Saltar ao contido

Shishuo xinyu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Shishuo xinyu
Título orixinal世說新語 e 世说新语
Autor/aLiu Yiqing
OrixeRepública Popular da China e Dinastía Liu Song
Lingualingua chinesa
editar datos en Wikidata ]

O Shishuo xinyu (chinés tradicional: 世說新語; chinés simplificado: 世说新语; pinyin: Shìshuō xīnyǔ; Wade-Giles: Shih4-shuo1 hsin1-yu3; en galego, "Un novo relato dos contos do mundo") é unha compilación histórica sobre eruditos, músicos e artistas chineses dos séculos II ao IV. Foi editada por Liu Yiqing (403 - 444).

O libro contén arredor de 1130 anécdotas históricas e bosquexos biográficos duns 600 literatos, músicos e pintores das dinastías Han e Wei-Jin. Destaca o capítulo 19, que inclúe 32 historias de mulleres excepcionais.[1][2] Tamén recolle información sobre os chamados Sete Sabios da Fraga de Bambú.

O texto orixinal estaba dividido en oito juan 卷 ou rolos, aínda que as versións actuais adoitan distribuírse en dez volumes. A obra é unha importante fonte de información biográfica, así como un rexistro da linguaxe coloquial da época.[1][2]

Malia que a meirande parte das anécdotas e personalidades recollidas no Shishuo xinyu aparecen tamén noutras fontes, os bibliógrafos chineses clasificárono como xiaoshuo 小说, un termo que máis tarde sería empregado para referirse a xéneros de ficción. Esta atribución pode deberse ao seu uso dun rexistro coloquial, e a que non segue as convencións historiográficas da época.[3]

Influencia

[editar | editar a fonte]

A súa mestura da lingua literaria e do vernáculo influenciou o desenvolvemento da posterior literatura informal chinesa. O célebre novelista Lu Xun (1881-1936) eloxiou os seus méritos estéticos.[3]

  1. 1,0 1,1 Wilkinson, Endymion (2022). Chinese History: A New Manual (en inglés). Harvard University Asia Center. ISBN 978-0-674-26018-4. 
  2. 2,0 2,1 "世说新语 - Museo de Nanjing". web.archive.org. 2014-10-09. Archived from the original on 09 de outubro de 2014. Consultado o 2024-04-26. 
  3. 3,0 3,1 Mather, Richard (2017-04-30). Shih-shuo Hsin-yü: A New Account of Tales of the World (en inglés). University of Michigan Press. ISBN 978-1-938937-01-9.