Saltar ao contido

Serie Old Head (moedas)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto característico das moedas británicas da serie Old Head, deseñado por Thomas Brock. [1]

A serie Old Head (en galego: "cabeza anciá"), está composta polas moedas británicas cuñadas e datadas entre 1893 e 1901, caracterizadas pola representación nos seus anversos dun retrato da raíña Vitoria (1837-1901) con trazos de ancianidade e cun diadema parcialmente oculto por un velo de viúva.

Este novo deseño do anverso na moeda británica foi creado por de Thomas Brock e substituíu o anterior das moedas do Xubileu de Vitoria —obra de Joseph Edgar Boehm e cuñadas a partir de 1887—, que foran moi criticadas tanto polo retrato da raíña como porque no reverso da maioría das moedas non se indicaba o seu valor facial. Na nova serie Old Head, algunhas moedas continuaron cos reversos que xa tiñan na anterior, e o característico deseño de Benedetto Pistrucci para o soberano estendeuse a toda a serie de ouro e á coroa de prata. Ademais, creáronse novos deseños para algunhas das moedas de prata, creados por Thomas Brock ou por Edward Poynter, e todas as moedas inferiores á coroa pasaron a indicar expresamente os seus respectivos valores faciais.

Xa en 1888, considerárase a posibilidade de substituír as moedas do Xubileu por un novo deseño, mais daquela as autoridades prefiriran esperar. O deseñador dol anverso da serie do Xubileu, Joseph Boehm, faleceu en 1890 e, pouco despois, o Ministro de Facenda, George Goschen, nomeou unha Comisión sobre o Deseño de Moedas para estudar o asunto. Esta comisión presentou un informe en 1892 no que se propuñan novos deseños de reverso para algunhas moedas, en tanto que os reversos doutras debían ficar inalterados. Logo do informe, cumpriu introducir algunhas modificacións, pero as novas moedas acabaron emitíndose a principios de 1893, cun acollemento en xeral positivo.

As moedas da serie Old Head foron as primeiras en levar, como parte dos títulos reais da monarca, a inscrición IND IMP (Indiae Imperatrix; "Emperatriz da India"). Aínda que Vitoria non estaba autorizada a utilizar este título no Reino Unido, o primeiro ministro, Robert Gascoyne-Cecil, e o seu gabinete autorizaran o seu uso na emisión de 1892 porque as moedas tamén circulaban nos territorios coloniais. A cuñaxe das moedas Old Head limitouse orixinalmente ás moedas de ouro e de prata, mais en 1895 a cabeza de Vitoria anciá colocouse tamén nas moedas de bronce (o penique e as súas fraccións).

A serie Old Head mantívose ata o falecemento da raíña Vitoria en 1901. A partir do ano seguinte as moedas británicas pasaron a amosar nos seus anversos o busto do seu sucesor, Eduardo VII (1901-1910).

Antecedentes e contexto

[editar | editar a fonte]
O busto da serie Old Head substitúe este anterior, da serie do Xubileu da raíña Vitoria.[2]

En xuño de 1887 introducírase un novo deseño de anverso para as moedas británicas de ouro e de prata, obra de Joseph Boehm. Esta emisión coincidiu co Xubileu de Ouro da raíña Vitoria, polo que as novas moedas pasaron a coñecerse como as "moedas do Xubileu". Asemade introducíranse novos deseños de reverso creados pro Leonard Charles Wyon, para as moedas de prata entre os seis peniques e a media coroa, e creárase unha nova moeda, o dobre florín ou peza de catro xilins.[3] Pola súa banda, a coroa, co valor de cinco xilins, recuperárase para a circulación por primeira vez desde a década de 1840.[4]

Naquel deseño de Boehm, Vitoria portaba unha pequena coroa de diamantes na súa cabeza. Trátase da coroa que ela prefería levar naquela época, por mor do seu pouco peso, mais o deseño fora moi criticado por dar a impresión de que a coroa estaba a piques de caer. Ademais, ningún dos deseños das novas moedas de prata da serie do Xubileu indicaba expresamente o valor da moeda, o que favoreceu que a moeda de seis peniques, que tiña o mesmo tamaño que o medio soberano de ouro, fose inmediatamente dourada polos estafadores para a faceren pasar por aquela. Isto motivou que a Royal Mint se apresurase a deter a súa produción e logo retomar o deseño anterior do reverso, que incluía unha declaración expresa do valor da moeda.[5]

