Sharon Stone

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sharon Stone
Nome completoSharon Vonne Stone
Nacemento10 de marzo de 1958
LugarMeadville
NacionalidadeEstados Unidos de América
Relixiónbudismo
Educada enPennWest Edinboro
Cónxuxe(s)Phil Bronstein, Michael Greenburg e George Englund, Jr.
Profesiónactriz de cinema, modelo, actriz de dobraxe, actriz de televisión, produtora, modelo erótica e actriz
Na rede
IMDB: nm0000232 Allocine: 13369 Rottentomatoes: celebrity/sharon_stone Allmovie: p68496 TCM: 185344 Metacritic: person/sharon-stone TV.com: people/sharon-stone
Instagram: sharonstone Musicbrainz: a2b93da5-c9e4-4450-a147-330ba3adb8ea Discogs: 226281 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Sharon Stone, nada en Meadville (Pensilvania), o 10 de marzo de 1958 é unha actriz americana. Coñecida de antes, fíxose famosa polo filme de Paul Verhoeven Instinto básico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha pequena localidade de Crawford County, filla de pai traballador dunha fábrica (de nome Joseph) e nai ama de casa (de nome Dorothy, que ás veces se dedicaba a vender produtos Avón), que formaban a típica familia de clase social media-alta. É a segunda de 4 irmáns, o primeiro (Michael), tamén se dedica a actuación; e os dous últimos (Patrick e Kelly); a quen Sharon deixaría a supervisión da ONG Planet Hope (creada no 1991) para axudar a nenos sen fogar.

De nena demostrou posuír, á vez que estudaba no instituto Saegertown un coeficiente intelectual moi alto (IQ 154) feito que lle valeu formar parte da asociación Mensa, anos máis tarde (un grupo de xente superdotada no nivel intelectual). Estudou grazas a unha bolsa de arte e escritura na Universidade de Edinboro (Pennsylvania). Universidade a que logrou entrar grazas ás súas boas cualificacións escolares á idade de 15 anos, estudos que alternou co seu primeiro traballo de dependenta nun mostrador de McDonald's. Por aquel entón era tamén a gañadora dos certames de beleza da mesma universidade.

Os 17 anos gañou o concurso de beleza Miss Pennsylvania. Isto animou a aquela moza de entón a dar un paso máis, contaba co visto e prace dos seus pais, e comezou como modelo na axencia Eileen Ford (en Nova York) e, dende as pasarelas e as reportaxes fotográficas, consegue chama-la atención dos “caza-talentos” do cinema americano, que foron conscientes do que unha nova rapariga loira e de formas moi rotundas podía obter nunha industria sempre necesitada de caras novas. Asemade xa estudaba interpretación con Jack Waltzer e Marilyn Freid. Apareceu en anuncios para televisión anunciando marcas como Clairol, Revlon, Goodyear, Fabergè, e Diet Coke.

Durante un desfile de modas de Valentino; foi porén Woody Allen quen lle ofreceu unha oportunidade para debutar no cinema, cun pequeno papel en Lembranzas (1980), cando Sharon contaba apenas 21 anos. No filme, que denotaba as claras a admiración de Allen polo cinema europeo, Sharon Stone interpreta a unha pantasma sensual e suxerinte. A súa actuación serviulle para iniciar unha serie de traballos en filmes menores (da que daremos conta na súa filmografía), onde a súa presenza era secundaria ou non pasaba de explota-lo seu físico, sen contar máis ben coma protagonista nos títulos moi pouco representativos. Deste período, talvez, cabe sinalar o seu traballo co francés Claude Lelouch n' Os uns e mailos outros de 1981, así como a súa aparición nunha pequena serie de filmes de aventuras que trataban de reproduci-lo éxito no pasado das súas antecesoras: As minas do rei Salomón de 1985 e Quatermain na cidade do ouro de 1986, que, segundo outros autores foron máis ben de cine B, e que non pasaron de ser discretos intentos de actualización das obras que, no xénero de aventuras, foron no seu día moi admiradas.

