Sete Palabras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Crucifixión de Pietro Perugino, ca. 1482. A súa composición (a Virxe á dereita do crucificado e Xoán á súa esquerda) é a clásica do Stabat Mater, que corresponde á "terceira palabra".
Consummatum est, detalle do púlpito da catedral de Ribe. Representa a "sexta palabra".

As Sete Palabras (Septem Verba en latín) é a denominación máis habitual das sete derradeiras frases que Xesús pronunciou durante a súa crucifixión, antes de morrer, segundo se recolle nos Evanxeos canónicos. Os dous primeiros, o de Mateo[1] e o de Marcos, mencionan soamente unha, a cuarta.[2] O de Lucas relata tres: a primeira, a segunda e a sétima.[3] O de Xoán recolle as tres restantes: a terceira, a quinta e a sexta.[4] Non se pode determinar a súa orde cronolóxica.

Características[editar | editar a fonte]

A súa orde tradicional é a seguinte:

  1. "Pai, perdóaos, porque non saben o que fan". - Pater dimitte illis, non enim sciunt, quid faciunt (Lucas, 23: 34).
  2. "Asegúroche que hoxe estarás comigo no Paraíso". - Amen dico tibi hodie mecum eris in paradiso (Lucas, 23: 43).
  3. "Muller, velaquí o teu fillo. [...] Velaí a túa nai", - Mulier ecce filius tuus [...] ecce mater tua (Xoán, 19: 26-27).
  4. "Meu Deus, meu Deus! Por que me abandonaches?". - "Eli, 'Eli, lĕma' šĕbaqtani" - Deus meus Deus meus ut quid dereliquisti me (Mateo, 27: 46 e Marcos, 15: 34).
  5. "Teño sede". - Sitio (Xoán, 19: 28).
  6. "Todo está cumprido". - Consummatum est (Xoán, 19: 30).
  7. "Pai, encomendo o meu espírito ás túas mans". - Pater in manus tuas commendo spiritum meum (Lucas, 23: 46).

A súa interpretación devocional é unha comparación con situacións polas que inevitablemente pasa a vida de todo crente, á que se suma unha diversidade de exexese. O mesmo texto evanxélico atribúelles a estas "palabras" un fin de cumprimento de profecías do Antigo Testamento: sabendo que xa todo estaba cumprido, e para que a Escritura se cumprise ata o final (Xoán, 19: 28).

Son obxecto de particular devoción no cristianismo, ao ser consideradas como "verdadeiras palabras" de Xesús, condición compartida con algunhas outras expresións, recollidas ao longo dos Evanxeos, que pretenden ser citas exactas (malia seren traducións ao grego, agás unha poucas que se transcribiron literalmente en hebreo ou arameo polos evanxelistas e reciben a denominación particular de ipsissima verba ou ipsissima vox).[5]

Secuencia das Palabras[editar | editar a fonte]

Primeira Palabra[editar | editar a fonte]

Pai, perdóaos, porque non saben o que fan. (Lucas, 23: 34)

A oración ofreceuse para quen eran culpables de lle dar morte. Pódese interpretar como dirixida aos xudeus, aos soldados romanos (que no final dese versículo aparecen xogando a súa túnica aos dados), a ambos ou, xenericamente, á humanidade enteira.[6]

Para "perdoa", ademais da voz latina dimitte, tamén é moi frecuente usar ignosce.[7] O orixinal grego é Πατερ, συγχωρησον αυτους· διοτι δεν εξευρουσι τι πραττουσι.[8]

Segunda Palabra[editar | editar a fonte]

Asegúroche que hoxe estarás comigo no Paraíso (Lucas, 23: 43)

É a resposta de Cristo á súplica "lémbrate de min, cando veñas no teu reino" do ladrón arrepentido. Con iso interprétase que lle asegura a salvación sen que para iso haxa obstáculo nos seus pecados anteriores, pola fe que puxo en Xesucristo.

