Snowboarding

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

O snowboard, snowboarding, táboa sobre neve, táboa de neve ou mesmo táboaneve é un deporte extremo de inverno, no que se utiliza unha táboa para deslizarse sobre unha pendente cuberta por neve.[1] O equipo básico para practicalo son a mencionada táboa, as fixacións e as botas. Incorporouse ao programa dos Xogos Olímpicos de Inverno en 1998.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras evidencias deste deporte remóntanse a principios do 1910, cando a xente quería fixar os seus pés a un taboleiro de madeira contrachapada mediante cordas de pesca e rendas de cabalos para poder baixar polas pendentes das montañas nevadas.

A táboa de neve comezou no 1965 cando Sherman Poppen, un enxeñeiro de Muskegon, Michigan, inventou un xoguete para as súas fillas xuntando dous esquíes e atándoos a unha corda coa cal ter control sobre a táboa. Chamouno "snurfer" -unha fusión de dúas voces: 'snow' (neve) e surf- e foi tan popular que Sherman Poppen vendeu a licenza a unha empresa, Brunswick Corporation, que conseguiu vender preto dun millón de "snurfers" durante a seguinte década, máis de medio millón só en 1966.

A principios da década do 1970, Poppen organizou competicións de snurfing na estación de esquí de Míchigan que atraeu a afeccionados de todo o país. Uno deles foi Tom Sims, un amante do skateboarding, que fabricou un táboa de neve na escola cando cursaba oitavo grao en Haddonfield, New Xersei, alá polo ano 1960. A súa idea foi tapizar a parte superior dun anaco de madeira e fixar unha chapa de aluminio na parte inferior que, posteriormente, a mediados dos anos 1970 produciu e comercializou. Ao mesmo tempo, Dimitrije Milovich, un entusista do surf que utilizaba as bandexas da cafetaría da universidade para deslizarse pola neve, construíu unha táboa de snowboard chamada "Winterstick" inspirada nas táboas de surf convencionais. Varios artigos sobre as táboas Winterstick en revistas importantes do país axudaron a publicitar este deporte tan novo.

En 1977, Jake Burton Carpenter, un mozo de Vermont que levaba desde os 14 anos practicando o snurfing, impresionou a todos os asistentes dunha competición de snurfing en Míchigan coas fixacións que el mesmo se fabricou para fixar os seus pés á táboa. O mesmo ano, Jake Burton fundou Burton Snowboards en Londonderry, Vermont. As táboas de neve estaban feitas de taboleiros de madeira flexibles e con fixacións de esquí acuático. Ao principio, moi poucas persoas compraron as súas táboas, con todo, co tempo Burton converteríase na maior empresa de táboaneves do mundo.

As primeiras competicións de carreiras en ofrecer premios en metálico foron no Campionato Nacional de Snurfing, celebrado no Parque Estatal de Muskegon, Míchigan. Jake Burton quixo competir cunha táboa das súas e algúns participantes protestaron xa que consideraban que non era unha táboa de snurfer, no entanto, algúns participantes avogaron para que Jake Burton puidese competir coa súa táboa de neve. A solución resultante foi a creación doutro "Open" ou división na que Jake Burton gañou ao ser o único participante. Esta, está considerada como a primeira competición deste deporte e que, ademais, ofrecía un premio en metálico.

O snowboard fíxose máis popular ao final da década dos 70 e os 80, os pioneiros como Dimitrije Milovich, Jake Burton, Tom Sims e Chuck Barfoot (fundador de Gnu Snowboard) chegaron con novos deseños, mecanismos e equipamentos relacionados que aos poucos se foron desenvolvendo no mundo do snowboard e que hoxe en día se coñecen.

A primeira Carreira Nacional de Snowboard de Estados Unidos celebrouse en 1982 en Suicide Six, Vermont. O primeiro Campionato Mundial de Mediotubo celebrouse en 1983, Soda Springs, California. A primeira Copa do Mundo celebrouse en 1985 en Zürs, Austria.

En 1990 fundouse a Federación Internacional de Snowboard (ISF) para regular as competicións de forma universal. Ademais, a Asociación de Snowboard dos EE.UU. (USASA) regula e organiza competicións de snowboard na actualidade. Hoxe en día, estes eventos de snowboard de alto nivel coma os X Games de inverno, o Air &Style, US Open, Xogos Olímpicos, entre outros, son emitidos e seguidos mundialmente. Inicialmente, as estacións de esquí adoptaron á táboaneve dunha forma máis lenta que o público. Durante moitos anos, creouse unha confrontación entre esquiadores e snowboarders. Ao principio moitas estacións de esquí denegaban o acceso aos tablistas, despois pedíaselles un nivel mínimo antes de subir ao telesilla, xa que, existía o pensamento de que os tablistas máis novatos deixaban as pistas "limpas" de neve, é dicir, levaban toda a neve e deixaban as pistas en mal estado. En 1985 só o 7% das estacións de esquí dos Estados Unidos, datos moi similares a Europa, permitía o acceso aos practicantes de snowboard. Posteriormente, co progreso tanto na técnica e o equipamento, aos poucos o snowboard foi máis aceptado. En 1990, a gran maioría de estacións de esquí tiña pistas separadas para o snowboard. Actualmente, un 97 % de todas as estacións de esquí en EE. UU e Europa permiten o snowboard e teñen zonas específicas para o estilo libre.