No canto o seu traballo tivo a opción de alternarse en series de TV; algunhas delas son: Mike Hammer, Magnum e Remington Steele. O 18 de agosto de 1984 casou por primeira vez con Michael Greenburg (produtor de series coma de McGyver), pero o seu matrimonio durou pouco (o divorcio foi o 20 de xaneiro de 1987). Non faltou quen acreditou un anterior casamento con George Englund Jr. a cuxo casamento e posterior divorcio nos son descoñecidas. Porén, o 14 de febreiro de 1998 casa de novo co redactor Phil Bronstein, editor do xornal San Francisco Examiner, con quen adoptaría un fillo, Roan José (nado o 22 de maio do 2000 en Texas). Pero o casamento tampouco durou moito, o 29 de xaneiro do 2004 volvía haber un novo divorcio. Ao parecer tivo relacións sentimentais co produtor executivo Barry Josephson, músico de country Dwight Yoakam, o axudante de director Bob Wagner, produtor Bill McDonald e o empresario Michael Benasra, aínda que nada hai de claro nisto. Nestes tempos descóbrese a súa alerxia á cafeína, alén dunha cicatriz que se fixera de pequena montando a cabalo e da que lle quedou unha pequena marca na dereita do pescozo. Outros autores concordan en que tamén padece de diabetes e de asma (informacións das que a actriz non dixo nada). Malia isto, é certo que no outubro do 2001 estivo ingresada un certo tempo a causa dun aneurisma no cerebro.

Volvendo os finais dos oitenta traballa en España, en Sangre y arena (1989), unha nova versión da famosa novela de Vicente Blasco Ibáñez, dirixida por Javier Elorrieta. Un ano máis tarde, o holandés Paul Verhoeven dálle un papel secundario, pero de relativa importancia, en Total Recall (1991), unha historia de ciencia ficción protagonizada por Arnold Schwarzenegger, na que a actriz interpretaba súa muller. A película obtivo bos resultados no portelo e o seu director ficou moi satisfeito coa actuación de Sharon.

O seu gran momento chegaría pouco despois, cando o propio Verhoeven ofrécelle o principal papel feminino de Instinto básico (1992). O filme foi un éxito que superou o puramente cinematográfico, para internarse no terreo do sociolóxico. A súa estrutura policíaca e un erotismo algo máis explícito do habitual nun filme destinado a ser exhibido en salas comerciais, aquel cruzamento e descruzamento de pernas propiciou que a crítica e o público se interesasen por este filme. Sharon tivo sorte, pois o personaxe fora rexeitado antes por diversas actrices -entre as que se atopaban Julia Roberts e Ellen Barkin- que consideraban que o seu contido sexual non conviña as súas carreiras. Soubo captar que aquela era a súa grande oportunidade e aceptou tódalas condicións que o director lle puxo. Pero ademais, demostrou que posuía non só beleza senón tamén capacidade dramática para dar de si máis do que moitos crían. A súa actuación xunto a Michael Douglas converteuse nunha das pancas decisivas para a popularidade do filme e, grazas a ela, Sharon viu multiplicarse as súas posibilidades na industria e as súas ganancias aumentaron extraordinariamente. Por aquel entón o seu caché era de 750.000 dólares, e mesmo foi nomeada ó Globo de Ouro a mellor actriz nese ano.

Porén, aínda tería que pasar certo tempo antes de que unha maioría de profesionais recoñecesen a súa categoría. Para moita xente continuaba sendo unha cara bonita, un corpo proporcionado e pouco máis. A selección de títulos realizada tras Instinto básico non foi moi acertada, aínda que contribuíu a mante-la no alto do show-business, rodando con actores de gran popularidade como Sylvester Stallone e directores de certo culto, coma no caso de Sam Raimi.

A mediados da década dos noventa volta ao máis alto e, esta vez si, gáñase o respecto da crítica especializada. Débello a Martin Scorsese quen, na contra da opinión de moitos, dálle o primeiro papel feminino de Casino (1995), ao carón de Robert De Niro. O éxito do filme foi relativo, todos estiveron de acordo en que Stone atinxira unha magnífica actuación nun personaxe cheo de rexistros e que os seus encantos tiñan que se agochar por esixencias do guión. De rapariga atolada a alcohólica, a interpretación da actriz valeulle o Globo de Ouro á mellor actriz e ser nomeada ó Óscar, pero non acadou o premio da Academia.

