Sete tribos eslavas
| Sete tribos eslavas | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
Instancia de
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata | |||||||
As Sete Tribos Eslavas (en búlgaro: Седем славянски племена; transliterado: Sedem slavyanski plemena) foron unha unión de tribos da chaira do Danubio creada a mediados do século VII que participaron na formación do Primeiro Imperio Búlgaro xunto cos búlgaros e, posiblemente, cos severios entre os anos 680 e 681.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Polo século VII, moitos grupos eslavos cruzaron o Danubio e invadiron as terras da actual Bulgaria. Para se protexeren dos ávaros e dos bizantinos, as diversas tribos eslavas uníronse nunha confederación —a Unión das "Sete Tribos"— e asentáronse permanentemente no territorio entre o Danubio e os montes Ródope, ocupando tanto a chaira do Danubio como as cidades, algunhas das cales foron abandonadas polos seus habitantes.[2]
Na década de 670, uns xinetes nómades de Asia Central, os protobúlgaros, cruzaron o Danubio e impuxeron o seu dominio sobre as Sete Tribos. Teófanes o Confesor escribiu que os búlgaros, menos numerosos pero superiores militarmente, grazas en particular á súa cabalaría pesada, dominaran as chamadas Sete tribos eslavas.[3] A Unión das Sete Tribos tivo que recoñecer a soberanía do khan búlgaro Asparukh e viuse obrigada a pagar tributos en especie antes de ocupar o seu lugar no nacente estado búlgaro. No verán de 680, a cabalería búlgara e a infantería eslava acadaron unha importante vitoria na batalla de Ongal sobre as tropas bizantinas lideradas polo emperador Constantino IV.
A finais do século VII, as Sete Tribos foron asignadas para defender a fronteira occidental e noroeste do recentemente creado khanato búlgaro contra as incursións dos ávaros,[4] así como para defender os pasos dos Balcáns. Así, mentres os severios, cuxa participación na unión é escura, estaban a cargo de gardar a parte oriental das montañas[5] e foron reasentados desde o paso de Beregaba ou Veregava, moi probablemente o Paso de Rish dos Montes Balcánicos, as outras seis tribos recibiron a misión de defender as fronteiras occidentais e noroccidentais do recentemente fundado Primeiro Imperio Búlgaro (a rexión que ía dende o río Iskar ata a súa desembocadura no Danubio).
Os protobúlgaros, malia ser os conquistadores, e ser unha minoría, foron sendo asimilados gradualmente polos eslavos de tal xeito que, no século X, xa adoptaran unha lingua eslava, mentres que o búlgaro acabou por se extinguir.[6] Tamén contribuíu á homoxeneización cultural entre búlgaros e eslavos, o proceso de cristianización de Bulgaria baixo o reinado de Boris I (reinado 852–889) cuxas reformas privaron ás diversas tribos da súa autonomía e autogoberno anteriores. Porén, os eslavos adoptaron o glorioso nome dos seus conquistadores e, deste xeito, pola fusión cultural e política entre búlgaros e eslavos formouse a etnia búlgara.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Петров, Петър. Образуване на българската държава (en búlgaro). pp. 73–91.
- ↑ Herrmann & Zürcher (2005), p. 592
- ↑ Balkan studies (1988), p. 127
- ↑ Fiedler (20089, p. 154
- ↑ Collective (2002). Balgarska entsiklopediya A-YA (en búlgaro). Sofia: IK Trud.
- ↑ Němec, Václav; Surý, Jan. "Slované" [Eslavos]. dejepis.com (en búlgaro). Consultado o 20 de xaneiro de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Balkan studies (en francés). Édition de l'Académie bulgare des sciences. 1988.
- Fiedler, Uwe (2008). "Bulgars in the Lower Danube region: A survey of the archaeological evidence and of the state of current research". En Curta, Florin; Kovalev, Roman. The Other Europe in the Middle Ages: Avars, Bulgars, Khazars and Cumans. Brill. pp. 151–236. ISBN 9789004163898.
- Herrmann, J.; Zürcher, Erik, eds. (2005). Histoire de l'humanité ( Vol. III: Du VIIe siècle av. J -C. au VIIe siècle de l'ère chrétienne). UNESCO. ISBN 9232028123.