Sophie Oluwole
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 12 de maio de 1935 Igbara-oke |
| Morte | 23 de decembro de 2018 Ibafo |
| Educación | Universidade de Lagos Universidade de Ibadan |
| Actividade | |
| Campo de traballo | CTEM |
| Ocupación | filósofa, profesora universitaria |
| Empregador | Universidade de Lagos |
Sophie Bosede Oluwole, nada o 12 de maio de 1935 e finada o 23 de decembro de 2018, foi unha filósofa e profesora universitaria nixeriana, a primeira muller en doutorarse en Filosofía no seu país.[1] Practicou a filosofía dos ioruba, un xeito de pensar que emana das etnias de Nixeria. Tamén foi unha defensora do papel das mulleres na filosofía e da representación dos pensadores africanos na educación.[2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Sophie Bosede Oluwole naceu o 12 de maio de 1935, filla de Timothy Ogiemare Aloba Egbarevba, na aldea ioruba de Igbara-oke, no actual estado de Ondo. Malia que os seus avós eran de Benin City, Oluwole nunca chegou a falar a lingua edo, mais si dominou a cultura ioruba que aprendeu dos seus pais e da súa comunidade. Igbara-oke e o resto da rexión dos ekiti tiña fortes vencellos históricos co reino de Benin, marcados polo comercio pacífico e a diplomacia.
O avó de Oluwole era un alto cargo do palacio de Oba en Benín, de onde marchou contra 1850. A súa avoa materna era filla do gobernador de Benín en Ogotun, unha vila no actual estado de Ekiti. Ambos os pais foron comerciantes. A súa nai, especializada en teas e tinguiduras, era unha experta tecedora que vendía no mercado de Igbara-oke.[4] O pai tiña tres esposas, e coa nai de Oluwole tivera oito fillos, dos cales só 4 sobreviviron. Oluwole era a máis nova. O seu irmán máis vello foi o xornalista Abiodun Aloba.
Formación e carreira profesional
[editar | editar a fonte]Oluwole estudou en Ife, mais foi sempre crítica co sistema educativo nixeriano dos 40, pois a carreira dunha muller non dependía das súas ambicións, senón das dos seus pais.[5] En 1953, ingresou no Women Training College de Ilesa, graduándose ao ano seguinte. Con esta titulación, comezou a exercer a docencia en Ogotun-Ekiti e, logo, en Ibadán.
Casou con Olanrewaju Joseph Fapohunda, nado en Igbara-odo, cidade próxima a Ibgara-oke. Ambos viaxaron xuntos a Moscova en 1963, coa intención de estudar Economía; aprendeu ruso na Universidade Estatal de Moscova. En 1964, o Fapohunda decidiu abandonar a Unión Soviética e trasladarse aos Estados Unidos; Oluwole intentou continuar os seus estudos en Alemaña, cunha bolsa para cursar Filoloxía na Universidade de Colonia. Porén, finalmente mudouse aos Estados Unidos xunto co seu marido.
Oluwole culminou a súa educación universitaria na Universidade de Lagos en 1967, onde se graduou en Filosofía.[6] Traballou nesa mesma institución en 1972, para logo realizar o seu doutoramento na Universidade de Ibadán, converténdose na primeira doutora en Filosofía do país. Xa naquel momento, estaba interesada no pensamento tradicional africano, mais ningún membro da súa facultade podía supervisar ese tema para a súa tese.[1] Oluwole ensinou filosofía africana na Universidade de Lagos entre 2002 e 2008, mentres traballaba como a primeira decana de Estudantado da universidade.
Pasamento
[editar | editar a fonte]Oluwole tivo catro fillos con Fapohunda, do que se separou para casar con Oluwole Akinwunmi, un profesor da súa cidade natal. Ambos estiveron xuntos até o seu pasamento. Sophie Oluwole finou o 23 de decembro de 2018, aos 83 anos.
Pensamento
[editar | editar a fonte]A obra de Oluwole céntrase no pensamento filosófico dos ioruba, que se basea nas crenzas culturais e relixiosas (Ifá) das rexións de Yorubalandia. Nos seus textos, sintetizou os saberes de Orunmila coas ensinanzas de Sócrates, que representan para ela as tradicións africana e occidental.[7]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Monografías
[editar | editar a fonte]- Witchcraft, Reincarnation and the God-Head (1992). Excel Publishers. ISBN 9789783013032
- Philosophy and Oral Tradition (1997). ARK Publications. ISBN 9789783389052
- Socrates and Ọ̀rúnmìlà: Two Patron Saints of Classical Philosophy (2014). ARK Publishers. ISBN 9789789295258
- African Myths and Legends of Gender (2014). Con J. O. Akin Sofoluwe. AKR Publishers. ISBN 9789789317240
Artigos
[editar | editar a fonte]- Culture, Gender, and Development Theories in Africa (1997). Afrique et Développement, 22 (1), pp. 95-121.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Adebumiti, Adelowo (2016). "Philosopher urges Nigerians to embrace indigenous knowledge, languages". The Guardian (Nigeria) (en inglés). Consultado o 13/06/2025.
- Ajeluorou, Anote (2018). "Socrates and Orunmila... Putting Premium On Africa's Indigenous Philosophy". The Guardian (Nigeria) (en inglés).
- Fayemi, Kazeem (2018). "Obituary: Oluwole, the scholar who abandoned English for Philosophy for fear of Soyinka". The Cable (en inglés).
- Lasisi, Akeem (2017). "Salute to Orunmila as Sophie Oluwole hosts Dutch filmmaker". Punching (en inglés). Consultado o 13/06/2025.
- Nourhussen, Seada (2017). "De westerse filosofie loopt al eeuwen achter". Trouw (en neerlandés). Consultado o 13/06/2025.
- Obe, Taiwo (2018). "She who was different: Sophia Bosede Oluwole, 1935-2018". Medium (en inglés).
- Ojoye, Taiwo (2017). "My mum never believed I could become a professor - Sophie Oluwole". Punching (en inglés).