Sociedade do Óso
| Sociedade do Óso |
|---|
A Sociedade do Óso é un mito propio da mitoloxía galega, que se describe como unha agrupación formada por xente normal pero que vive tanto neste mundo como no alén e que percorre os camiños igual que a Compaña, da que se diferencia en que na Sociedade participan persoas vivas, veciños da parroquia, mentres que na Compaña andan as ánimas. Agora ben, esas persoas gozan de certas propiedades extraordinarias que raian as capacidades máxicas.

Semella que a sociedade se localiza en San Breixo de Berán, en Leiro (Ourense), onde se recolleu a súa presenza. Vicente Risco recoñece que non lle coñece paralelos.[1]
Os membros da sociedade teñen a capacidade de saber se un membro da mesma vai morrer ou non, e as súas premonicións parecen ser infalibles. Cando alguén enferma, os outros saben se é cousa de morte ou non. Se a cousa non é grave, mesmo aconsellan ó médico que non paga a pena asistir ó enfermo. Pero se for de morrer, van buscalo á súa casa en procesión, co cura que hai na sociedade, e lévano ata a igrexa no seu cadaleito, nunha procesión en todo semellante á das ánimas. Alí fanlle un funeral que segue o mesmo ritual que un funeral católico, pero de noite. Os informantes explican que levan o espírito, a sombra, mentres que o corpo real queda na casa, na cama, pois a morte real non se produce ata o día seguinte. Non se sabe ben, xa que logo, qué é o que enterran.
Dise que, cando representan ese funeral, os membros da comitiva toman forma etérea e por iso poden atravesar portas, paredes e cancelas sen dificultade, sen tropezaren con nada. Avanzan en silencio aínda que algún informante afirma que ás veces van cantando responsos. E ilumínanse con cirios que, en realidade, son ósos humanos ós que prenden lume. Nestas procesións non son recoñecibles por ninguén, o que lles permite manter o segredo da súa pertenza á sociedade. Marchan como vultos sen forma definida. Actúan de modo similar a unha irmandade devota, pero mantendo un segredo absoluto, que mesmo se manifesta na presenza nos actos dun cura da mesma sociedade, distinto do cura da parroquia.
Contan que unha muller chegou a Berán a véspera do día de festa, pero chegou tan cedo que aínda era noite e tivo que esperar a que amencera. Pero viu a porta da igrexa aberta e foi ata alí, atopándose cun funeral cunha morea de xente. Un dos asistentes entregoulle unha candea acesa e, ó rematar os oficios, gardouna nunha cesta. Pero cando xa era de día e mirou, non era unha candea senón un óso de defunto.
Tamén se fala dunha procesión semellante, á que chaman os do óso, no lugar de Loureses, en Aguís, no concello dos Blancos (Ourense), coa particularidade de que neste caso só participan varóns, estando vedada a intervención de mulleres.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anónimo: "A Sociedá do Oso", en "Archivo Filolóxico e Etnográfico de Galizia", en Nós nº 5, 24.06.1921, px. 19.
- Cuba, X. R.; Reigosa, A.; Miranda, X. (2008). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9782-869-7.
- Risco, Vicente (1946). "La procesión de las ánimas y las premoniciones de muerte". Revista de Dialectología y Tradiciones Populares II (cuaderno 3º): 423–425.
- Risco, Vicente (1962). "Etnografía: cultura espritual". En Otero Pedrayo, Ramón. Historia de Galiza I. Buenos Aires: Nós. ISBN 84-7339-429-1.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9865-387-8.