) ISBN 0-300-10923-7
  3. Archiseek.com - St Stephen's Green, Dublin Arquivado 11 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.
  4. National Library of Ireland The 1916 Rising: Personalities and Perspectives - Stephens Green Arquivado 06 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
  5. "St. Stephen's Green - Parks, Gardens and Nature Reserves of Dublin - Ireland for Visitors". Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2011. Consultado o 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Coordenadas: 53°20′17″N 6°15′33″O / 53.33806, -6.25917