Saltar ao contido

Silabario inuktitut

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Silabario inuktitut
Silabario inuktitut. Os caracteres adicionais con puntos representan vogais longas; cando se romaniza, a vogal duplícase.
TipoSilabario
LinguasLingua inuktitut
Creacióndécada de 1870
Sistemas
Inspirado no silabario cree
Código ISO 15924Cans
UnicodeSilabario indíxena canadense unificado, U+1400–167F (táboa)
Sinal de tráfico bilingüe en Nunavut. A transliteración de ᓄᖅᑲᕆᑦ é nuqqarit.[1]

O silabario inuktitut (ᖃᓂᐅᔮᖅᐸᐃᑦ qaniujaaqpait,[2] ou ᑎᑎᕋᐅᓯᖅ ᓄᑖᖅ, titirausiq nutaaq) é un sistema de escrita de tipo alfasilabario usado polos inuit de fala inuktitut no territorio canadense de Nunavut, así como na rexión de Nunavik (no Quebec) e de Nunatsiavut (en Labrador). En 1976, a Comisión Lingüística do Instituto Cultural Inuit converteuno na escrita cooficial das linguas inuit, xunto co alfabeto latino.

O nome qaniujaaqpait (qaniujaːqpaˈit) deriva da raíz qaniq, que significa "boca". O sistema de escrita alternativo, baseado no alfabeto latino chámase qaliujaaqpait (ᖃᓕᐅᔮᖅᐸᐃᑦ), que deriva de qaliit, unha palabra que describe as marcas nas rochas. Titirausiq nutaaq (titiʁauˈsiq nuˈtaːq) significa "novo sistema de escrita" en constrate con titirausiit nutaunngittut (ᑎᑎᕋᐅᓰᑦ ᓄᑕᐅᓐᖏᑦᑐᑦ), o "antigo silabario" usado antes da reforma de 1976.[3]

Os primeiros esforzos para escribir inuktitut proviñan de misioneiros moravos en Groenlandia e Labrador a mediados do século XIX usando a escrita latina. O primeiro libro en inuktitut usando o silabario cree foi un panfleto de oito páxinas coñecido como Selections from the Gospels in the dialect of the Inuit of Little Whale River (ᒋᓴᓯᑊ ᐅᑲᐤᓯᐣᑭᐟ, "Palabras de Xesús"),[4] impreso por John Horden en 18551856 en Moose Factory para que Edwin Arthur Watkins os usase cos inuit en Chisasibi (daquela coñecido como Fort George). En novembro de 1865, Horden e Watkins reuníronse en Londres baixo a dirección de Henry Venn para adaptar o silabario cree á lingua inuktitut.[5] Na década de 1870, Edmund Peck, outro misioneiro anglicano, comezou a imprimir textos segundo ese estándar. Outros misioneiros, e máis tarde lingüistas ao servizo dos gobernos canadense e estadounidense, adaptaron o alfabeto latino aos dialectos do delta do río Mackenzie, das illas árticas occidentais do Canadá e de Alasca.

  1. "Syllabics (qaniujaaqpait)". Inuktut Tusâlanga (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 4 de novembro de 2024. Consultado o 4 de novembro de 2024. 
  2. "Writing the Inuit Language | Inuktut Tusaalanga". tusaalanga.ca. Consultado o 2 de xullo de 2019. 
  3. Lorraine E. Brandson (1994). Carved from the land: the Eskimo Museum collection. Diocese of Churchill–Hudson Bay. p. 81. ISBN 978-0-9693266-1-8. 
  4. "Aboriginal syllabic scripts". Library and Archives Canada Blog. 11 de xuño de 2015. 
  5. Harper, Kenn (10 de agosto de 2012). "The First Inuktitut Language Conference". Nunatsiaq News. Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]