Nas súas actuacións posteriores tratou de coidar algo máis a elección dos traballos, procurando incluso involucrarse en proxectos que tiñan certo apoio intelectual ou tivesen relación con temas máis ou menos comprometidos, coma poden ser Condenada (1996), de Bruce Beresford, nova incursión no tema da pena de morte, ou Un mundo á súa medida (1998), de Peter Chelson, na que se formulan as relacions entre un mangallón débil mental e un rapaz cunha enfermidade dexenerativa. A película valeulle para un novo nomeamento ó Globo de Ouro a mellor actriz. Tamén unha nova versión do policíaco Gloria (1999), que dirixira no seu día John Cassavetes, coa súa dona Gena Rowlands foi protagonizada por Sharon. Neste tempo volve ter outro nomeamento ó Globo de Ouro polo filme A musa. O seu caché aumentou na valoración ata 6.000.000 dólares.

Cando supera os corenta anos, Sharon Stone consegue ser unha estrela e abrirse paso coma actriz (conta cunha das voces máis interesantes do conxunto de actrices de final do século en Hollywood). A súa face é unha das máis populares da industria do cinema e sempre, indiscutiblemente, será un dos reclamos de calquera carteleira que se prece. No ano 2000 participou na campaña Dereitos do Home na defensa dos dereitos dos homosexuais. Esta muller deu moito que falar xa que, tras aparecer espida na revista Playboy (ano 1999) e, durante a campaña de defensa dixo textualmente As mulleres quizais sexan capaces de finxiren os orgasmos. Pero os homes poden finxi-las relacións enteiras nun intento de demanda para que o goberno dera luz verde a estes temas.

No 2002 Sharon Stone foi presidenta do xurado no Festival Internacional de Cine de Cannes 2002. Ao seu carón estaban outros membros de recoñecido pretorio coma: David Lynch, Christine Hakim, Claude Molinero, Michelle Yeoh, Raoul Ruiz, Régis Wargnier e Walter Salles. No 2003 trala separación de bens, Sharon Stone comeza a vivir na residencia dos Ánxeles (California) mentres que Phil Bronstein ocupa a súa casa de San Francisco. Céntrase no tema que máis lle gusta, os filmes en branco e negro (os seus favoritos, segundo apareceu en diversos xornais, son as de Fred Astaire e Ginger Rogers). A vida desta muller tamén estivo envolta en polémicas, coma a demanda posta pola ama de chaves anterior de Stone (Socorro del Carmen), na cal non se cualificaba culpable polo roubo de 300.000 dólares en alfaias de xoiaría e outros obxectos de valor. Sharon, tamén provou a facer filmes coma directora, unha delas, The Quick and the Dead foi rodada xunto a compaña do director Sam Raimi. A cousa foi ben xa que Stone tiña na súa propiedade unha compañía de produción creada por ela mesma.

No 2004 Sharon Stone demandou o 13 de decembro a un cirurxián plástico de Beverly Hills (California), acusado de declarar falsamente a prensa que lle realizara un lifting, e así poñer en perigo a súa carreira de actriz. Tamén en abril do mesmo ano recibe a medalla do National Center pola defensa dos colectivos de lesbianas de San Francisco o que supón unha involucración nas organizacións destes colectivos ante a loita contra a SIDA. É unha das persoas de maior prestixio dentro da organización de investigación da SIDA, Amfar. Alterna as súas estadías entre a casa de Beverly Hills e o rancho en Nova Zelandia.

Dentro do 2005, concretamente o 28 de xaneiro, no Foro Económico Mundial (Suíza) fixo unha doazón de 100.000 dólares para reconstrucións dos asentamentos destruídos e en límites de pobreza despois dunha guerra. O 7 de maio, Stone, con 47 anos, adopta unha pequena nada en Texas de pais descoñecidos a que lle pon o nome (o 11 do mesmo mes) de Laird Vonne Stone. O 20 de maio recibe a Orde de Artes e Letras francesas durante o 58º edición do Festival Internacional de Cannes. Ao largo da súa traxectoria cinematográfica, compaxinou a súa carreira de actriz, con outras aparicións en series de TV (xa sexan coma actriz ou coma hóspede nalgún programa) e con outras afeccións das que daremos conta a continuación.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Cine e televisión[editar | editar a fonte]

