Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A lira é, como ocorre con outras moitas asociacións e sociedades musicais, o símbolo da Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos.

A Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos é unha asociación cultural da cidade de Monforte de Lemos (Lugo) fundada en 1950 e que ten como obxectivo a divulgación musical. Ten a súa sede na Casa da Cultura Lois Pereiro, na Praza de España da capital do val de Lemos. Conta cuns 190 socios e está presidida por Antonio Prado Cortiñas.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

A Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos naceu en 1950 e ese mesmo ano realizou o seu primeiro concerto.[3] A presentación da asociación tivo lugar no salón de actos da Casa do Concello monfortina, na que o daquela alcalde da cidade,[4] Luis Rey Mariño,[5] deu posesión dos seus cargos aos integrantes da xunta directiva da que foi a oitava Sociedade Filharmónica fundada en Galicia.[4] O 16 de maio do mesmo ano ás once da noite celebrouse o primeiro concerto organizado pola institución, no que a Orquestra Sinfónica Municipal de Bilbao interpretou a Sexta Sinfonía de Ludwig van Beethoven, La procesión del Rocío de Joaquín Turina e a "Pantomima" da zarzuela de José María Usandizaga Las golondrinas.[6]

Nos anos seguinte á súa formación, a Filharmónica mantivo unha intensa actividade de concertos que levaron á cidade do Cabe á Coral Polifónica Pontevedresa (1951),[7] o barítono bonaerense Hammelet Fernández (1955),[8] o arpista donostiarra Nicanor Zabaleta (1956), ou o violonchelista barcelonés Gaspar Cassadó (1956).[3][9] Tamén visitaron a cidade na década de 1950 agrupacións intenrnacionais como a alemá Orquestra de Cámara de Múnic dirixida por Christoph Stepp, que actuou no desaparecido Teatro Lemos en 1954.[10] A Filharmónica levou á cidade tamén a personalidades destacadas da música do momento, como o compositor español Joaquín Rodrigo, que o día 12 de xaneiro de 1956 ofreceu unha conferencia no Círculo Victoria de Monforte na que falou da súa música e interpretou fragmentos da mesma ao piano.[11]

Xornais da época como La Noche recollen a rivalidade que apareceu entre a sociedade monfortina e a Sociedade Filharmónica de Pontevedra, xa que moitas veces ambas contrataban aos mesmos artistas ou agrupacións.[9]

O 10 de maio de 2017, a Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos programou o primeiro concerto gospel na historia da cidade. O concerto foi ofrecido polo grupo ugandés Aba Taano, que cantou cancións gospel dos Estados Unidos, Suráfrica, Cimbabue e Kenya na igrexa do Colexio de Nosa Señora da Antiga.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "SOCIEDAD FILARMÓNICA DE MONFORTE DE LEMOS". Deputación de Lugo. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2017. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  2. "Xunta Directiva". Sociedad Filarmónica de Monforte. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  3. 3,0 3,1 "Historia". Sociedad Filarmónica de Monforte. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  4. 4,0 4,1 "Una Sociedad Filarmónica en Monforte". La Región (en castelán). 6 de abril de 1950. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  5. Aira Pardo, Felipe. "ALCALDES DEL SIGLO XX EN MONFORTE, (1947-1977)" (en castelán). jrcasan.com. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  6. Programa do concerto, dispoñible no sitio web da Sociedade Filharmónica.
  7. "Panorama musical". La Noche (en castelán). 18 de xuño de 1951. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  8. "El barítono Hammelet Fernández, en Orense". La Región (en castelán). 19 de maio de 1955. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  9. 9,0 9,1 "Acontecimiento artístico, en Compostela actuará la Orquesta de Cámara de Hamburgo". La Noche (en castelán). 25 de outubro de 1926. Consultado o 23 de abril de 2017. 
  10. "La Orquesta de Cámara de Múnich, en la Filarmónica de Monforte". La Región (en castelán). 24 de marzo de 1954. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  11. "Nuevo presidente de la Sociedad Círculo Victoria". El Pueblo Gallego (en castelán). 12 de xaneiro de 1956]]. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  12. "Monforte acogerá un concierto de góspel en la iglesia del Cardenal". La voz de Galicia (en castelán). 6 de maio de 2017. Consultado o 1 de setembro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]