Seroloxía
A seroloxía é o estudo científico dos anticorpos presentes no soro sanguíneo e outros fluídos corporais.[1] Ditos anticorpos fórmanse normalmente en resposta a unha infección (contra un determinado microorganismo),[2] contra outras proteínas alleas (en resposta, por exemplo, a unha transfusión de sangue dun grupo non compatible), ou a proteínas propias (en casos de autoinmunidade).
Probas serolóxicas
[editar | editar a fonte]As probas ou tests serolóxicos son métodos de diagnóstico que se usan para identificar anticorpos ou antíxenos en mostras tomadas de pacientes. As probas serolóxicas poden realizarse para diagnosticar infeccións ou doenzas autoinmunes, para comprobar se unha persoa ten inmunidade a certas doenzas, e en moitas outras situacións, como determinar o grupo sanguíneo dun individuo.[1] As análises serolóxicas poden utilizarse tamén en seroloxía forense para investigar as probas atopadas na escena dun crime.[3] Poden usarse varios métidos para detectar anticorpos e antíxenos, incluíndo o ELISA,[4] a aglutinación, precipitación, fixación do complemento e anticorpos fluorescentes e máis recentemente quimioluminescencia.[5]
Aplicacións
[editar | editar a fonte]Microbioloxía
[editar | editar a fonte]
En microbioloxía, as probas serolóxicas utilízanse para determinar se unha persoa ten anticorpos contra un determinado patóxeno ou para detectar antíxenos asociados cun patóxeno na mostra dunha persoa.[6] As probas serolóxicas son especialmente útiles para organismos que son difíciles de cultivar polos métodos de laboratorio de rutina, como a bacteria Treponema pallidum (axente causante da sífilis), ou os virus.[7]
A presenza de anticorpos contra un patóxeno no sangue dunha persoa indica que estivo exposto ao patóxeno. A maioría das probas serolóxicas miden un dos seguintes dous tipos de anticorpos: inmunoglobulina M (IgM) e inmunoglobulina G (IgG). A IgM prodúcese en altas cantidades pouco despois de que unha persoa foi exposta ao patóxeno, e a produción declina rapidamente despois. A IgG tamén se produce na primeira exposición, pero non tan rapidamente coma a IgM. Nas seguintes exposicións ao mesmo patóxeno, os anticorpos producidos son principalmente IgG, e permanecen en circulación por un período prolongado de tempo.[6]
Isto afecta a interpretación dos resultados da seroloxía: un resultado positivo para IgM indica que a persoa analizada está actualmente ou recentemente infectada, mentres que un resultado positivo para IgG e negativo para IgM indica que a persoa puido sufrir a infección ou inmunizarse no pasado. As probas de anticorpos para doenzas infcciosas fanse a miúdo en dúas fases: durante a doenza inicial (fase aguda) e despois da recuperación (fase de convalecencia). Compárase a cantidade de anticorpo en cada espécime (título de anticorpos), e unha cantidade significativamente maior de IgG no espécime convalecente suxire infección en vez de exposición previa.[8] Os resultados de falso negativo en tests de anticorpos poden darse en persoas que están inmunosuprimidas, xa que producen menores cantidades de anticorpos, e en persoas que toman fármacos antimicrobianos nas fases inicias do curso dunha infección.[7]
Medicina de transfusións
[editar | editar a fonte]
A determinación do grupo sanguíneo faise usando métodos serolóxicos. Os antíxenos dos glóbulos vermellos duna persoa, que determinan o seu grupo sanguíneo, identifícanse usando reactivos que conteñen anticorpos, chamados antisoros. Cando os anticorpos se unen aos glóbulos vermellos que expresan o antíxeno correspondente, causan que os glóbulos vermellos se agrupen (aglutinen), o cal se pode identificar visualmente. O grupo sanguíneo da persoa pode tamén identificarse engadindo plasma a células que expresan o antíxeno correspondente e observando as reaccións de aglutinación.[9][6]
