Saltar ao contido

Solanáceas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As solanáceas[1] (Solanaceae Juss.) é unha familia de plantas herbáceas ou leñosas coas follas alternas, simples e sen estípulas pertencentes á orde Solanales, das dicotiledóneas (Magnoliopsida).[2] Comprende aproximadamente 98 xéneros e unhas 2700 especies,[3] cunha gran diversidade de hábito, morfoloxía e ecoloxía. A familia é cosmopolita, distribuíndose por todo o globo agás na Antártida. A maior diversidade de especies atópase en América do Sur e América Central. Nesta familia incluénse especies alimenticias tan importantes como o pataqueiro (Solanum tuberosum), a tomateira (Solanum lycopersicum), a berinxela (Solanum melongena) e as pementeiras (Capsicum). Moitas plantas ornamentais moi populares pertencen ás solanáceas, como Petunia, Schizanthus, Salpiglossis e Datura. Certas especies son mundialmente coñecidas polos seus usos medicinais, os seus efectos psicotrópicos ou por ser pezoñentas. Finalmente, mais non menos importante, as solanáceas inclúen moitos organismos modelo para a pescuda de cuestións biolóxicas fundamentais a nivel celular, molecular e xenético, tales como o tabaco e a petunia. A familia é representada por aproximadamente 3000 especies distribuídas en 150 xéneros.

Do xénero Solanum L., do verbo latín solari - consolar ou aliviar - por mor das propiedades calmantes (narcóticas) dalgunhas especies do xénero.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son plantas arbóreas, arbustivas, herbáceas e raramente lianas ou rubideiras. O seu floema é interno.

Follas simples, alternas, coas marxes enteiras, lobadas ou partidas, sésiles ou pecioladas, glabras ou pilosas, sen estípulas, algunhas veces pinatisectas. Pólas ascendentes ou patentes, dicotómicas iguais ou desiguais, cilíndricas ou aplanadas, concaulescencia presente.

Inflorescencia cimosa, algunhas veces reducida a unha única flor;

Flores xeralmente vistosas, bisexuadas, andróxinas ou diclamídeas, pentámeras, con lonxitude variando de 1 a 20 cm, illadas, aos pares, ou dispostas en inflorescencias variadas extra-axilares, actinomorfas raro zigomorfas;

Cáliz persistente, pentámero, gamosépalo, prefloración valvar ou imbricada, ás veces ampliándose no froito;

Corola actinomorfa ou levemente zigomorfa, gamopétala, rotácea, campanulada, infundiforme, hipocrateriforme, tubulosa ou urceolada. Xeralmente pentámera e plicada, prefloración valvar, convoluta ou imbricada.

Androceo con 2 (en Schwenckia), 4 (en Brunfelsia) e 5 estames, epipétalos, anteras rimosas ou poricidas (Lycianthes, Solanum), con filetes libres ou parcialmente soldados entre si, con anteras poricidas (Solanum) ou rimosas.

Xineceo constituído de ovario súpero, bicarpelar, bilocular ou falsamente plurilocular, con moitos óvulos en cada lóculo, disco nectarífero xeralmente presente, raramente tetralolular (Datura), estilete terminal, carpelos orientados oblicuamente en relación ao eixo da flor, placentación axial.

Froito do tipo baga, drupa ou cápsula, por veces envolvidos polo cáliz acrecente, sementes poucas a numerosas.

Distribución

[editar | editar a fonte]
Mapa de distribución das Solanáceas no mundo (áreas verdes).

Solanaceae posúe distribución cosmopolita, concentrada na rexión neotropical. A maior riqueza de especies áchase en América Central e América do Sur. Outros dous centros de diversidade inclúen Australia e África. As solanáceas poden ocupar unha gran variedade de ecosistemas, dende os desertos até os bosques tropicais e, frecuentemente atópanse tamén na vexetación secundaria que coloniza áreas disturbadas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A seguir fornécese unha sinopse taxonómica completa das solanáceas, incluíndo subfamilias, tribos e xéneros, a cal está baseada nos estudos máis recentes sobre a sistemática molecular da familia.[2][3][4][5]


Cestroideae (sin.:Browallioideae)

[editar | editar a fonte]
Cestrum elegans, unha cestróidea utilizada como ornamento.
Browallia americana.
Flor de Salpiglossis sinuata, Xardín Botánico de Jena, Alemaña.

