Sisnando II de Iria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sisnando II de iria»)
Sisnando II de Iria
Falecemento29 de marzo de 968
Ocupaciónmilitar e bispo
PaiHermenexildo Aloitez
NaiPaterna Gundesindez
editar datos en Wikidata ]

Sisnando Méndez (m. 29 de marzo de 968), máis coñecido como Sisnando II de Iria, foi un nobre e bispo galego da Idade Media, fillo dos condes de Présaras Hermenexildo Aloitez e Paterna Gundesindez (fundadores do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes). Fíxose cargo dos enclaves militares para a defensa da costa galega contra os ataques de piratas viquingos e sarracenos. Sobre o ano 960 levantou un castelo sobre o castro de Cedofeita, restaurou as torres da Lanzada (no Grove) e San Sadurniño (en Cambados), que xunto con outros puntos, como o miradoiro de Lobeira, o Facho de Donón (en Cangas) e o campanario de San Cibrán de Cálago (en Vilanova de Arousa), compoñían un sistema de vixilancia e defensa costeira contra ataques tanto por mar coma polo interior.

O bispo Sisnando conseguiu do rei Sancho I o Craso o permiso para amurallar a cidade de Compostela, que dotou de novas torres grandes e fosos reforzando a catedral, pero finalmente Sisnando rebelouse contra o rei e foi encarcerado. No seu lugar foi nomeado san Rosendo como bispo de Iria Flavia, pero á morte de Sancho I, Sisnando fuxiu do cárcere e expulsou a san Rosendo pola forza de Compostela. O deposto Rosendo profetizoulle que «Aquel que a espada fere, a espada morrerá» cando foi violentado no seu apousento a noite de Nadal do ano 966.

No ano 968 entran en Galiza os viquingos de Gunrod e aproveitando a desorde avanzan por estes territorios sen apenas resistencia. Ramiro III sucedera a Sancho I no trono de León con tan só cinco anos e parte da nobreza galega, inimiga de Ramiro III, non apoiou as mulleres rexentes (a súa nai Tareixa e a súa tía Elvira), que non puideron organizar un exército para facer fronte aos escandinavos. Os campesiños fuxiron dos campos e os viquingos cometeron todo tipo de desmandos; o exército de Gunrod arrasou as igrexas de Boente e de Santa Olalla de Curtis, e os seus monxes foron feitos prisioneiros.

En marzo de 968 Gunrod chega ás portas de Compostela, onde acampa á espera de poder entrar, con promesas que logo non cumprirían, para saquear a cidade. Mais Sisnando II encargárase da súa fortificación e organizou un exército que o 29 de marzo do ano 968 se enfrontou aos viquingos na batalla de Fornelos, parroquia de Rarís. En terras de Teo, o bispo Sisnando púxose á fronte das súas tropas de cabalaría, pero a súa temeridade levouno ao medio do campo de batalla sen maior defensa que o seu valor e morreu dun frechazo inimigo. As súas tropas foron derrotadas e os viquingos entraron en Compostela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]