Saltar ao contido

Sociedad de Artistas Ibéricos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Sociedad de Artistas Ibéricos foi unha asociación cultural, creada a finais de 1924 en Madrid, co obxectivo de «incorporar a arte española ás vangardas».[1] Activa até 1936, emitiu varios manifestos, promoveu diversas revistas de arte e organizou exposicións dentro e fóra de España. A última delas, «L'art espagnol contemporain», tivo lugar en París entre febreiro e abril de 1936, coa xa entón impoñente implicación de Pablo Picasso.[2][3]

No seu conxunto, a SAI contou co apoio de diversos intelectuais e críticos. Entre eles tiñan maior influencia Juan de la Encina, Eugenio d'Ors e Guillermo de Torre. Tamén destacaron José Bergamín, Manuel Abril, Antonio Marichalar, José Ortega y Gasset, Ernesto Giménez Caballero, Ramón Gómez de la Serna ou Marjan Paszkiewicz.[2][4][3][2]

O nacemento da Sociedad de Artistas Ibéricos foi motivado pola convocatoria dun certame de arte tradicional. Porén, a ‘efervescencia cultural’ que nese momento ‘bulía’ en Madrid fixo que a Exposición de Artistas Ibéricos de 1925 servise de plataforma para artistas cubistas e da Nueva Objetividad.[1]

Inaugurada o 28 de maio de 1925 no Palacio de Exposicións do Retiro de Madrid, a Exposición foi concibida como unha renovación da arte e da relación entre artistas e público. O seu primeiro Manifiesto, publicado na revista Alfar en setembro de 1924, afirmaba que “o horizonte da actividade artística está por configurar. O único árbitro posible é un público informado”, e que con ela “empezaba o que acababa de terminar”.[2]

Cunha formulación revolucionaria na época, a exposición organizada pola SAI incluía conferencias e o lanzamento de revistas especializadas.[5] Malia o entusiasmo de D'Ors, varios enfrontamentos provocaron importantes ausencias de artistas cataláns na primeira mostra. Aínda así, en xaneiro de 1926 organizouse a exposición Arte catalán moderno.[3] Todo isto estaba enmarcado no contexto da ditadura de Miguel Primo de Rivera, entre 1923 e 1931.[2]

Xa co respaldo da Segunda República Española, a seguinte exposición tivo lugar en Donostia en setembro de 1931. Fóra de España, destacan as de Copenhague, en setembro de 1932, e Berlín, entre decembro de 1932 e xaneiro de 1933.[3]

Participantes

[editar | editar a fonte]

Quizais a mellor definición do alcance e os orzamentos artísticos da SAI na Exposición de 1925 sexa a lista de participantes, «estilisticamente non homoxénea»: Juan Adsuara, Alberto Sánchez Pérez, Aurelio Arteta (realismo tradicional), Rafael Barradas (alma da asociación), Luis Bagaría, Emiliano Barral, Luís Berdejo, Francisco Bores (Novecento italiano), Norah Borges, José Capuz Mamano, Pancho Cossío, Alfonso de Olivares (pintor da Escola de París e un dos organizadores da exposición), Salvador Dalí, Juan de Echevarría, Roberto Fernández Balbuena (Nueva Objetividad), Ángel Ferrant, José Frau Ruiz, Gabriel García Maroto, Enrique Garrán, Antonio de Guezala, José Gutiérrez Solana, Victorio Macho, José Moreno Vila, Benjamín Palencia, Joaquín Peinado, Santiago Pelegrín Martínez, Ernesto Pérez Orúe, Ramón Pichot, Nicanor Piñole, José Planes, Cristóbal Ruiz Pulido, Carlos Sáenz de Tejada, Francisco Santa Cruz, José Gutiérrez Solana, Julián Tellaeche, Quintín de la Torre, José María Ucelay, Jenaro Urrutia e os irmáns Ramón e Valentín Zubiaurre.[2][2][3] Como grandes ausentes, a crítica mencionou posteriormente os nomes de Daniel Vázquez Díaz ou Joaquín Sunyer.[2]

A esta lista cómpre engadir artistas que participaron ou integraron actividades da SAI. Algúns nomes foron os de Pedro Flores, Manuel Ángeles Ortiz, Maruxa Mallo, Genaro Lahuerta, Joaquín Torres García, Ismael González de la Serna,[3] Rosario de Velasco, Pablo Zelaya Sierra, Manuela Ballester, Ángeles Santos Torroella, Carlos Ribera Sanchís, Fernando Arranz ou José Caballero.[3]

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 oxford-Chilvers 2001, p. 396.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "La Sociedad de Artistas Ibéricos y el arte español de 1925". Museo Reina Sofía. 18 octubre, 1995 - 22 enero, 1996. Consultado o 18 de abril de 2017. Comisarios de la muestra: Concha Lomba y Jaime Brihuega 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Pérez Segura, Javier (2003). "La sociedad de artistas ibéricos (1920-1936)". UCM-tesis. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2017. Consultado o 18 de abril de 2017. 
  4. "Creadores extranjeros en España". Residencia de Estudiantes. 2015. Consultado o 19 de abril de 2017. 
  5. Pérez Segura. "Manifiestos y textos programáticos de la Sociedad de Artistas Ibéricos". Archivo Español de Arte, Vol 76, No 302 (2003). Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) (en español). Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2017. Consultado o 18 de abril de 2017. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]