Terceira Palabra[editar | editar a fonte]

Muller, velaquí o teu fillo. [...] Velaí a túa nai (Xoán, 19: 26-27)

Segundo unha primeira interpretación vese esta pasaxe en sentido ético ou social: Cristo entregou o coidado da súa nai ao discípulo amado, cumprindo un elemental deber filial. Vese o ensino de atender "as cousas do reino" (ás que é enviado Xoán), sen desatender as responsabilidades asignadas desde antes; se amamos a Deus, amamos o noso próximo e atendémolo, pero primeiramente farémolo cos máis próximos. En Xesús descansaba o deber de coidar a súa nai, que se supón viúva neses momentos. Se non tiña outros fillos (a problemática existencia ou ausencia de irmáns de Xesús), enténdese que o seu único fillo a encomende ao discípulo amado, dándolla por nai. Este acto recíproco interprétase como demostración de que non só hai que recibir amor, senón tamén sabelo dar sen importar as circunstancias.

Fixéronse numerosas afirmacións mariolóxicas sobre esta pasaxe. Segundo Raymond Edward Brown, "parece absolutamente incrible que unha escena tan reveladora e dramática, que sitúa a nai de Xesús nunha nova relación co discípulo amado, acabe simplemente en que el a leve á súa casa. [...] O significado deste episodio reside na nova relación entre a nai de Xesús e o discípulo amado".[9] Segundo Francis J. Moloney, non se pode eludir o feito de que Xesús crucificado creou desde a cruz "unha familia nova". No espazo de tres versículos (Xoán 19:25-27), o termo "nai" aparece non menos de cinco veces. Esa mesma expresión aparecera na pasaxe das vodas de Caná (Xoán 2:1-5), cando aínda "non chegara a hora" da glorificación de Xesús. Moloney apunta que no relato da crucifixión e morte de Xesús ("a hora" da glorificación), tan sofisticado e simbólico, o evanxelista non puido significar simplemente que o discípulo amado tiña que coidar da viúva e nai de Xesús logo da morte do seu fillo. No concepto de Moloney, a pasaxe afirma o papel maternal da nai de Xesús na nova familia de Xesús creada na cruz.[10]

Cuarta Palabra[editar | editar a fonte]

Meu Deus, meu Deus! Por que me abandonaches? (Mateo, 27: 46 e Marcos, 15: 34)

Aparece no Evanxeo de Marcos (o máis antigo) en arameo (Elohi, Elohi, lema' šĕbaqtani), e no Evanxeo de Mateo en hebreo ('Eli, 'Eli, lĕma' šĕbaqtani).

Segundo a interpretación tradicional, Xesús estaría a recitar o Salmo 22, que empeza precisamente por esas palabras. Para a teoloxía, Xesús entregouse libremente ao sacrificio pola humanidade, e na súa natureza humana séntese abandonado, como expresara en Getsemaní. El é o servo sufriente de Deus, pero finalmente acepta o sacrificio vicario cara á humanidade. O sufrimento de Cristo simboliza tamén o sufrimento do ser humano aínda na fe meirande.

Para a crítica histórica, a frase, ou polo menos o que expresa, é probablemente histórica, cumprindo co criterio do testemuño múltiple (sendo de feito a única das Sete Palabras que aparece en máis dun evanxeo) e o da dificultade (xa que, dado o seu carácter de desolación, é factible que a Igrexa primitiva experimentase certa dificultade para aceptar esta frase nos beizos de Cristo).[11] Pero tamén se pensa que, malia ser esta idea auténtica (é dicir, o Xesús histórico sentiuse realmente abandonado no momento da súa morte, esperando unha intervención de Deus que non chegou), as outras múltiples insercións do Salmo 22 (xunto a Isaías 53) poden facer pensar no relato da Paixón como unha composición a posteriori a partir de pasaxes do Antigo Testamento, aínda que con elementos realmente históricos.

Quinta Palabra[editar | editar a fonte]

Teño sede. (Xoán, 19: 28)

Interprétase como expresión de dous tipos de ansia de Cristo na cruz. En primeiro termo, da sede fisiolóxica, un dos maiores tormentos dos crucificados. En sentido alegórico, como a sede espiritual de Cristo de consumar a redención para a salvación de todos. Cadra coa estrutura do cuarto evanxeo, e evoca a sede espiritual que Cristo experimentou ao pé pozo da samaritana.