Modalidades[editar | editar a fonte]

Existen varias modalidades de competición co snowboard:

  • Estilo libre: ('freestyle') Modalidade que se centra en facer acrobacias, que son piruetas, saltos, tirabuzones tanto no sentido habitual de marcha como en reverso. Para realizalas o esquiador "axúdase" de distintos módulos que á súa vez distinguen distintas disciplinas dentro desta disciplina.
    • Mediotubo: ('half-pipe') Practícase dentro dun medio tubo de neve con paredes altas e verticais disposto nunha pendente de desnivel medio e na que os tablistas tratan de realizar todas as acrobacias posibles saltando máis aló dos bordos deste. Compleméntase co mediotubo xigante que é de maior anchura entre muros, e con transición entre eles máis suave. É unha disciplina moi difícil e na que se adoitan utilizar táboas e fixacións moi duras e reactivas que permitan un control total. Esta modalidade é olímpica. Constrúense os muros con accesorios moi caros para as máquinas pisa-pistas, por iso son tan escasos en lugares con pouca tradición freestyle.
    • Descenso ('slopestyle'): Esta modalidade practícase nunha pista na que hai dispostos varios módulos como saltos, varandas e caixóns sobre os que o tablista trata de facer nunha baixada todos os trucos posibles. É disciplina olímpica desde os Xogos Olímpicos de Inverno 2014.
    • Salto xigante: ('big air') Esta modalidade consiste en varios intentos dun só salto xigante (de varios metros de altura e con xeralmente máis de 20 metros de plano antes da recepción) no que os riders tratan de facer as súas mellores acrobacias nun único salto.
    • Acrobacias ('jibbing'): Nesta modalidade o tablista deslízase sobre varandas e caixóns coa táboa.
    • Cuartotubo ('quarterpipe'): O deportista tírase a toda velocidade contra un cuarto de tubo de neve saltando cara arriba o máis alto posible e tratando de realizar a mellor acrobacia durante o seu voo, ou, nalgunhas ocasións, de chegar máis alto que ninguén.
  • Fóra de pista ('freeride'): Esta modalidade está enfocada ao descenso por lugares extremos, fóra das pistas. Cando se funde co estilo libre (en aspectos como a utilización de elementos naturais como cortados de rocas, riscos, arestas, etc) coñécese como Fóra de pista extrema.
  • Slálom paralelo: Os competidores deben esquivar as portas en zigzag. Descenden primeiro de maneira individual e clasifícanse os 32 mellores tempos para as eliminatorias. Nestas, saen dous competidores á vez con portas automáticas e descenden unha vez por cada lado. Nestas o vencedor vai pasando mangas até a final. O pau interior da porta é curto para facilitar a inclinación en curva do tablista. Os competidores usan unha bota ríxida, parecida á de esquí, pero con máis inclinación. Esta bota comezou sendo a máis habitual entre os practicantes do novo deporte nos anos 1980, pero agora quedou relegada a esta competición.
  • Carreira ('boardercross'): modalidade que se disputa con 4 competidores á vez, baixando por unha pista chea de saltos, curvas peraltadas e obstáculos variados. Primeiro descenden de maneira individual, e clasifícanse os 32 mellores tempos, que pasan ás eliminatorias de 4 á vez. Nesta modalidade conviven os practicantes con bota branda e os de bota dura de slálom, sendo o creador da pista o responsable de igualar as forzas entre das dúas correntes do snowboard. Esta modalidade é olímpica desde Turín 2006.
  • Snowboard de montaña ou travesía: Esta modalidade é máis común en esquí, pero que hai uns anos incorporouse á táboa de neve a través de táboas especiais, chamada splitboard, para dita modalidade.

Contorna da táboa sobre neve[editar | editar a fonte]

Deportistas[editar | editar a fonte]

Ao longo da historia da snowboard algúns deportistas covertironse en lendas, quedando o seu apelido como denominación para o truco ou acrobacia inventados ou o seu estilo de practicar snowboard. Tom Sims, pioneiro competidor e en producir táboas a gran escala, Craig Kelly (†) revolucionou o estilo ao chamado estilo libre, o posicionamento sobre a táboa e as fixacións a esta, desde finais dos 80, o seu falecemento sepulto nunha avalancha encumbroulle ó máis alto deste deporte. Terje Håkonsen, incorporou no mediotubo, as rotacións en eixo vertical e horizontal de modo simultáneo entrando marcha atrás, e todas as evolucións seguen usando o seu apelido; Haakon, Haakon 540º, Haakon 720º, Haakon 1080º, e así sucesivamente, Michael Michalchuk incorporou fai máis de 10 anos, tamén en mediotubo, o dobre mortal cara atrás, abrindo esta nova vía a todos os deportes extremos. Serge Vitelli é outra lenda, por dar nome aos xiros inclinados rozando cara ou costas (carving).

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. Real Federación Española Deportes de Invierno. "Snowboard". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2016. Consultado o 28 de maio de 2018. 

Enlaces externos[editar | editar a fonte]