Socastro, Herbogo, Rois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Socastro
ParroquiaHerbogo
ConcelloRois
Coordenadas42°46′54″N 8°42′48″O / 42.781780549516, -8.7133070569792Coordenadas: 42°46′54″N 8°42′48″O / 42.781780549516, -8.7133070569792
Poboación33 hab. (2013)
editar datos en Wikidata ]

Socastro é un lugar da parroquia de Herbogo no concello coruñés de Rois, na comarca do Sar. Situado ao pé do castro. Ten 19 habitantes (12 mulleres e 7 homes).

Topónimo[editar | editar a fonte]

O topónimo da aldea precede de prefixo so, do latín sub, que significa debaixo de, e da palabra castro, que vén do latín castrum, que significa fortificación militar.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Construcións relixiosas[editar | editar a fonte]

Igrexa de San Pedro de Herbogo[editar | editar a fonte]

Ten planta de cruz latina. A actual obra empezou en 1715, aproveitando como materiais construtivos restos antigos, posiblemente xa empregados na igrexa anterior, como sucede cunha ara romana e unha inscrición (só parte).

Sobre a porta lateral hai unha imaxe da Virxe da O, amosando a man dereita e collendo o ventre coa esquerda, quizais do século XVII.

Sufriu unha grande reforma na década dos anos corenta, que lle afectou, sobre todo, ás bóvedas e ós retábulos laterais, que foron trocados polos actuais de ladrillo e cemento.

O único que se conservou foi o do presbiterio, datable nos últimos anos do século XVIII, que tamén sufriu diferentes arranxos para poñerlle tres imaxes modernas de grandes proporcións.

Cruceiro de Socastro[editar | editar a fonte]

Sitúase nunha encrucillada no medio da aldea. De pedestal fanlle tres chanzos e a base, cúbica. O varal é corrente, primeiro de sección cuadrangular e logo octogonal. Segue o capitel, de catro lados, cunha cara de anxo no medio de cada un, moi tosca.

Tamén a cruz é normal, de sección cuadrangular, agás nos extremos. Cristo ten a cabeza caída cara a un lado. Por detrás está a Virxe das Angustias co fillo morto no colo, que non é máis que un meniño se o comparamos coa Nai. Apoia os pés sobre unha pequena piaña que semella unha nube.

Ten unha inscrición initelixible que, ademais, non ten data. Pode ser obra do século XIX.

Xacementos arqueolóxicos[editar | editar a fonte]

Castro de Socastro[editar | editar a fonte]

A só 150 metros de Socastro, o castro da Idade de Ferro, sitúase nun outeiro dun pequeno cordal, a 211 metros de altitude. É visible dende tódalas montañas que arrodean esta conca fluvial, polo que se pode supoñer que fose a acrópole máis importante, tanto en número de habitantes como en edificacións. Ocupa unha pequena meseta, contando cunha planta ovalada tendendo a triangular e unha coroa que mide 100 metros no eixo norte-sur, e uns 70 metros de teste a oeste.

Restan vestixios de parapetos; en troques parece que non contaba con foxo.

Dende o ano 2010, un campamento de rapaces e rapazas de diferentes países comezaron a recuperación do castro. Ademais algún que outro buscador de ouro fixo algunha pequena cata furtiva, debido a algunha lenda que sitúa nel tesouros.

Hai constancia de que apareceron moedas, restos de muíños de man, tégulas, “pedras con letras”, unha arae, un fragmento de inscrición de época romana.

Lenda[editar | editar a fonte]

Hai una lenda que di que cando viñeron os mouros, agocháronse nunha mina, que comunicaba a aldea co xacemento, na que había escondido un filón de ouro.

Festa[editar | editar a fonte]

29 de xuño, na honra de San Pedro.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Herbogo[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Herbogo no concello de Rois (A Coruña)

Carrais | As Casas Novas | Espai | Herbogo | A Pereira | Rubieiro | Socastro | Soutelo

Parroquias de Rois[editar | editar a fonte]