Ano Título Papel Notas
1980 Stardust Memories Muller fermosa do tren
1981 Les Uns et les Autres Rapaza con Glenn Senior Sen acreditar
Deadly Blessing Lana Marcus
1982 Not Just Another Affair Lynette Telefilme
Silver Spoons Debbie Programa de televisión
1983 Bay City Blues Cathy St. Marie
Remington Steele Jillian Montague
1984 The New Mike Hammer Julie Eland
Magnum, P.I. Diane Dupree e Diedra Dupree
O asasinato das rapazas do calendario Cassie Bascomb Telefilme
The Vegas Strip War Sarah Shipman
Irreconcilable Differences Blake Chandler
1985 T. J. Hooker Dani Starr Programa de televisión
As minas do Rei Salomón Jesse Huston
1986 Mr. and Mrs. Ryan Ashley Hamilton Ryan Piloto de televisión
Allan Quatermain and the Lost City of Gold Jesse Huston
1987 Police Academy 4: Citizens on Patrol Claire Mattson
Cold Steel Kathy Connors
1988 Above the Law Sara Toscani
Acción Jackson Patrice Dellaplane
Badlands 2005 Alex Neil TV pilot
War and Remembrance Janice Henry Miniserie
Tears in the Rain Casey Cantrell Telefilme
1989 Beyond the Stars Laurie McCall
Blood and Sand Doña Sol
1990 Total Recall Lori Quaid
1991 He Said, She Said Linda Metzger
Scissors Angie Anderson
Year of the Gun Alison King
Diary of a Hitman Kiki Cameo
Where Sleeping Dogs Lie Serena Black
1992 Instinto básico Catherine Tramell
1993 Sliver Carly Norris
O derradeiro grande heroe Catherine Tramell
1994 Intersection Sally Eastman
O especialista May Munro
1995 Rápida e mortal Ellen 'The Lady'
Roseanne Residente Programa de televisión
Casino Ginger McKenna
1996 Diabolique Nicole Horner
Last Dance Cindy Liggett
1998 Sphere Dr. Elizabeth 'Beth' Halperin
Antz Princesa Bala Voz
The Mighty Gwen Dillon
1999 Gloria Gloria
The Muse Sarah Little
Simpatico Rosie Carter
Happily Ever After: Fairy Tales for Every Child Henny Penny Voz
2000 Anaquiños picantes Candy Cowley
If These Walls Could Talk 2 Fran Telefilme
Beautiful Joe Alice 'Hush' Mason
2002 Harold and the Purple Crayon Narrador Programa de televisión
2003 Cold Creek Manor Leah Tilson
The Practice Sheila Carlisle Programa de televisión
2004 A Different Loyalty Sally Cauffield
Catwoman Laurel Pancake Shimpkins Hedare
2005 Higglytown Heroes Nicky - Blind Art Teacher Voz
Valley of the Wolves Lisa Serie de televisión turca
Will & Grace Dr. Georgia Keller Programa de televisión
Broken Flowers Laura Daniels Miller
2006 Alpha Dog Olivia Mazursky
Basic Instinct 2 Catherine Tramell
Huff Dauri Rathburn Serie de televisión
Bobby Miriam Ebbers
2007 When a Man Falls in the Forest Karen Fields
If I Had Known I Was a Genius Gloria Fremont
Democrazy Patricia Hill Curtametraxe
2008 The Year of Getting to Know Us Jane Rocket
Five Dollars a Day Dolores Jones
2009 Streets of Blood Nina Ferraro
2010 Law & Order: Special Victims Unit Jo Marlowe Serie de televisión, catro episodios
2011 The Burma Conspiracy Diane Francken
2012 Border Run Sofie Talbert Estrea en DVD
2013 Lovelace Dorothy Boreman
Gods Behaving Badly Aphrodite
Fading Gigolo Dr. Parker
2014 Love in the Big City 3 Angela Blake Comedia ruso-ucraína
What About Love Linda Tarlton
Un ragazzo d'oro Ludovica Stern

Véxase tamén[editar | editar a fonte]