A Real Casa da Moeda do Reino Unido estaba ansiosa por cambiar o deseño de Boehm por outro en canto transcorrese un intervalo prudente. Xa en 1888, amosáraselle Vitoria un modelo proposto para un novo deseño de moeda. O investigador numismático Mark Stocker, no seu artigo sobre a emisión de 1893, suxire que a falta de máis documentación sobre aquel novo deseño implica que non se contaba coa aprobación real para proceder ao cambio naquel momento. En setembro de 1889, o ministro de Facenda, George Goschen, escribiu á raíña: «como a discusión xeral sobre a moeda do Xubileu se calmou e parece que a poboación está afeita á nova moeda, pensei que quizais fose mellor deixar descansar o asunto durante un tempo». A resposta real foi esta: «á Raíña desgústalle moito a nova moeda, e desexa que a antiga poida seguir usándose e a nova deixe de usarse gradualmente, e logo se cuñe unha nova».Goschen amosou as súas dúbidas respecto a que tal cousa puidese levarse a cabo, mais prometeu: «consultarei coas autoridades da Casa da Moeda se, en caso de non podermos volver atrás, non deberiamos seguir adiante co novo deseño».[6]

Preparación

[editar | editar a fonte]
O busto da medalla Ashanti da campaña de África Occidental (1873-1874) influíu no deseño do da serie Old Head.[7][8]

Goschen decidiu proceder nomeando en febreiro de 1891 unha comisión consultiva, denominada Comisión sobre o Deseño de Moedas, co mandato de «examinar os deseños das diversas moedas postas en circulación no ano 1887, e as melloras nos deseños suxeridos desde entón, e facer as recomendacións sobre o tema que puidesen parecer convenientes, e informar sobre que moedas, de ser o caso, deberían ter valores expresados en palabras e cifras».[9] A comisión estaba presidida polo deputado liberal John Lubbock, e os outros membros eran David Powell, vicegobernador do Banco de Inglaterra; Richard Blaney Wade, presidente do National Provincial Bank; Frederic Leighton, presidente da Royal Academy; John Evans, presidente da Sociedade Numismática Británica; e Charles William Fremantle, director executivo da Real Casa da Moeda (Deputy Master of the Mint).[6]

Na súa primeira reunión, o 12 de febreiro de 1891, a comisión recomendou que non se seguise a cuñar o dobre florín, de catro xilins. Consideraban que, dado que se seguiría cuñando a coroa ou peza de cinco xilins, non cumpría manter outra gran peza de prata de valor próximo. O Goberno amosouse de acordo coa recomendación e, de feito, a cuñaxe do dobre florín suspendérase xa en agosto de 1890.[10][11] Na súa segunda reunión, o 27 de febreiro, a comisión considerou a posibilidade de convocar un concurso aberto para novos deseños de moedas, pero no canto diso decidiuse convidar a varios artistas —todos eles membros ou membros asociados da Royal Academy— a presentaren propostas. Pedíuselles aos artistas convidados que presentasen dous retratos de Vitoria, ambos ollando cara á esquerda, xa que a Royal Mint estaba a considerar non utilizar o mesmo retrato no florín e na media coroa, no caso de mantérense ambas as moedas, para evitar confusións entre elas. Aos participantes ofrecéronselles 150 libras polo seu traballo, unha cantidade que o xornal Illustrated London News considerou insuficiente; de feito, dous artistas declinaron a invitación.[12]

Medalla de Brock polo Xubileu de Diamante de Vitoria (1897).[13]