É unha subfamilia caracterizada pola presenza de fibras pericíclicas, androceo con 4 ou 5 estames, frecuentemente didínamos. Os números cromosómicos básicos son moi variábeis, desde x=7 até x=13. A subfamilia comprende 8 xéneros (divididos en 3 tribos) e aproximadamente 195 especies distribuídas nas Américas. O xénero Cestrum é o máis importante respecto do número de especies xa que inclúe 175 das 195 especies da subfamilia. A tribo Cestreae ten a particularidade de incluír táxones con cromosomas longos (de 7,21 a 11,51 µm de lonxitude), cando o resto da familia, polo xeral, posúe cromosomas curtos (como por exemplo 1,5 a 3,52 µm de lonxitude en Nicotianoideae).

Goetzeoideae

[editar | editar a fonte]

Subfamilia caracterizada por presentar froito en drupa e sementes con embrións curvos con cotiledones grandes e carnosos. O número cromosómico básico es x=13. Inclúe 4 xéneros e 5 especies que se distribúen polas Antillas Maiores. Baseados en datos moleculares, algúns autores inclúen dentro desta subfamilia os xéneros monotípicos Tsoala Bosser & D'Arcy (1992), endémico de Madagascar, e Metternichia do sueste do Brasil. Goetzeaceae Airy Shaw se considera un sinónimo desta subfamilia.[6]

Petunioideae

[editar | editar a fonte]
Nierenbergia frutescens, unha petunóidea.

A sistemática molecular indica que Petunioideae é o clado irmán das subfamilias con número cromosómico x=12 (Solanoideae e Nicotianoideae). Presentan calistexinas, un alcaloide do tipo dos tropanos. O androceo está formado por 4 estames (raramente 5), usualmente de dúas lonxitudes diferentes. Os números cromosómicos básicos nesta subfamilia poden ser x=7, 8, 9 e 11. Comprende 13 xéneros e unhas 160 especies, distribuídas por América Central e América do Sur. Baseados en datos moleculares, algúns autores consideran que os xéneros oriúndos da Patagonia Benthamiella, Combera e Pantacantha forman un clado con categoría de tribo (Benthamielleae) que se debe dispor na subfamilia Goetzeoideae.

  • Benthamiella Speg. (1883), inclúe 12 especies nativas da Patagonia
  • Bouchetia Dunal (1852) con 3 especies neotropicais
  • Brunfelsia L. (1753), xénero con arredor de 45 especies que se distribúen nos neotrópicos
  • Combera Sandw. (1936), xénero con dúas especies patagónicas
  • Fabiana Ruiz & Pav. (1794), xénero que inclúe 15 especies nativas dos Andes
  • Hunzikeria D'Arcy (1976), comprende 3 especies do suroeste dos Estados Unidos e México
  • Latua Phil. (1858), cunha soa especie do sur de Chile
  • Leptoglossis Benth. (1845), xénero con 7 especies do oeste de Suramérica.
  • Nierembergia Ruiz & Pav. (1794), abrangue 21 especies suramericanas.
  • Pantacantha Speg. (1902), xénero monoespecífico da Patagonia.
  • Calibrachoa Cerv. ex La Llave & Lex., con 32 especies neotropicais. Tense considerado, sobre os datos morfolóxicos, que este xénero debería incluírse dentro de Petunia. Porén a evidencia molecular e citoxenética indica que ambos os dous deben manterse separados. De feito, Calibrachoa ten número básico de cromosomas x=9, mentres que Petunia tiene x=7.[7][8]
  • Petunia (Juss.) Wijsman (1803), con 18 especies suramericanas.
  • Plowmania Hunz. & Subils (1986), xénero monotípico de México e Guatemala.
Flores zigomorfas, con corola bilabiada de Schizanthus pinnatus, unha esquizantóidea ornamental.

