Serbia de Nedić

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaSerbia de Nedić

Localización
Mapa
 44°49′14″N 20°27′44″L / 44.8206, 20.4622Coordenadas: 44°49′14″N 20°27′44″L / 44.8206, 20.4622
CapitalBelgrado Editar o valor em Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua serbia Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creación1 Editar o valor em Wikidata
Disolución1944 Editar o valor em Wikidata
Organización política
Membro de

A Serbia de Nedić (en serbio latino: Nedićeva Srbija, serbio cirílico Недићева Србија), tamén coñecida como Goberno de Salvación Nacional, foi o nome co que se coñeceu o estado serbio baixo a ocupación militar da Alemaña nazi, durante a segunda guerra mundial, despois da invasión de Iugoslavia.

Historia[editar | editar a fonte]

No curso da segunda guerra mundial, o 6 de abril de 1940, tropas alemás, italianas, húngaras e búlgaras invadiron o Reino de Iugoslavia e, en poucos días, o goberno capitulou (18 de abril).[1]

Iugoslavia desapareceu, desmembrada entre os seus veciños. O III Reich, que se consideraba herdeiro dos pretendidos dereitos históricos austríacos, anexionou o sur de Estiria (Steiermarke), e a parte de Carintia (Kärnten) que estaban integradas en Eslovenia; ademais, anexionou a Voivodina (parte do Banato serbio) que, formalmente, foi parte do protectorado alemán de Serbia.

Italia fixo realidade unha antiga aspiración do seu vello irredentismo, incorporando a outra provincia eslovena, Carniola (incluíndo a cidade de Liubliana, capital de Eslovenia), máis unha boa parte do litoral dálmata (a zona entre Zadar [Zara] e Split [Spalato], pertencente a Croacia, e Kotor [Cattaro], de Montenegro) e a rexión de Kosovo (Serbia), que foi incorporada á súa colonia albanesa.

Os búlgaros obtiveron a Macedonia iugoslava, excepto unha pequena porción que se uniu á Albania italiana (que ademais recuperou a súa saída ao Exeo, a costa de Grecia).

E os húngaros quedaron con varias zonas fronteirizas do norte (o extremo oriental de Eslovenia, o triángulo formado entre os ríos Drava e Danubio, que pertencía a Croacia), máis a rexión de Bačka (a outra parte do Banato serbio).

Repartición de Iugoslavia entre as potencias do Eixe (1941). Véxase o repartimento do Banato entre Hungría (Bačka) e o protectorado alemán do Banato serbio (Voivodina).

Sobre solo iugoslavo só permaneceron dous estados teoricamente independentes. Croacia, que rompera os seus lazos con Belgrado ao producirse a invasión, constituíuse como reino, con inclusión da Eslavonia oriental (que pasara anteriormente a Serbia), é dicir, todo o territorio entre o Sava e o Drava, até as aforas de Belgrado, e de Bosnia-Herzegovina (pero sen a parte do litoral dálmata que pasara a Italia), gobernado ditatorialmente polo Poglavnik (Caudillo) Ante Pavelić.[2]

E ao leste quedou unha reducida Serbia, que recobrou unha sombra de soberanía baixo a protección alemá e o goberno autoritario do colaboracionista xeneral Milan Nedić (a chamada Serbia de Nedić), que incluía a Voivodina.[3]

Pero nesta parte do Banato os ocupantes alemáns estableceron unha rexión autónoma, practicamente independente, cun goberno entregado á minoría alemá autóctona, que se puxo incondicionalmente ás ordes do III Reich.[4]

Administración[editar | editar a fonte]

A Serbia administrada teoricamente polo goberno de Milan Nedić.

O estado estaba encabezado polo xeneral serbio Milan Nedić, baixo o mando militar alemán e co o nome oficial de Vlada Nacionalnog Spasa (Влада Националног Спаса, ou Goberno de Salvación Nacional), entre 1941 e 1944 e, debido a iso, recibe os nomes informais de réxime de Nedić [5] ou Serbia de Nedić.[6]

Xeograficamente, o novo goberno administraba un territorio formado pola maior parte de Serbia Central, o sector norte de Kosovo, en torno a Kosovska Mitrovica, e a rexión autónoma do Banato,[7] que se mantivo baixo o mando da minoría étnica alemá que vivía alí.