A data límite do concurso era o 31 de outubro de 1891, e o 27 de novembro a comisión reuniuse no Banco de Inglaterra coa intención de examinar as propostas. O resultado foi a selección dos deseños de anverso presentados polo escultor Thomas Brock, en tanto que para os reversos o comité decidiu manter o característico deseño de San Xurxo de Benedetto Pistrucci de 1817 na coroa e en toda a serie de ouro —medio soberano, soberano, dobre soberano e quíntuplo soberano—. Para os reversos da moeda de seis peniques e da media coroa seleccionáronse os deseños de Edward John Poynter. O proceso de toma de decisións da comisión non está claro, aínda que Goschen declarou posteriormente que fora moi decisiva a influencia do presidente da Royal Academy of Arts, Frederic Leighton.[14]

Na seguinte reunión da comisión, o 23 de decembro de 1891, acordouse pedirlle a Brock que modificase o seu primeiro anverso a imitación da medalla Ashanti da campaña de África Occidental (1873-1874). Segundo Stocker, «en poucas palabras, a medalla Ashanti fusionouse co deseño preexistente de Brock para crear a “cabeza vella”».[15] Requiríronse poucos cambios nesa versión modificada do anverso.[15] Tamén se lle pediu a Poynter que realizase modificacións na súas proposta de deseño para os reversos, o cal fixo a tempo para que estas fosen aprobadas na reunión final da comisión o 11 de marzo de 1892,[16] na que tamén se recomendou que se utilizase un segundo retrato de Vitoria unicamente no florín, para o diferenciar máis claramente da moeda de media coroa. Ante a oposición de Vitoria a este respecto, xa que consideraba improbable que alguén puidese distinguir as dúas moedas dese xeito, a comisión revisou a súa recomendación, e finalmente optouse por reducir lixeiramente o diámetro do novo florín, a terceira vez que se modificaba o seu tamaño desde a súa introdución en 1849.[17][18]

Ambos os escultores recibiran instrucións para incluír nos anversos o nome e os títulos da raíña Vitoria, expresados en latín como Vitoria Dei Gratia Regina Britanniarum Fidei Defensor («Vitoria, pola graza de Deus, raíña dos británicos, defensora da fe»), que se podería abreviar segundo cumprise.[18] Vitoria levaba exercendo presión desde 1888 para que o seu título de emperatriz da India, concedido pola Lei de Títulos Reais de 1876, se incluíse na moeda,[20] e o 12 de febreiro de 1892 o primeiro ministro, Robert Gascoyne-Cecil, escribiulle: «os serventes da súa Maxestade opinan que o título de emperatriz da India, que indica, como o fai, a relación da súa Maxestade coa maior parte dos seus súbditos, debería aparecer na moeda en forma das letras Ind Imp ou I. I. ou algunha abreviatura similar». Aínda que a Lei de Títulos Reais lle prohibía ao monarca utilizar ese título en asuntos exclusivamente dentro do Reino Unido, o gabinete determinou que o texto podía incluírse xa que as moedas tamén circularían nas colonias.[18]

O 12 de marzo de 1892 enviáronselle os deseños a Henry Ponsonby, secretario privado da raíña. En xeral, a esta gustoulle o anverso creado para a nova serie monetaria, aínda que non amosou o seu beneplácito á versión modificada deste que se lle pedira a Brock, que a partir de entón se abandonou. Tampouco foron da súa satisfacción os reversos escollidos para a media coroa nin para o xilin, polo que se prepararon novas versións, aínda que Poynter solicitou para iso un pagamento extra, que non acadou.[21]

A coroa Old Head comparte coas moedas de ouro os deseños de Brock para o anverso e de Pistrucci para o reverso.[22]

Por outra parte, logo de escollidos os deseños, non estaba claro quen se encargaría de gravalos nas matrices de aceiro para elaborar os cuños, xa que Leonard Wyon, o gravador xefe da Real Casa da Moeda, falecera en 1891, sen deixar un sucesor claro. Brock suxeriu finalmente a George William de Saulles, un gravador nado en Birmingham que traballara en Londres durante un tempo e que logo regresara á súa cidade natal para traballar para o medallista Joseph Moore.[23][24]