Comprende herbas anuais ou bianuais, con alcaloides tropanos, sen fibras pericíclicas, con pelos e grans de pole característicos. As flores son zigomorfas. O androceo presenta 2 estames e 3 estaminoideos, a dehiscencia das anteras é explosiva. O embrión é curvo. O número cromosómico básico é x=10. Schizanthus é un xénero bastante atípico dentro das solanáceas, polas súas flores fortemente zigomorfas e polo seu número cromosómico básico. Os datos morfolóxicos e moleculares indican que Schizanthus é un xénero irmán das restantes solanáceas e que logo diverxeu do resto da familia, probabelmente no Cretáceo serodio ou no Terciario temperán, hai uns 50 millóns de anos.[4][5] A gran diversificación nos tipos de flores en Schizanthus foi o produto da adaptación das especies deste xénero aos diferentes grupos de polinizadores existentes nos ecosistemas mediterráneo, alpino de altura e desértico de Chile e áreas adxacentes da Arxentina.[9]

  • Schizanthus Ruiz et Pav. (1794), comprende 12 especies orixinarias de Chile.

Schwenckioideae

[editar | editar a fonte]

Inclúe herbas anuais, con fibras pericíclicas, as flores son zigomorfas, o androceo con 4 estames, didínamos ou con 3 estaminoideos, o embrión é recto e curto. O número cromosómico básico é x=12. Inclúe 4 xéneros e unhas 30 especies distribuídas en Suramérica.

Nicotianoideae

[editar | editar a fonte]
Inflorescencia do tabaco, Nicotiana tabacum.
  • Tribo Anthocercideae G.Don (1838). Esta tribo é endémica de Australia e comporta 31 especies distribuídas en 7 xéneros. A sistemática molecular da tribo indica que a mesma é irmá de Nicotiana, que os xéneros Anthocercis, Anthotroche, Grammosolen, e Symonanthus son monofiléticos, mentres que Cyphanthera e Duboisia non o son (Crenidium é monotípico). Inferiuse ademais que algúns caracteres son derivados dentro da tribo, tales como os estames uniloculares, con opérculos semicirculares, flores ebracteoladas, e froitos en bagas.[10]
  • Tribo Nicotianeae Dum. (1827)
    • Nicotiana L. (1754), xénero amplamente distribuído, con 52 especies americanas, 23 australianas e unha africana.

