Serena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaSerena

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento365 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Hispania Editar o valor em Wikidata
Mortec. 408 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (42/43 anos)
Roma Editar o valor em Wikidata
Causa da mortePena de morte Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRoma Antiga Editar o valor em Wikidata
Período de tempoBaixo Imperio Romano Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeEstilicón Editar o valor em Wikidata
FillosTermância (pt) Traducir, Maria (imperatriz) (pt) Traducir, Eucher (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiTeodosio I Editar o valor em Wikidata
ParentesTeodosio I (tío, pai adoptivo)
Gala Placidia (curmán) Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Van_Spanje-1

Serena, nada en Hispania cara ao 370 e finada en Roma no 409 foi unha aristócrata romana de certo relevo nos últimos anos da pars occidentis do Imperio Romano.

Orixe, educación e vida familiar[editar | editar a fonte]

Era filla de Honorius, irmán de Teodosio I e da súa esposa María. Neta, por tanto, de Flavio Teodosio senior, importante xeneral na época de Valentiniano I. A orixe familiar probablemente se fundamentara en extensas propiedades na Gallaecia.[1]

Criouse en Constantinopla, onde a súa educación estivo influenciada tanto pola cultura pagá coma pola fe cristiá, credo oficial do imperio. Tivo acceso ás bibliotecas imperiais, e probablemente aprendeu tamén grego. Unha das súas influencias puido ser Temistio, pagán e partidario da política de acoller aos inmigranges bárbaros no imperio. Tamén presenciou as disputas teolóxicas ás que se vía sometida entón a fe cristiá, dividida entre católicos e arianos, tendo contacto con Gregorio de Nisa.

Teodosio adoptouna coma filla e en 384 acordou o seu casamento con Estilicón, futuro magister militum, oficial de orixe vándala por parte de pai. Co casamento o emperador esperaba asegurar a lealdade do xove e prometedor militar á dinastía no poder naqueles anos de continuas loitas políticas. Tiveron un fillo Eucherius e dúas fillas, Maria e Thermantia, que casarían con Honorio, sucesor de Teodosio na pars occidentis.

Influencia política[editar | editar a fonte]

Despois da morte de seu tío residiu na corte de seu primo Honorio, sobre o que tiña grande ascendente. Foi ela quen elixiu con quen casar a Claudiano, o poeta e voceiro oficial de Estilicón, quen lle adicou unha obra. Tamén se encargou da educación de Gala Placidia, irmá de Honorio e prima dela mesma. Era unha muller culta e ambiciosa que gustou de exercer o poder que as súas relacións lle proporcionaron.

O historiador Zósimo inclúe a seguinte anécdota en Storia Nuova (V, 35): ao parecer, en 405, Serena, cristiá, nun xesto claramente antipagán, tomou un colar da estatua de Rhea Silvia e colocouno no seu pescozo. Unha anciá, a última das Vestais, apareceu, reprendéndoa e maldicíndoa a ela e á súa prole por causa da súa impiedade. A continuación, parece que Serena padeceu pesadelos nos que se predicía a súa morte prematura.

En ocasións formaba parte do séquito do seu marido, onde tamén gozaba de influencia, como testemuña a anécdota ocorrida en 406, logo da batalla de Fiésole, cando prendada das paisaxes da Toscana, ordenou fundar unha villa, tamén chamada 'Castello de Serena', preto de Chiusdino.

Morte[editar | editar a fonte]

En 408 Estilicón foi executado por mandato de Honorio a consecuencia dunha conxura dos sectores católicos nacionalistas na súa contra. Serena e o fillo tamén sufriron as consecuencias da conxura. Durante o asedio de Roma por parte dos godos de Alarico, en 408, foi executada por orde do Senado e co consentimento de Gala Placidia, tamén presente na cidade.

Significación política[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente se lle consideraba coma ferventemente católica e, por tanto, tamén intransixentemente antipagá; algo que aparece caricaturizado na anécdota referida anteriormente. Pero actualmente (Magnani, 2002) afírmase que as súas posicións non eran tan extremas.

Foi unha das moitas figuras históricas femininas que exerceron en realidade o poder, xunto con Estilicón, mais nunca puideron atopar un refrendo oficial a tal situación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sozomeno, HE, vii, 2, 1 & Teodoreto, HE, v, 5.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Claudiano. Eloxio de Serena
  • Santo Mazzarino. Serena e le due Eudossie. Roma, Istituto Nazionale di Studi Romani, 1946 ISBN 978-88-7311-221-1
  • Magnani, Alberto. Serena: l'ultima romana. 2002