Vitoria non posara para Brock, senón que o escultor traballara a partir de varios exemplares de fotografías que lle fixeron chegar da raíña. A versión orixinal dos seus modelos era de cera, a partir da cal se fixo un molde de escaiola. Ao que a comisión aprobou a súa proposta, fixo un novo molde esforzándose en que a moeda tivese pouco relevo, que resultase acaído para a cuñaxe. De Saulles utilizou un torno redutor para facer as matrices reducidas ao tamaño real das moedas, a partir das cales se puidesen fabricar os cuños de produción. Este proceso deixaba unha serie de pequenas liñas no aceiro das matrices, que foron eliminadas por de Saulles baixo a supervisión de Brock. Poynter tamén supervisou o proceso para os reversos que el deseñara.[25][26] De Saulles encargouse dunha boa parte do traballo relacionado co perfil e as letras dos anversos das moedas.[27]

Anverso de Brock para a media coroa.[28]
Reverso deseñado por Poynter.

O deseño de Brock para o anverso presenta un busto de Vitoria ollando cara á esquerda, cos trazos e a expresión dunha muller de idade avanzada. A cabeza porta un diadema, parcialmente oculto por un velo que pendura detrás da orella, e leva o cabelo liso e recollido nas tempas, por riba da orella visible, da que colga un pendente dunha soa doa. O busto leva un corpiño con colo de volante, sobre o que se dispón un manto, e tamén un colar con colgante. Sobre o manto, de cara ao espectador, está a Estrela da Xarreteira, coa súa parte exterior parcialmente oculta polo velo. As iniciais do deseñador, TB, áchanse baixo o truncamento do busto, na maioría das moedas preto da letra D de IND.[29]

Agás no caso da media coroa, as moedas levan no anverso a lenda VITORIA DEI GRA BRITT REGINA FID DEF IND IMP. Na media coroa, a lenda en latín divídese en VITORIA DEI GRA BRITT REG no anverso e FID DEF IND IMP no reverso.[30] A inclusión de IND IMP era unha innovación na moeda británica, por desexo expreso da monarca.[31] Britanniarum, que significa «os británicos», abreviouse como BRITT, grazas á intervención de William Gladstone. Gladstone, erudito en lingua latina ademais de político, invocara para iso a regra segundo a cal a abreviatura dun substantivo plural en latín debía producirse cunha consonante final dobre.[32]

Anverso de Brock para o florín.[33]
Reverso de Poynter, cos escudos de Inglaterra, Escocia e Irlanda.

No canto da moeda dunha coroa engadiuse o lema DECUS ET TUTAMEN («un ornamento e unha salvagarda»), así como o ano de reinado en números romanos.[34][35] Deste xeito, algunhas coroas de 1893 represéntano como LVI —o ano 56 do reinado de Vitoria— e outras como LVII, e o padrón continuou ata 1900 —o derradeiro ano do seu reinado no que se cuñaron coroas—.[36] O costume de incluír nas coroas DECUS ET TUTAMEN co ano de reinado iniciárase durante o reinado de Carlos II (1660-1685); naquela época, a lenda do canto tiña a finalidade práctica de disuadir do recorte ilícito das moedas para extraer metal. Algúns autores sosteñen que a lenda DECUS ET TUTAMEN está baseada nunha viñeta do testamento grego do cardeal Richelieu.[37]

As moedas de ouro levaban o deseño de Pistrucci de San Xurxo e o Dragón, aínda que nesta ocasión con algúns axustes con respecto a emisións anteriores. Redeseñouse a pluma do casco do santo, que aparecía no deseño orixinal de Pistrucci para as pezas de cinco e de dúas libras, antes de ser eliminada e logo restaurada en 1887.[38] O medio soberano, aínda que leva o deseño de Pistrucci, non porta as iniciais deste, como o resto das moedas; o numismático Richard Lobel comentou a este respecto: «como tería odiado isto o ególatra italiano, que escribiu o seu nome completo na coroa de 1818!».[39]

Xilin da serie Old Head.[40]