Solanoideae

[editar | editar a fonte]
Capsicum frutescens cultivar "tabasco", unha solanóidea.
Flor de meimendro (Hyoscyamus niger).
Flor de Nicandra physaloides.
Flor de Solandra maxima.
Froito de Physalis peruviana (fisalis), nótese o cáliz persistente que arrodea o froito.
Flor de Iochroma australe.
Flor de Jaltomata procumbens.
Flor de Solanum bonariense.
Flor de Solanum betaceum (=Cyphomandra betacea).
Flor de Acnistus arborescens.
Flor de Scopolia carniolica.
  • Tribo Capsiceae Dumort (1827)
    • Capsicum L. (1753), xénero que inclúe unhas 31 especies neotropicais.
    • Lycianthus (Dunal) Hassler (1917), cunhas 200 especies distribuídas nas Américas e Asia.
  • Tribo Datureae G. Don (1838) é unha tribo que presenta dous xéneros perfectamente diferenciados tanto a nivel morfolóxico como molecular. Brugmansia inclúe especies arbóreas, mentres que Datura comprende herbas ou arbustos. Este último xénero, á súa vez áchase dividido en 3 seccións: Stramonium, Dutra e Ceratocaulis.[11]
  • Tribo Hyoscyameae Endl. (1839)
    • Anisodus Link (1825), con 4 especies da China, India e o Himalaias.
    • Atropa L. (1753), inclúe 3 especies euroasiáticas.
    • Atropanthe Pascher (1909), xénero monotípico da China.
    • Hyoscyamus L. (1753), abrangue arredor de 20 especies distribuídas dende o Mediterráneo deica á China.
    • Physochlaina G. Don (1838), inclúe 11 especies euroasiáticas.
    • Przewalskia Maxim. (1881) cunha soa especie da China.
    • Scopolia Jacq. (1764), xénero con distribución disxunta, cunha especie europea e outra do Xapón.
  • Tribo Jaboroseae Miers (1849)
    • Jaborosa Juss. (1789), xénero que inclúe 23 especies suramericanas.
  • Tribo Solandreae Miers (1849)
    • Subtribo Juanulloinae: comprende 10 xéneros de árbores e arbustos epifíticos con distribución neotropical.[12] Algúns destes xéneros (Dyssochroma, Merinthopodium e Trianaea) amosan unha clara dependencia de varias especies de morcegos tanto para a polinización como para a dispersión das sementes.[13]
      • Dyssochroma Miers (1849), con 2 especies do sur do Brasil.
      • Ectozoma Miers (1849)
      • Hawkesiophyton Hunz. (1977)
      • Juanulloa Ruiz et Pav. (1794), con 11 especies de América do Sur e Central.
      • Markea Rich.(1792) xénero que abrangue 9 especies de América do Sur e América Central.
      • Merinthopodium J. Donn. Sm. (1897) inclúe 3 especies oriúndas de Suramérica.
      • Rahowardiana D' Arcy (1973)
      • Schultesianthus Hunz. (1977), xénero que inclúe 8 especies neotropicais.
      • Trianaea Planch. et Linden (1853) con 6 especies suramericanas.
    • Subtribo Solandrinae, é unha subtribo monotípica que difire de Juanulloinae nos seus embrións con cotiledóns incumbentes e o seu ovario semi-ínfero.[12]
    • Solandra Sw. (1787), inclúe 10 especies de rexións neotropicais de América.
  • Tribo Lycieae Hunz. (1977). Comprende 3 xéneros de plantas leñosas que medran en climas áridos ou semiáridos. O xénero cosmopolita Lycium é o máis antigo da tribo e o que presenta a maior variabilidade morfolóxica.[14] Os estudos de sistemática molecular suxestionan que tanto Grabowskia como Phrodus deberían incluírse dentro de Lycium[15] e que este xénero xunto con Nolana e Sclerophylax formarían un clado (Lyciina), o cal carece polo momento de categoría taxonómica.[6] O froito baga, de cor avermellada, carnoso, espallado polos paxaros, é o tipo de froito dominante en Lycium. Os diferentes tipos de froitos neste xénero evolucionaron desde o tipo de baga antes mencionado até unha drupa cun reducido número de sementes.[16]
    • Grabowskia Schltdl. (1832), 3 especies suramericanas.
    • Lycium L. (1753), cosmopolita, inclúe 83 especies.
    • Phrodus Miers (1849), endémico do norte de Chile, inclúe 2 especies.
  • Tribo Mandragoreae (Wettst.) Hunz. & Barboza (1995). Esta tribo monotípica non ten unha posición sistemática definida segundo suxestionan os estudos de sistemática molecular.[6]
  • Tribo Nicandreae Wettst. (1891), é unha tribo con dous xéneros suramericanos. Os estudos de sistemática molecular indican que ambos os dous xéneros non están relacionados entre si e tampouco con outros xéneros da familia, polo que a súa posición taxonómica é incerta.[6]
    • Exodeconus Raf. (1838), con 6 especies do oeste de suramérica.
    • Nicandra Adans (1763), xénero cunha soa especies distribuída en rexións neotropicais.
  • Tribo Nolaneae Rchb. (1837)
    • Nolana L. (1762) Son herbas ou pequenos arbustos na súa maioría de follas suculentas, teñen flores moi vistosas, que van dende o branco até varios tons de azul, e o seu froito é de tipo esquizocarpo, o cal dá orixe a varias noces. Comporta 89 especies distribuídas no oeste de Suramérica.