Sexta Palabra[editar | editar a fonte]

Todo está cumprido. (Xoán, 19: 30)

Cítase adoito en latín (Consummatum est), xa que se converteu nun verdadeiro tópico literario (en termos escriturísticos, unha perícopa). Pódese interpretar como a proclamación en boca de Cristo do cumprimento perfecto da sacra Escritura na súa persoa. Esta palabra pon de manifesto que Xesús era consciente de que cumprira ata o derradeiro detalle a súa misión redentora e a culminación do programa da súa vida: cumprir a Escritura facendo sempre a vontade de Deus. Máis que unha palabra de agonía sería, pois, de vitoria: "todo está concluído".

Sétima Palabra[editar | editar a fonte]

Pai, encomendo o meu espírito ás túas mans. (Lucas, 23: 46)

É a derradeira frase que se atribúe a Xesucristo e interprétase como un exemplo da confianza que debe ter un cristián ante a entrada no mundo espiritual.[12]

Obra fotográfica de Fred Holland Day (1898), que representa as Sete Palabras.

Obras musicais[editar | editar a fonte]

Borrador da obra de Haydn.

O organista e compositor alemán Heinrich Schütz (século XVII) compuxo Die Sieben Worte Jesu Christi am Kreuz.[13]

En 1787, a Irmandade da Santa Cova de Cádiz encargou ao compositor austríaco Joseph Haydn un oratorio (titulado en alemán Die sieben letzten Worte unseres Erlösers am Kreuze) que describise as Sete Palabras, ademais do terremoto descrito no Evanxeo de Mateo.[14] Haydn realizou tamén unha versión para coro e orquestra da obra, ademais dunha transcrición para cuarteto de corda (esta é a versión máis coñecida).

Co título Sept paroles du Christ en croix hai unha obra coral de Cesar Franck e Charles Gounod (século XIX).

Christophe Looten[15] compuxo dúas obras baseadas nas Sete Palabras: o seu quinto cuarteto de corda Les sept dernières paroles du Christ en croix (2008) e Mourning (2009), para voz de alto e cuarteto de corda, onde se mesturan cantos de queixa dos soldados británicos fusilados tras a batalla de Dunkerque de 1940 con evocacións das palabras de Cristo na Cruz.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Evanxeo segundo San Mateo. Capítulo 27. Web oficial do Vaticano.
  2. Versión en castellano en la web oficial del Vaticano.
  3. Versión en castellano en la web oficial del Vaticano.
  4. Versión en castellano en la web oficial del Vaticano.
  5. Theopedia.
  6. Marvin R., Escrito con axuda de Barnes, Notes on the Bible
  7. Por exemplo, como o cita Antonio de Guevara, Libro primero de las epístolas familiares.
  8. ΚΑΤΑ ΛΟΥΚΑΝ 23, 34.
  9. Brown, Raymond E.La muerte del Mesías. Desde Getsemaní hasta el sepulcro. Tomo II. Editorial Verbo Divino. Lizarra, 2006. Páxinas 1213 e 1214. [ISBN 84-8169-487-8]
  10. Moloney, Fracis J. El evangelio de Juan. Editorial Verbo Divino. Lizarra, 2005. Páxina 511. [ISBN 84-8169-680-3]
  11. Antonio Piñero Sáenz. Na versión en castelán de Wikipedia.
  12. Septima palabra en oblatos.com
  13. SWV 478
  14. Les Sept Dernières Paroles du Christ en Croix. Jordi Savall (dir).
  15. Sitio web de Christophe Looten Arquivado 30 de abril de 2016 en Wayback Machine..
  16. Mourning, composición de Cristophe Looten. Na versión en francés de Wikipedia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dalman, G. Jesus Jeschua. Leipzig, 1933. Páxinas 176-179.
  • Criado, R. La pasión en los profetas. Madrid 1944
  • Galdós, R. Las siete palabras. Roma, 1940.
  • Galdós, R. De septem verbis Jesu morientis, aVerbum Domini 7 (1927). Páxinas 71-79 e 101-110.
  • Voste, M. De passione et morte Jesu Christi. Roma 1937.  Páxinas 30-33.
  • De Tuya, M. Palabras en el Calvario. Salamanca, 1961.

Outros artigos[editar | editar a fonte]