Saltar ao contido

Singularidade de máster universitario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A singularidade de máster universitario no Sistema Universitario de Galicia é un réxime contemplado pola Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.[1]

Considerarase singular para o Sistema universitario de Galicia a titulación oficial de grao ou máster universitario que, polas súas concretas características, resulte indispensable para a oferta global do sistema ou teña un especial interese estratéxico para a formación universitaria da Comunidade Autónoma.

O 9 de decembro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta norma, modificada polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, a Xunta de Galicia estableceu unha serie de liñas, criterios e procedementos para a coordinación, planificación e ordenación do Sistema universitario de Galicia. O artigo 6 do devandito decreto establece un número mínimo de estudantes de novo ingreso para que as universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia poidan impartir as distintas titulacións oficiais. Estes mínimos fíxanse para os másters universitarios o número anual de estudantes de novo ingreso non pode ser inferior a 20. No caso de incumprir o requisito sinalado (para o que se terá en conta a media de tres cursos académicos consecutivos) ao abeiro do disposto no artigo 14 da mesma norma, a titulación afectada non poderá impartirse no curso académico inmediatamente posterior; prevense como únicas excepcións os másters universitarios oficiais vinculados ao programa Erasmus Mundus ou aqueles que habiliten para o exercicio dunha profesión regulada en España, segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable.

Para o Sistema universitario de Galicia aquelas titulacións que polas súas concretas características, resulten indispensables para a oferta global do sistema ou teñan especial interese estratéxico para a formación universitaria da Comunidade terán a consideración de titulación singular. En particular, no caso dos máster universitarios deben cumprir con algún dos seguintes criterios establecidos no apartado cuarto da Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades:

  1. Estar vinculados directamente cunha liña de investigación de acreditada excelencia a nivel internacional.
  2. Estar vinculado cos centros CIGUS recoñecidos pola Xunta de Galicia.
  3. Estar vinculados aos sectores considerados estratéxicos polo Goberno da Comunidade Autónoma.

A Xunta de Galicia di que "A declaración de singularidade suporá, para as titulacións recoñecidas como tales, a exención do cumprimento do exixido no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás cales lles serán aplicables, en todo caso, o contido do resto de articulado e a demais normativa de aplicación." Polo tanto, non se poden ofrecer másteres que non teñan o status de singular.

En 2025, o máster en matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela non foi recoñecido, declarado nin se lle concedeu o carácter singular e está excluído da oferta de títulos para o curso académico 2025/26. En resposta, xurdiu a plataforma "En defensa do mestrado de Matemáticas da USC".

  1. "Resolución do DOG nº 55 do 2022/3/21 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2025-05-25.