Outros métodos serolóxicos usados en medicina de transfusións son a proba cruzada de compatibilidade (crossmatching) e os tests de antiglobulinas directo e indirecto. A proba cruzada realízase antes dunha transfusión sanguínea para asegurarse de que o sangue doante é compatible. Faise adicionando o plasma do receptor aos glóbulos vermellos do sangue do doante observando se hai reaccións de aglutinación.[9] O test de antiglobulina directo realízase para detectar se os anticorpos están unidos aos glóbulos vermellos dentro do corpo da persoa, o cal é anormal e pode ocorrer en condicións como a anemia hemolítica autoinmune, doenza hemolítica do neonato e as reaccións a transfusión.[10] O test de antiglobulina indirecto utilízase in vitro para anticorpos presentes no plasma que poden causar reaccións a transfusións e identificar certos antíxenos de grupos sanguíneos.[11]

Inmunoloxía
[editar | editar a fonte]As probas serolóxicas poden axudar a diagnosticar trastornos autoinmunes ao identificar anticopos anormais dirixidos contra os tecidos da propia persoa (autoanticorpos).[12] Utilízanse varios autoanticorpos como biomarcadors clínicos para diagnosticar unha enfermidade autoinmune ou en diagnose diferencial de doenzas autoinmunes. Ademais, en doenzas alérxicas atópicas a diagnose do nivel de IgE específicas alérxenas mídese por un ensaio serolóxico. No diagnóstico da enfermidade celíaca un estudo que avalía o inmunoensaio multiparamétrico Polycheck® Celiac IgA + IgA total proporciona unha alta sensibilidade e especificidade para a medida simultánea de IgA anti-TG2 e IgA total.[13]
Exames serolóxicos
[editar | editar a fonte]Un artigo de investigación de 2016 do grupo de Metcalf, entre os que estaban Neil Ferguson e Jeremy Farrar, afirmou que os epidemiólogos adoitan usar exames serolóxicos para determinar a prevalencia dunha doenza na poboación. Tales exames son ás veces realizados aleatoriamente, con mostras anónimas tomadas para outros tests médicos ou para avaliar a prevalencia de anticorpos dun organismo específico ou títulos de anticorpos protectores nunha poboación. Os exames serolóxicos adoitan usarse para cuantificar a proporción de persoas ou animais positivos nunha poboación para un anticorpo específico ou o título ou concentración dun anticorpo. Estes exames son potencialmente a técnica dispoñible máis informativa e directa para inferirmos a dinámica da susceptibilidade dunha poboación e o nivel de inmunidade. Os autores propuxeron a creación dun Banco Serolóxico Mundial (ou banco de soros) e preveron "grandes desenvolvemento metodolóxicos asociados nas probas serolóxicas, deseño de estudos e análise cuantitativa, que poderían impulsar a nosa comprensión e control óptimo das doenzas infecciosas."[14]
Nunha resposta construtiva titulada "Opportunities and challenges of a World Serum Bank", de Lusignan e Correa sinalábase[15] que os "cambios éticos e loxísticos principais que se necesitan superar son os métodos de obter os espécimes, como se adquire o consentimento informado en prácticas moi atarefadas, e encher os ocos na toma de mostras dos pacientes."
Noutra resposta construtiva sobre o Banco de Soros Mundial, o investigador australiano Karen Coates declarou que:[16] "A mellora da vixilancia serolóxica permitiría aos gobernos, organizacións humanitarias e deseñadores de políticas dirixir os recursos da sanidade pública a onde se necesitan máis. Unha mellor comprensión da dinámica das infeccións con respecto aos padróns cambiantes no tempo global debería determinar as medidas políticas incluíndo onde concentrar os esforzos de vacinación e as medidas de control de insectos."
En abril de 2020, Justin Trudeau, Primeiro Ministro do Canadá, formou a COVID-19 Immunity Task Force, cuxo mandato é levar a cabo un exame serolóxico nun esquema xurdido no medio da pandemia de COVID-19.[17][18]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 Ryan KJ, Ray CG, eds. (2004). Sherris Medical Microbiology (4ª ed.). McGraw Hill. pp. 247–9. ISBN 978-0-8385-8529-0.
- ↑ Washington JA (1996). Baron S, et al., eds. Baron's Medical Microbiology (Principles of Diagnosis: Serodiagnosis) (4ª ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 978-0-9631172-1-2.
