John Shirley Fox

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Shirley Fox»)
Infotaula de personaJohn Shirley Fox
Biografía
NacementoCa. 1860-1867.
Morte3 de xuño de 1939.
Londres.
Inglaterra.
Datos persoais
País de nacionalidade Británica
EducaciónAcadémie Julian, París.
Coñecido porPintura de retrato e paisaxe.
Estudos de numismática medieval inglesa.
Actividade
Campo de traballoNumismática e pintura.
Ocupaciónpintor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Premios
· 1920: Medalla da RNS.
· 1929: Medalla Sanford Saltus (BNS).


John Shirley Fox[1], nado en Londres ca. 1860-1867,[2] e finado na mesma cidade o 3 de xuño de 1939, foi un pintor retratista e paisaxista, e numismático inglés especializado na moeda medieval de Inglaterra.

John Shirley Fox era irmán do xornalista e tamén numismático Harry Bertram Earle Fox.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pintura[editar | editar a fonte]

Logo de pasar a súa infancia en Londres, recibiu educación artística en París no taller de Bouguereau, na Académie Julian. Aínda na súa xuventude expuxo no Salón da Sociedade dos Artistas parisiense, entre 1887 e 1889. Inicialmente dedicouse á pintura de retratos, mais logo abriuse tamén á pintura de paisaxes, sobre todo escoceses, cun estilo influído pola École de Barbizon.[3]

En 1890 regresou a Londres e levou a cabo varias exposicións na Sociedade de Artistas Británicos e na New Gallery entre 1895 e 1904. En 1914 incorporouse á galería privada da raíña un retrato seu da muller australiana Evelyn Gayre, e a súa obra pasou a formar parte de varias coleccións públicas.[3]

Numismática[editar | editar a fonte]

Paralelamente á súa actividade artística, Fox foi un coleccionista e investigador numismático. Foi membro da British Numismatic Society e da Royal Numismatic Society (1913), de Londres, e contribuíu con diversos artigos nas súas publicacións periódicas, The British Numismatic Journal (BNJ) e Numismatic Chronicle (NC), respectivamente.[4] Ambas as sociedades recoñeceron a súa figura coa concesión das súas medallas máis presixiosas.[5][6]

A súa contribución máis importante á numismática foi a súa serie de artigos no BNJ sobre as emisións monetarias de Eduardo I (1272-1307), Eduardo II (1307-1327) e Eduardo III (1327-1377) de Inglaterra. Esta serie, escrita xunto co seu irmán, H. B. Earle Fox, estableceu un novo padrón para os estudos de numismática medieval inglesa. Publicou tamén un libro de iniciación á numismática destinado a principiantes titulado The pleasures of English coin collecting (1934).[5][6]

Como complemento á súa actividade erudita, Fox foi conformando cos anos unha colección de moeda medieval inglesa confeccionada con carácter didáctico. Nos seus derradeiros anos cedeulle esta colección ao numismático Christopher Evelyn Blunt (1904-1987).[7][6]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

John Shirley Fox casou coa tamén pintora Ada Holland (ca. 1880-1914), con quen residiu en Marlborough, e tamén tiña un estudio en Londres.[3]

John Shirley Fox faleceu o 3 de xuño de 1939.[6]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis salientables da carreira numismática de John Shirley Fox, así como dos seus artigos, publicados todos eles en Numismatic Chronicle e en The British Numismatic Journal:[10]

Monografías[editar | editar a fonte]

  • (1909). An Art Student's Reminiscences of Paris in the Eighties (con J. Cameron). Mills & Boon, Londres.
  • (1923). Angling adventures of an artist. Murray, Londres.
  • (1931). The receipt book of a lady of the reign of Queen Anne (con E. Wainwright). Azania Press, Medstead.
  • (1934). The pleasures of English coin collecting. Azania Press, Medstead.

Artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O 3 de xuño de 1912, John Shirley Fox decidiu fixar o seu segundo nome ao apelido, o que xerou unha confusión nas fontes posteriores á hora de referirse a el, acrecentada polo feito de que os seus artigos aparecen asinados de diferentes xeitos. Véxanse as seguintes referencias ao respecto:
  2. Segundo as fontes, a data de nacemento alterna entre 1860 (askART.com, British Museum...) e 1867 (ArtUK.org...).
  3. 3,0 3,1 3,2 "John Shirley-Fox". askART.com
  4. Carson, R. A. G.; Pagan, H. (1986). A History of the Royal Numismatic Society (1836-1986). Royal Numismatic Society, Londres. ISBN 0 901405 24 8. Páxina 107.
  5. 5,0 5,1 "Proceedings of the Royal Numismatic Society". En Numismatic Chronicle. 5ª serie. Vol. XIX (1939). Páxinas 21-22.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Blunt, C. E. (1941). Páxina 365.
  7. "John Shirley-Fox". The British Museum.
  8. "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
  9. "Sanford Saltus Gold Medal". British Numismatic Society.
  10. "Shirley-Fox, John Shirley". WorldCat Identities.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]