Este goberno serbio foi, a pesar das súas afirmacións de ser o dun estado independente, durante todo o período, de facto, estivo subordinado a unha administración militar alemá coñecida como a Administración Militar en Serbia (en alemán, Militärverwaltung em Serbien, en serbocroata Војна управа у Србији / Vojna uprava u Srbiji ).

O goberno militar estableceuse 1941, despois de varios meses de ocupación de Iugoslavia polo Eixe.[8][9][10]

Incapaz de opoñerse ás ordes alemás, o xeneral Nedić va permitiu a existencia de campos de concentración no seu territorio. En total, calcúlase que aproximadamente 80.000 persoas morreron nestes campos.

Liberación[editar | editar a fonte]

Como noutros lugares da Europa ocupada, as duras condicións impostas polos alemáns provocaron a aparición da resistencia antifascista, que foi adquirindo progresiva importancia. Esta resistencia non tardou en manifestarse en Iugoslavia; ao principio, en forma de sabotaxes e, máis tarde, dun poderoso movemento guerrilleiro. Nun primeiro momento a iniciativa correspondeu aos chetniks, patriotas serbios monárquicos dirixidos polo coronel Draza Mihailović, que actuaban apoiados polos británicos. Pero, tras a invasión alemá da URSS, en 1941, foron os comunistas quen asumiron un maior protagonismo e mantiveron o peso dunha guerra sen cuartel.

Dirixidos polo croata Josip Broz, Tito, foron capaces de organizar un auténtico exército regular, que recibiu o apoio dos aliados, e que foi quen de liberar por si mesmo (coa axuda do Exército Vermello a maior parte do territorio nacional.[11]

Coa axuda do Exército Vermello, os partisáns iugoslavos acabaron co goberno de Nedić en maio de 1944. Os líders serbios colaboracionistas fuxiron a Eslovenia ao final da guerra, aínda que moitos deles foron capturados e executados.

Legado[editar | editar a fonte]

O ano 1941, despois da invasión alemá do Reino de Iugoslavia, os soldados alemáns fixéronse co control de Radio Belgrado. Rapidamente puxeron en antena a canción Lili Marleen, que chegaría a ser co tempo unha canción popular a nivel internacional.[12]

A canción, traducida a diversas linguas, chegou a ser nalgúns países unha marcha militar, unha canción para os soldados ou, polo menos, unha canción deportiva durante os adestramentos militares.

Por outra parte, o ano 2008 o Partido Liberal de Serbia, que non tiña xa daquela representación parlamentaria, lanzou unha proposta de lei para rehabilitar a figura do xeneral Milan Nedić. Esta proposta non recibiu o apoio de ningún outro partido político, e foi duramente criticada pola comunidade xudía de Serbia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Axis Invasion of Yugoslavia (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  2. [1] Tomasevich, Jozo (2001): War and revolution in Yugoslavia, 1941-1945: occupation and collaboration. Stanford University Press. (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  3. Nedić regime (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  4. Alemáns do Banato (Banater Schwaben) (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  5. Google books search on "Nedić regime"
  6. Bailey, Ronald H. 1980 (original edition from 1978). Partisans and guerrillas (World War II; v. 12). Chicago, Illinois, USA: Time-Life Books. páx. 81.
  7. Wolff, Robert Lee, (1956). Balkans in Our Time Cambridge, Massachusetts, USA: Harvard University Press. páx. 204.
  8. Wolff, Robert Lee (1956). Balkans in Our Time Cambridge, Massachusetts, USA: Harvard University Press. páx. 203.
  9. Tomasević, Jozo. (2001). War and Revolution in Yugoslavia, 1941-1945: Occupation and Collaboration. Stanford University Press.
  10. Jabuka - Apfelbäume und rote Astern, Von Kurt Wolff, Kronau/Baden Arquivado 02 de agosto de 2009 en Wayback Machine.(en alemán) Consultada o 14/1/2012.
  11. Liberación de Iugoslavia (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  12. "Quen é Lili Marleen?". Deutsche Welle 09.12.2005 (en español). 2005. Consultado o 14/1/2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Böhm, Johann (2003): Die Gleichschaltung der deutschen Volksgruppe in Rumänien und das Dritte Reich 1941-1944, Frankfurt am Main. ISBN 3-631-50647-3.
  • Tomasevich, Jozo (2001): War and revolution in Yugoslavia, 1941-1945: occupation and collaboration. Stanford University Press ISBN 0-8047-3615-4

Outros artigos[editar | editar a fonte]