- ↑ Gardner, Ross M. (2011). Practical crime scene processing and investigation (2ª ed.). CRC Press.
- ↑ "Enzyme-linked immunosorbent assay (ELISA)". British Society for Immunology.
- ↑ Atmar, Robert L. (2014). "Viral Infections of Humans (Immunological Detection and Characterization)". Boston, MA: Springer US. pp. 47–62. ISBN 978-1-4899-7447-1. PMC 7122539. doi:10.1007/978-1-4899-7448-8_3. Consultado o 2021-06-13.
- 1 2 3 Mary Louise Turgeon (10 de febreiro de 2015). Linne & Ringsrud's Clinical Laboratory Science - E-Book: The Basics and Routine Techniques. Elsevier Health Sciences. pp. 586–95,543,556. ISBN 978-0-323-37061-5.
- 1 2 Frank E. Berkowitz; Robert C. Jerris (15 de febreiro de 2016). Practical Medical Microbiology for Clinicians. John Wiley & Sons. pp. 24–25. ISBN 978-1-119-06674-3.
- ↑ Connie R. Mahon; Donald C. Lehman; George Manuselis (18 de xaneiro de 2018). Textbook of Diagnostic Microbiology - E-Book. Elsevier Health Sciences. pp. 193–4. ISBN 978-0-323-48212-7.
- 1 2 Denise M Harmening (30 de novembro de 2018). Modern Blood Banking & Transfusion Practices. F.A. Davis. pp. 65, 261. ISBN 978-0-8036-9462-0.
- ↑ American Association for Clinical Chemistry (24 de decembro de 2019). "Direct Antiglobulin Test". Lab Tests Online. Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2021. Consultado o 24 de abril de 2020.
- ↑ Richard A. McPherson; Matthew R. Pincus (6 de setembro de 2011). Henry's Clinical Diagnosis and Management by Laboratory Methods. Elsevier Health Sciences. pp. 714–5. ISBN 978-1-4557-2684-4.
- ↑ American Association for Clinical Chemistry (13 de novembro de 2019). "Autoantibodies". Lab Tests Online. Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2021. Consultado o 24 de abril de 2020.
- ↑ Majsiak, Emilia; Cukrowska, Bożena; Choina, Magdalena; Bielawski, Kornel; Cielecka-Kuszyk, Joanna; Konopka, Ewa; Wysokiński, Mariusz; Bierła, Joanna Beata (2022-12-31). "Evaluation of the Usefulness of a Serological Test for Diagnosis of Celiac Disease Simultaneously Detecting Specific Antibodies and Total IgA". Nutrients (en inglés) 15 (1): 202. ISSN 2072-6643. PMC 9823504. PMID 36615859. doi:10.3390/nu15010202.
- ↑ Metcalf, C Jessica E.; Farrar, Jeremy; Cutts, Felicity T.; Basta, Nicole E.; Graham, Andrea L.; Lessler, Justin; Ferguson, Neil M.; Burke, Donald S.; Grenfell, Bryan T. (2016). "Use of serological surveys to generate key insights into the changing global landscape of infectious disease". The Lancet 388 (10045): 728–730. PMC 5678936. PMID 27059886. doi:10.1016/S0140-6736(16)30164-7.
- ↑ De Lusignan, Simon; Correa, Ana (2017). "Opportunities and challenges of a World Serum Bank". The Lancet 389 (10066): 250–251. PMID 28118910. doi:10.1016/S0140-6736(17)30046-6.
- ↑ Coates, Karen M. (2017). "Opportunities and challenges of a World Serum Bank". The Lancet 389 (10066): 251–252. PMID 28118912. doi:10.1016/S0140-6736(17)30052-1.
- ↑ "WHO set pandemic response back by 2-3 weeks, says doctor on new federal task force". CBC. 23 de abril de 2020.
- ↑ "Prime Minister announces new support for COVID-19 medical research and vaccine development". Justin Trudeau, Prime Minister of Canada. 23 de abril de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Seroloxía |
- Serology (archived) – MedlinePlus Medical Encyclopedia
- Serologic Tests Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.