Saltar ao contido

Segi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Segi (do éuscaro "seguir") foi unha organización xuvenil abertzale establecida no País Vasco en 2001 como continuadora de Haika e Jarrai. Declarábase euskalduna, independentista e socialista. Foi ilegalizada no Estado español pola súa suposta relación con ETA, mais continuou sendo legal no Estado francés. Anunciou a súa disolución o 15 de xuño de 2012.

Segi constituíuse oficialmente o 16 de xuño de 2001 na asemblea fundacional celebrada en Navarra, como resposta á decisión do xuíz Baltasar Garzón de ilegalizar a organización xuvenil Haika. O grupo presentouse en público o 30 de xuño en Donostia, nun acto en que os seus representantes aseguraron que na organización participaran 4.000 persoas.[1]

Dende o 27 de decembro de 2001, figura na lista europea de organizacións terroristas. Foi declarada ilegal polo xuíz da Audiencia Nacional de España, Baltasar Garzón, en febreiro de 2002, por considerar que perseguía os mesmos fins que Euskadi Ta Askatasuna.[2] O Tribunal Supremo declarouna como organización terrorista vencellada a ETA o 19 de xaneiro de 2007. Corrixía así a sentenza da Audiencia Nacional de España de xuño de 2005, que a considerara «asociación ilícita».[3]

O 4 de febreiro de 2007 foron detidos pola Ertzaintza 18 dos 19 membros de Jarrai, Haika e Segi que eran prófugos da xustiza dende a declaración do Tribunal Supremo.[4]

O 24 de novembro de 2009 foron detidos 34 mozos nunha redada efectuada de madrugada nas provincias de Áraba, Biscaia, Guipúscoa e mais en Navarra por 650 axentes da Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil, por orde do xuíz Fernando Grande Marlaska. Estas detencións xeraron a protesta de decenas de miles de persoas e manifestacións nas rúas de Bilbao contra a criminalización da mocidade independentista vasca baixo o lema "Todos os proxectos, todos os dereitos".[5][6][7]

O 22 de outubro de 2010, a Policía Nacional detivo en Euskadi e en Navarra outros dez militantes de Segi, acusados de tentar recompoñer a organización. Algúns estaban vinculados con actos de kale borroka, segundo fontes da chamada loita antiterrorista.

Disolución

[editar | editar a fonte]

Segi anunciou a súa disolución o 15 de xuño de 2012 a través dun comunicado enviado aos xornais Gara e Berria. Segundo os seus voceiros, a decisión foi consecuencia dun debate interno "profundo e autocrítico" de máis dun ano. Nel, considerouse culminada a estratexia fixada en 2002 pola organización e valorouse a perda de perspectiva estratéxica e a distancia entre a mocidade e Segi. Igualmente, admitiron que na toma da decisión tamén afectaron a represión e a ilegalización. Segi anunciou un último acto en Itsasu, Iparralde, o 24 de xuño.[1][8]

Segundo a Axencia EFE, os seus militantes tiñan a intención de crear unha nova organización, que se materializou o 23 de marzo de 2013 en Ernai.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]