Sepia (cor)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sepia
Coordenadas de cor
Triplete hexadecimal663B2A
sRGBB  (rgb)(102, 59, 42)
CMYKH   (c, m, y, k)(0, 54, 60, 70)
HSV       (h, s, v)(17°, 59 %, 40 %)
OrixeSen fonte
B: Normalized to [0–255] (byte)
H: Normalized to [0–100] (hundred)
Bufo voando contra un ceo iluminado pola lúa, obra en sepia e lapis de Caspar David Friedrich, c. 1836–37

O sepia é unha cor marrón escura e de saturación débil, que corresponde á coloración do pigmento obtido da tinta da sepia, xiba ou choco, un cefalópodo mariño.[1] No recadro grande dáse unha mostra da coloración específica deste pigmento.

Historicamente, para a obtención do pigmento sepia preferiuse a sepia común (Sepia officinalis), que se pescaba no mar Adriático[2] e cuxa tinta utilizouse desde polo menos a antiga Roma.[3] A «tinta» da sepia é unha secreción negra castaña que o animal retén nun órgano especial en forma de bulsa. Expúlsaa en caso de ameaza co fin de escurecer a auga e confundir os seus depredadores. Contén eumelanina pura,[4] moi pouco soluble en auga, aínda que si en alcol, de cheiro intenso a peixe.[2]

Obtención e usos[editar | editar a fonte]

Espaguetes elaborados con tinta de sepia

Para uso pictórico[editar | editar a fonte]

Para obtener o pigmento, tras pescar a sepia —que tamén é comestible— os sacos de tinta póñense a secar ao sol colgados dunha corda (maneira na que logo é comercializada). Para pintar con este produto é posible desfacer as bulsas de tinta secas e mesturar o po pigmentado resultante co medio pictórico que se desexe empregar.[2] Mais conséguese unha cor de mellor calidade con outro procedemento tradicional, que consiste en ferver os sacos de tinta secos con amoníaco ou álcali, cos que o pigmento se disolve, separándose do receptáculo da tinta. Logo cóase para eliminar todo fragmento de tecido animal e precipítase con ácido clorhídrico nun filtro, tras o cal lávase e sécase.[2][4]

O pigmento de tinta de sepia é bastante resistente á luz e úsase en acuarelas, para veladuras e como tinta. A partir do Renacemento,[3] o seu uso como tinta de debuxo foi particularmente popular, logo desde finais do século XVIII e principios do século XIX desprazou en parte o bistre e a tinta chinesa como medio para realizar traballos á augada.[2][4][3]

Para uso culinario[editar | editar a fonte]

A tinta de sepia úsase tamén —sen ningún tratamento previo á cocción— na cociña mediterránea, xa sexa a modo de prebe ou para corar a pasta.

Pigmentos substitutos[editar | editar a fonte]

Actualmente, a cor sepia para pintura artística acostuma elaborarse con mesturas diversas de pigmentos orgánicos e inorgánicos que imitan a coloración do pigmento de tinta de sepia.[2] As pinturas comercializadas como «sepia» son rubias ou roxas, de negrexidas a semiescuras e de saturación semineutra a débil.[5] Debaixo pode verse o aspecto dalgunhas coloracións sepia pictóricas, puras e aclaradas con branco. O «marrón sepia» úsase especialmente para pintar á acuarela.

Marrón sepia Sepia Sepia aclarado
HTML #5C5343 #524B3B #706340
CMYK (75, 70, 75, 0) (80, 75, 80, 0) (65, 60, 80, 0)
RGB (92, 83, 67) (82, 75, 59) (112, 99, 64)
HSV (38°, 27 %, 36 %) (42°, 28 %, 32 %) (44°, 43 %, 44 %)
Referencia [1] [1] [1]

En xeral, a cor sepia emprégase en acuarela, tinta, xiz e minas para o debuxo e a augada.

Nesta fotografía dunha familia da cultura norteamericana nativa sauk, realizada por Frank Rhinehart en 1899, o virado a sepia puido ter tido a finalidade de preservar a imaxe, xa que a temática é altamente testimonial

Sepia fotográfico[editar | editar a fonte]

O virado a sepia é un procedemento fotográfico que consiste en substituír os grises dunha fotografía en branco e negro por unha tonalidade sepia. Esta técnica usouse desde os primeiros anos da fotografía para mellorar a calidade estética das fotos e tamén para estabilizar as imaxes, retardando a súa degradación.[6]

Unha fotografía revelada sobre papel fotográfico debe ser en branco e negro para poder virarse a sepia, xa que o procedemento depende da transformación dos gránulos de prata ennegrecidos que forman a imaxe. Para producir o cambio de color, sométese a fotografía a un baño que transforma a prata negra en sulfuro de prata.[6]

En particular, o virado a sepia foi moi utilizado polo movemento pictorialista, que buscaba outorgar ás fotografías un aspecto pictórico, é dicir, similar ao de dunha obra de arte plástica realizada mediante técnicas tradicionais de pintura.

As cámaras fotográficas dixitais actuais adoitan ter a capacidade de virar as fotos a sepia automaticamente, aínda que tamén se poden virar as imaxes despois de capturadas mediante programas de edición dixital.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Gallego, Rosa; Sanz, Juan Carlos (2005). Guía de coloraciones. Madrid: H. Blume. ISBN 84-89840-31-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Doerner, Max; Hoppe, Thomas (2000). Los materiales de pintura y su empleo en el arte. Reverté. p. 79. ISBN 978-8429114232. 
  3. 3,0 3,1 3,2 «sepia (ink)», Art & Architecture Thesaurus® Online, J. Paul Getty Trust, 2004, consultado o 17 de xuño de 2012.
  4. 4,0 4,1 4,2 Eastaugh, N.; Walsh, V.; Chaplin, T.; Siddall, R. (2004). Pigment Compendium: A Dictionary of Historical Pigments (en inglés). Oxford; Burlington: Elsevier / Butterworth Heinemann. ISBN 0-7506-57499. Consultado o 17 de xuño de 2012. 
  5. Gallego, Rosa; Sanz, Juan Carlos (2001). Diccionario Akal del color. Akal. ISBN 84-460-1083-6. 
  6. 6,0 6,1 Freeman, Michael (1996). Guía completa de fotografía: Técnicas y materiales. Madrid: Tursen / H. Blume. p. 178. ISBN 84-87756-77-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]