Saltar ao contido

Sogdianos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sogdianos
 Instancia de
 Subclase de
Localización
 Localización
Wikidata C:Commons

Os sogdianos[1] (sogdii ou sogdiani; en lingua sogdiana: swγδ, swγδ'k) foron un antigo pobo de fala iraniana que vivía no territorio da Sogdiana (unha rexión de Asia Central que se estendía dende os ríos Amu Daria no sur ata o Sir Daria),[2] veciña dos bactrianos, baixo o dominio do Imperio Persa. Vivían nunha zona que ocupa parte dos actuais Taxiquistán e Uzbekistán, e posuían, entre outras, as cidades de Samarcanda e Bukhara.

Segundo o orientalista ruso V. V. Bartold, os sogdianos poden ser chamados "os fenicios de Asia Central" pois foron un importante pobo comerciante con base na súa capital, Samarcanda, e xogaron un papel fundamental no desenvolvemento da Ruta da Seda e das rutas comerciais de Asia Central. Alcanzaron o seu auxe entre o comezo do século I a. C. e o século VII.

Os sogdianos caeron baixo a dominación dos persas aqueménidas a mediados do século VI a. C., e despois dos gregos coas conquistas de Alexandre o Grande, quen tralo asedio da Rocha Sogdiana conseguiu unir a Sogdiana e a Bactriana. Estiveron temporalmente baixo a tutela dos seléucidas e despois baixo o dominio do reino grecobactriano ata mediados do século II a. C., cando foron invadidos polos nómades yuezhi. Posteriormente permaneceron independentes do Imperio Kushan. Estiveron dominados durante un tempo polos pobos túrquicos e finalmente polos árabes durante o século IX.

A lingua sogdiana foi unha das linguas estatais do Khaganato turco no século VI.[3] En Asia Central, permaneceu en uso ata o século XIV.[4]

Estaban divididos en tribos, algunhas das cales son mencionadas por Claudio Tolomeo e polos seus nomes non parecen estar relacionadas con ningún outro grupo étnico. Entre as tribos están os pasicae (no Pamir); os thacori (takurs, tocarios) nas beiras do nos Iaxartes; os oxydrancae, os drybactae, os gandari (ou gandháras), os mardyeni (madras), os chorasmii (corasmios ou khwaresmis) nos arredores do Oxus, e os cirrodes (kirátas, tamén na rexión do Oxus).

  1. Definición de sogdiano -na no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. "Sogdiana". Encyclopædia Iranica (en inglés). 5 de setembro de 2017. Consultado o 22 de agosto de 2025. 
  3. Кляшторный С. Г., Савинов Д. Г. Степные империи древней Евразии. Филологический факультет Санкт-Петербургского государственного университета, 2005. [Klyashtorny S. G., Savinov D. G. Imperios esteparios da antiga Eurasia. Facultade de Filoloxía da Universidade Estatal de San Petersburgo, 2005.]
  4. Элькина, Мария (2 de abril de 2012). "Владимир Лившиц: Почему в Хорезме писали на верблюжьей челюсти" [Vladimir Livshits: Por que escribiron na mandíbula dun camelo en Khorezm?]. fontanka.ru (en ruso). Consultado o 28 de agosto de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]