A media coroa, a primeira moeda dese valor que amosa expresamente o seu valor no seu anverso,[41] representa un escudo dentro do colar da Orde da Xarreteira. O deseño de Poynter para o xilin e o florín amosa escudos coas armas de Inglaterra, Escocia e Irlanda en escudos separados, co conxunto rodeado por unha Xarreteira.[34] O xilin presentara o seu valor facial gravado no seu anverso desde 1831 ata o redeseño do Xubileu, e nesta serie Old Head incluíuse a expresión ONE SHILLING no reverso.[42] Pola súa banda, as moedas de seis peniques e de tres peniques seguiron levando sen alteracións os seus deseños anteriores nos reversos. Todas as moedas inferiores á coroa levarían agora unha indicación expresa do seu valor.[17] No penique de bronce e nas súas fraccións, a alegoría nacional de Britannia de emisións anteriores fíxose máis ergueita e alerta, e omitiuse a presenza do pequeno veleiro e do faro que se vían a ambos os lados;[43] o faro restauraríase en 1937.[44]

O historiador John Craig, na súa historia da Royal Mint, considerou os esforzos de Brock como «os menos infrutuosos» dos deseños presentados.[45] Pola súa banda, Peter Seaby, na súa historia da moeda británica, considerou a representación de Vitoria «un retrato novo e mellorado da raíña», cun retrato máis grande que na emisión do Xubileu.[34] O numismático Leonard Forrer, no seu Biographical Ditionary of Medallists de 1916, considerou o anverso «un espléndido retrato da raíña realizado polo erudito escultor Sir Thomas Brock», aínda que cualificou os reversos de Poynter de «non moi satisfactorios».[46][47]

Posta en circulación e acollemento

[editar | editar a fonte]
Non se modificou o reverso dos tres peniques.[48]

O 30 de xaneiro de 1893, data da disposición pola que se dotaba de curso legal á nova serie, o director da Royal Mint, Charles William Fremantle, amosoulle á prensa as novas moedas nas instalacións da ceca londiniense, e obtivo por parte desta unha reacción moito máis positiva que a que seis anos antes acadara a anterior serie do Xubileu.[26] O xornal Birmingham Daily Post informou: «o resultado é un claro éxito [...] os trazos da súa Maxestade teñen unha expresión do máis agradable».[49] Pola súa banda, o Pall Mall Gazette sinalou que «sería un eloxio fraco dicir simplemente que son de aparencia superior á emisión do Xubileu», e que aínda que a potestade de incluír o título de Emperatriz da India se executara tarde nas moedas, resultaba algo incuestionablemente válido, xa que as moedas británicas eran de curso legal tamén nas colonias.[50]

O 8 de febreiro podíase ler no Lancaster Gazetter: «a nova moeda comeza cunha gran vantaxe, xa que substitúe algúns dos deseños máis desafortunados que a Casa da Moeda puxo en circulación. En poucos días estará nas mans de todo o mundo".[51]

O Daily News detívose particularmente a comentar o deseño das novas moedas:[52]

A nova moeda supón unha inmensa mellora con respecto á súa predecesora. Un artista grego tería dado a súa aprobación ao deseño do Sr. Brock da cabeza da Raíña. No canto da ridícula coroa de xoguete do período do Xubileu, o Sr. Brock colocou unha tiara sinxela e perfectamente axeitada, sobre cuxa parte posterior e ata os ombreiros cae un velo en lixeiras e elegantes pregaduras. Á fin hai algo que se pode ollar sen se rir. O retrato é excelente. Canto á tiara, é o adobío que a súa Maxestade leva habitualmente en ocasións de Estado; é o que levaría este 31 de xaneiro se estivese a inaugurar o Parlamento en persoa.

Mais o acollemento non foi unanimemente positivo, xa que a nova imaxe da raíña non resultou do gusto de todos. O deputado liberal unionista James Parker Smith declarou na Cámara dos Comúns que as novas moedas dun soberano lle lembraban as fichas do xogo de baralla whist, que se podían adquirir a razón de vinte por dous peniques. Na súa declaración dixo que non cría que ninguén que estivese familiarizado coas moedas ficase satisfeito con elas. E é posible que mesmo a propia Vitoria non estivese satisfeita co novo anverso, xa que o novo chanceler, William Harcourt, lle escribiu o 1 de febreiro de 1893 para lle expresar o seu «total acordo coa opinión da súa Maxestade de que a cabeza real na nova moeda deixa moito que desexar, tanto en parecido como en execución».[53]