  • Tribo Physaleae Miers (1849), é unha gran tribo irmá de Capsiceae.
    • Subtribo Iochrominae (Miers) Hunz. é un clado dentro da tribo Physaleae que comprende 37 especies, principalmente distribuídas nos Andes, asignadas a 6 xéneros. Os membros desta subtribo caracterízanse por ser arbustos leñosos ou pequenas árbores con atractivas flores tubulares ou rotadas. Presentan, ademais, unha gran diversidade floral cubrindo, de feito, a totalidad da variación existente na familia. As súas flores poden ser vermellas, alaranxadas, amarelas, verdes, azuis, púrpuras ou brancas. A forma da corola pode ser tubular a rotada, cunha variación de até 8 veces na lonxitude do tubo a través das distintas especies.[17]
      • Acnistus Schott (1829), cunha especie distribuída nos neotrópicos.
      • Dunalia Kunth. (1818), que inclúe 5 especies dos Andes.
      • Iochroma Benth. (1845), xénero con 24 especies dos Andes.
      • Saracha Ruiz et Pav. (1794), que inclúe 2 especies dos Andes.
      • Vassobia Rusby (1927), con dúas especies suramericanas.
      • Eriolarynx Hunz.(2000), xénero que presenta 3 especies da Arxentina e Bolivia.
    • Subtribo Physalinae (Miers) Hunz. (2000). É unha subtribo monofilética que comprende 10 xéneros e inclúe herbas ou arbustos leñosos con flores solitarias, axilares, amarelas, brancas ou púrpuras que son polinizadas por abellas. Unha vez que a polinización ocorre, a corola cae e o cáliz expándese até cubrir por enteiro a baga que se está a desenvolver (o cáliz dise acrescente). En moitas especies o cáliz tórnase amarelo ou alaranjado na madureza. As bagas, con moitas sementes, son de cor averdado a amarelo-arroxado, frecuentemente con reflexos vermellos ou púrpuras.[18]
      • Brachistus Miers (1849), con 3 especies de México e América Central.
      • Chamaesaracha (A.Gray) Benth. et Hook. (1896), comprende 10 especies de México e América Central.
      • Leucophysalis Rydberg (1896), inclúe 3 especies do suroeste dos Estados Unidos e de México.
      • Margaranthus Schlecht. (1830), cunha especie mexicana.
      • Oryctes S. Watson (1871), xénero monotípico do suroeste dos Estados Unidos.
      • Quincula Raf. (1832) cunha soa especie do suroeste dos Estados Unidos e de México.
      • Physalis L. (1753), o xénero máis grande da subtribo, con 85 especies distribuídas nas rexións tropicais das Américas e unha especie da China.
      • Witheringia L' Heritier (1788), xénero con 15 especies de rexións neotropicais.
      • Tzeltalia, xénero segregado de Physalis, con dúas especies distribuídas en México e Guatemala.
      • Darcyanthus, xénero cunha soa especie oriúnda de Bolivia e o Perú.
    • Subtribo Salpichroinae, é unha subtribo de Physaleae que inclúe 16 especies americanas distribuídas en dous xéneros:
      • Nectouxia Kunth. (1818), xénero mootípico e endémico de México.
      • Salpichroa Miers (1845), xénero con 15 especies dos Andes e outras rexións de América do Sur.
    • Subtribo Withaninae, é unha subtribo de Physaleae cunha ampla distribución, inclúe 9 xéneros:
      • Archiphysalis Kuang (1966), con 3 especies da China e o Xapón.
      • Athenaea Sendtn. (1846), que inclúe 7 especies do Brasil.
      • Aureliana Sendt. (1846), con 5 especies de suramérica.
      • Melissia Hook. f. (1867), xénero monotípico de Santa Helena.
      • Physalisastrum Makino (1914), con 9 especies asiáticas.
      • Tubocapsicum (Wettst.) Makino (1908), cunha soa especie endémica da China.
      • Withania Pauq.(1825), con 10 especies nativas das ILlas Canarias, África e o Nepal.
      • Cuatresia Hunz. (1977), con 11 especies neotropicais. Os estudos moleculares indican que este xénero, conxuntamente con Deprea e Larnax ten unha posición taxonómica incerta.[6]
      • Deprea Raf. (1838), con 6 especies neotropicais.
      • Larnax Miers (1849), moitos taxónomos considérano un sinónimo de Deprea, abrangue 22 especies nativas dos Andes.
  • Tribo Solaneae (1852). Os xéneros Cyphomandra Sendtn. (1845), Discopodium Hochst. (1844), Normania Lowe (1872), Triguera Cav. (1786) Lycopersicum Mill foron transferidos dentro de Solanum. A subtribo, logo, está composta por dous xéneros:[6]
      • Jaltomata Schltdl. (1838), que inclúe 50 especies neotropicais.
      • Solanum L. (1753), o xénero máis grande da familia e un dos máis amplos das anxiospermas, con 1328 especies distribuídas en todo o mundo.
  • Xéneros con posición taxonómica dubidosa (Incertae sedis)