Tamén houbo algunhas obxeccións procedentes de Gales, relativas á exclusión de calquera emblema dese país da moeda, tendo en conta que si que había representación de símbolos nacionais de Escocia, Inglaterra e Irlanda, e algúns querían que se incluíse un allo porro ou un dragón. No entanto, John Leighton, da Sociedade de Anticuarios, declarou que o porro lle parecía «moi pouco decorativo e tan difícil de caracterizar como unha cenoria».[54] Pola súa banda, o pintor Philip Wilson Steer opinaba que o colar, o pendente e as ordes da monarca lle daban ao novo anverso «un certo aspecto vulgar» e consideraba que os deseños de Poynter eran estreitos, coas letras do xilin sobredimensionadas.[55]

Fremantle considerou que o novo anverso era «case o retrato popular da Raíña» e gabou a de Saulles pola súa participación como gravador no «favorable acollemento das moedas tanto polos expertos como polo público en xeral».[47] A Real Casa da Moeda do Reino Unido vendeu ao público con sobreprezo algunhas series de moedas da nova emisión cuñadas cun acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate—, datadasen 1893.[56]

Penique da serie Old Head.[57]

Non se cuñara ningunha moeda de bronce —o penique e as súas fraccións— co anterior retrato do Xubileu, xa que daquela había un gran excedente de moeda miúda deses valores.[58] En 1895, de Saulles adaptou o anverso de Brock para as pezas de bronce.[47] e introduciu tamén modificacións nos seus reversos para a súa produción, e estas puxéronse en circulación mediante unha disposición datada o 11 de maio de 1895.[59]

En Australia, a ceca de Melbourne e a ceca de Sydney cuñaron soberanos todos os anos desde 1893 ata 1901.[60] En Sydney cuñáronse tamén medios soberanos todos os anos, e en Melbourne en 1893, 1896, 1899 e 1900.[61] En 1899, un terceiro obradoiro australiano comezou a cuñar soberanos; tratábase da ceca de Perth, inaugurada o 20 de xuño dese mesmo ano,[62] que cuñou esta moeda en 1899, 1900 e 1901, e medios soberanos en 1899 e 1900.[34][61][63]

A raíña Vitoria finou en xaneiro de 1901. Seguíronse cuñando moedas coa súa efixie, datadas en 1901 e co anverso de Brock, ata que a nova serie deseñada por de Saulles para o seu sucesor, Eduardo VII, estivo disposta en maio de 1902.[64]

  1. "2 Pounds - Victoria 3rd portrait". Numista.com
  2. "½ Sovereign - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  3. Lant, J. L. (1973). Páxinas 134-135.
  4. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 488.
  5. Lant, J. L. (1973). Páxinas 136-138.
  6. 6,0 6,1 Stocker, M. (1996). Páxina 67.
  7. Mayo, J. H. (1897). Medals And Decorations Of The British Army And Navy. Vol 2. A. Constable, Westminster. Páxinas 398-402.
  8. "The Ashantee Medal, granted by the Queen for the Expedition of 1873–74". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  9. Stocker, M. (1996). Páxinas 67-68.
  10. Dyer, G. P. (1995). Páxina 114.
  11. Stocker, M. (1996). Páxina 68.
  12. Stocker, M. (1996). Páxinas 68-70.
  13. "Queen Victoria's Diamond Jubilee, 1897". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  14. Stocker, M. (1996). Páxina 71.
  15. 15,0 15,1 Stocker, M. (1996). Páxina 75.
  16. Stocker, M. (1996). Páxinas 75-76.
  17. 17,0 17,1 Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 537.
  18. 18,0 18,1 18,2 Stocker, M. (1996). Páxina 76.
  19. "5 Pounds - Victoria 3rd portrait". Numista.com
  20. Lant, J. L. (1973). Páxinas 139-140.
  21. Stocker, M. (1996). Páxinas 76-77.
  22. "1 Crown - Victoria 3rd portrait". Numista.com
  23. Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 550.
  24. Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 119.
  25. "The New Coinage". En Pall Mall Gazette. 3 de febreiro de 1893. Páxinas 1-2.
  26. 26,0 26,1 Stocker, M. (1996). Páxinas 77-80.
  27. Skillern, S. (2013). Páxina 31.
  28. "½ Crown - Victoria 3rd portrait". Numista.com
  29. Freeman, M. J. (1985) [1970]. Páxina 48.
  30. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 463-464, 476-478, 491-492.
  31. Lant, J. L. (1973). Páxinas 139-141.
  32. Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxinas 509-511.
  33. "1 Florin - Victoria 3rd portrait". Numista.com
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 Seaby, P. (1985). Páxina 158.
  35. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 416.
  36. Spink (2016). Páxina 476.
  37. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 477.
  38. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 454.
  39. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 468.
  40. "1 Shilling - Victoria 3rd portrait; 'Old Head'". Numista.com
  41. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 509.
  42. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 534-535.
  43. Seaby, P. (1985). Páxina 160.
  44. Spink (2016). Páxina 466.
  45. Craig, J. (2010) [1953]. Páxina 342.
  46. Forrer. L. (1916). Biographical dictionary of medallists. Vol. 6. Londres. Páxina 594.
  47. 47,0 47,1 47,2 Stocker, M. (1996). Páxina 85.
  48. "3 Pence - Victoria 3rd portrait; incl. Maundy". Numista.com
  49. "The New Coinage". En The Birmingham Post. 31 de xaneiro de 1893. Páxina 4.
  50. "The New Coinage". En Pall Mall Gazette. 31 de xaneiro de 1893. Páxina 2.
  51. "The New Coinage". En The Lancaster Gazettter. 8 de febreiro de 1893. Páxina 3.
  52. "The New Coinage". En Daily News. 31 de xaneiro de 1893. Páxina 5.
  53. Stocker, M. (1996). Páxina 84.
  54. Stocker, M. (1996). Páxina 83.
  55. Stocker, M. (1996). Páxinas 84-85.
  56. Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 538.
  57. "1 Penny - Victoria 3rd portrait". Numista.com
  58. Lant, J. L. (1973). Páxina 134.
  59. Spink (2016). Páxina 491.
  60. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 64-67.
  61. 61,0 61,1 Spink (2016). Páxina 413.
  62. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 64.
  63. Spink (2016). Páxinas 463-464.
  64. Skillern, S. (2013). Páxina 36.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Craig, J. (2010) [1953]. The Mint. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-17077-2
  • Dyer, G. P. (1995). "Gold, Silver and the Double Florin". En British Numismatic Journal. 64. Páxinas 114-125.
  • Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). "Reform, the New Technology and Tower Hill". En Challis, C. E. (ed.). A New History of the Royal Mint. Cambridge University Press. Páxinas 398-606. ISBN 978-0-521-24026-0
  • Freeman, M. J. (1985) [1970]. The Bronze Coinage of Great Britain. Barrie & Jenkins, Londres. ISBN 978-0-09-155240-4
  • Lant, J. L. (1973). "The Jubilee Coinage of 1887". En British Numismatic Journal. 43. British Numismatic Society. Páxinas 132-141.
  • Linecar, H. W. A. (1977). British Coin Designs and Designers. G. Bell & Sons, Londres. ISBN 978-0-7135-1931-0
  • Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Coincraft's Standard Catalogue English & UK Coins 1066 to Date (5ª ed.). Standard Catalogue Publishers, Londres. ISBN 978-0-9526228-8-8
  • Marsh, M. A. (2017) [1980]. The Gold Sovereign. Token Pub., Exeter. ISBN 978-1-908828-36-1.
  • Seaby, P. (1985). The Story of British Coinage. B. A. Seaby Ltd., Londres. ISBN 978-0-900652-74-5
  • Skillern, S. (2013). "The coinage of Edward VII, Part I". En Coin News. Outubro. Páxinas 31-33.
  • Spink (2016). Coins of England and the United Kingdom (52ª ed.). Spink, Londres. ISBN 978-1-907427-98-5
  • Stocker, M. (1996). "The Coinage of 1893". En British Numismatic Journal. 66. Páxinas 67-86.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]