Os xénero a seguir aínda non se atopan localizados en ningunha das subfamilias recoñecidas de solanáceas.[6][19]

  • Duckeodendron Kuhlmannb (1925), xénero monoespecífico do Amazonas.
  • Parabouchetia Baillon (1888)
  • Pauia Deb. & Dutta (1965)

Xéneros e distribución de especies

[editar | editar a fonte]
Flores e follaxe de Cestrum parqui.

As solanáceas comprenden 98 xéneros e unhas 2700 especies. Porén, esa inmensa riqueza de especies non está uniformemente distribuída entre todos os xéneros. Así, os oito xéneros máis importantes da familia concentran máis do 60% das especies, como se amosa na táboa de debaixo. De feito, só Solanum -o xénero que tipifica a familia- inclúe case o 50% da totalidade de especies de solanáceas.

Xénero Número aproximado de especies
Solanum 1.330
Lycianthes 200
Cestrum 150
Nolana 89
Physalis 85
Lycium 85
Nicotiana 76
Brunfelsia 45
Número estimado de especies na familia 2700

Posición taxonómica

[editar | editar a fonte]

As plantas da familia Solanaceae descritas por A.L.de Jussieu son fanerógamas por se reproduciren a través de sementes, que no Sistema de Clasificación do Reino Vexetal están situadas na división das anxiospermas (angiospermae) (plantas con raíz, talo, follas, flores, froitos e sementes), clase das dicotiledóneas (dicotyledoneae) (sementes con dous cotiledóns) e subclase sympetalae (flores con cáliz e corola, sendo os sépalos e os pétalos unidos en case toda a extensión ou soamente na base).

Importancia económica

[editar | editar a fonte]

A familia Solanaceae é coñecida principalmente pola súa grande importancia económica. O xénero Solanum L., maior e máis complexo, presenta especies con elevado grao de representatividade grazas ás súas respectivas contribucións para a economía: o pataqueiro ou pataca (Solanum tuberosum L.), e a tomateira (S. lycopersicum L.). Alén diso, este xénero tamén ofrece plantas ornamentais e plantas invasoras de culturas.[Cómpre referencia]

Potencial ornamental

[editar | editar a fonte]

Bos exemplos de especies da familia Solanaceae con potencial ornamental son: Streptosolen jamesonii, coñecida popularmente como marianiña, planta orixinaria de África do Sur, Colombia e Ecuador. Tamén as coñecidas flores petunias.

  1. Nome vulgar galego da familia en Diccionario Cumio da lingua galega, Vigo, Edicións do Cumio, 1999; Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009 e no Portal das Palabras Arquivado 27 de xullo de 2014 en Wayback Machine. da RAG.
  2. 2,0 2,1 Olmstead, R. G., J. A. Sweere, R. E. Spangler, L. Bohs, and J. D. Palmer. 1999. Phylogeny and provisional classification of the Solanaceae based on chloroplast DNA. Pp. 111-137. En: Solanaceae IV: advances in biology and utilization, M. Nee, D. E. Symon, R. N. Lester, and J. P. Jessop (eds.). The Royal Botanic Gardens, Kew Artigo en inglés Arquivado 16 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
  3. 3,0 3,1 Olmstead, R.G. and Bohs, L. 2007. A Summary of molecular systematic research in Solanaceae: 1982-2006. Acta Hort. (ISHS) 745:255-268 Arquivado 27 de marzo de 2019 en Wayback Machine.
  4. 4,0 4,1 Olmster, R.G. & J. Palmer. 1992. A chloroplast DNA phylogeny of the solanaceae: subfamilial relationships and character evolution. Annals Missouri Botanical Garden 79 (2):346-360. Resumo en inglés
  5. 5,0 5,1 Martins TR, Barkman TJ (2005) Reconstruction of Solanaceae Phylogeny Using the Nuclear Gene SAMT. Systematic Botany: Vol. 30, No. 2 pp. 435–447 Resumo en inglés
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Olmstead, R.G. and Bohs, L. 2007. A Summary of molecular systematic research in Solanaceae: 1982-2006. Acta Hort. (ISHS) 745:255-268
  7. Ando, T, Kokubun, H., Marchesi, E., Suárez, E. & Basualdo, I. 2005. Phylogenetic Analysis of Petunia sensu Jussieu (Solanaceae) using Chloroplast DNA RFLP. Ann. Bot. 96(2): 289 - 297.Artículo en inglés
  8. Kei-Ichiro Mishiba , Toshio Ando , Masahiro Mii , Hitoshi Watanabe , Hisashi Kokubun , Goro Hashimoto , and Eduardo Marchesi. 2000. Nuclear DNA Content as an Index Character Discriminating Taxa in the Genus Petunia sensu Jussieu (Solanaceae). Ann Bot 85: 665-673. Artigo en inglés
  9. Perez, F., Arroyo, M., Medel, R. & M. Herskovitz. 2006. Ancestral reconstruction of flower morphology and pollination systems in Schizanthus (Solanaceae). American Journal of Botany 93(7): 1029–1038. [1]
  10. Garcia, Vicente F.; Olmstead, Richard G. (2003). "Phylogenetics of Tribe Anthocercideae (Solanaceae) Based on ndhF and trnL/F Sequence Data". Systematic Botany (en inglés). 
  11. Mace, E. S. C. G. Gebhardt, R. N. Lester. 1999. AFLP analysis of genetic relationships in the tribe Datureae (Solanaceae). Theoretical and Applied Genetics 99, (3-4): 634-641 Resumo en inglés Arquivado 16 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
  12. 12,0 12,1 Knapp, S., V. Persson & S. Blackmore. 1997. A Phylogenetic Conspectus of the Tribe Juanulloeae (Solanaceae). Annals of the Missouri Botanical Garden, Vol. 84, No. 1: 67-89 Resumo en inglés
  13. Sazima, M. ; Buzato, S.; Sazima, I. 2003. Dyssochroma viridiflorum (Solanaceae): a Reproductively Bat-dependent Epiphyte from the Atlantic Rainforest in Brazil. Annals of Botany. 92(5):725-730.
  14. Bernardello, L.M. 1987. Comparative Floral Morphology in Lycieae (Solanaceae). Brittonia, Vol. 39, No. 1:112-129 resumo en inglés
  15. Levin, R.A. & Miller, J.S. 2005. Relationships within tribe Lycieae (Solanaceae): paraphyly of Lycium and multiple origins of gender dimorphism. American Journal of Botany. 2005;92:2044-2053 Resumo en inglés
  16. Bernardello, L. & F. Chiang-Cabrera. 1998.A cladistic study on the American species of Lycium (Solanaceae) based on morphological variation. Monographs in Systematic Botany from the Missouri Botanical Garden 68: 33–46.
  17. DeWitt Smith, S. & David A. Baum. 2006. Phylogenetics of the florally diverse Andean clade Iochrominae (Solanaceae). American Journal of Botany 93:1140-1153 Artigo en inglés Arquivado 04 de xullo de 2009 en Wayback Machine.
  18. Whitson, M. & P.S. Manos. 2005. Untangling Physalis (Solanaceae) from the physaloids: a two-gene phylogeny of the Physalinae. Systematic Botany 30: 216-230. Artigo en inglés
  19. Revisión de bibliografía realizada até novembro de 2007

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Souza, V.C. & Lorenzi, H.: Botânica Sistemática: Guia ilustrado para identificação das famílias de Fanerógamas nativas e exóticas no Brasil, baseado en APG II. 2ª Edición. Instituto Plantarum de Estudos da Flora Ltda. 2008
  • Dissertação de Feliciano, E. A.: Solanaceae A. Juss. da Serra Negra, Río Preto, Minas Gerais: Tratamento taxonômico e similitude florística.
  • Revisão de literatura de Farias, J. S.: Estudos da resistência a viroses em espécies do Gênero Solanum L. (Solanaceae A. Juss.).
  • Souza JA, Ferreira IT, Pastorini LD, Rosa DL, Pereira LM, Corrêa MGS, Viégas J, Ferreira AAF.: Regeneraçao de calos em Marianinha (Streptosolen jamesonii), planta ornamental da família Solanaceae. Dados preliminares.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]