Sector audiovisual galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Apoio institucional[editar | editar a fonte]

Dende a consecución do autogoberno, a Xunta de Galicia veu desenvolvendo diversas accións co obxectivo de converter o sector audiovisual galego nun importante sector económico.

En 1983, Luis Álvarez Pousa accede ó cargo de Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, posto dende o cal impulsa as primeiras medidas a prol do audiovisual. En primeiro lugar, habilítanse as primeiras subvencións e axudas públicas. Tamén se funda en A Coruña o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), destinado a facer os labores propios dunha filmoteca. Tamén comeza o estudio para implantar algún tipo de estudos profesionais verbo do audiovisual, proxecto que sería retomado máis adiante. Con todo, Álvarez Pousa sería defenestrado en circunstancias polémicas e o seu labor fincaría estancado durante algúns anos. A maior eiva que se pode apoñer á xestión de Álvarez Pousa é que pretendese centrar toda a produción galega en torno á cidade de A Coruña, un problema que aínda se arrastra hoxe en día e que obedece máis a criterios políticos que económicos.

Tamén figura no haber de Álvarez Pousa a posta en marcha da TVG que cos anos pasaría a ser o motor do audiovisual galego.

Durante os anos 1980, a política audiovisual da Xunta de Galicia continuou centrada nas subvencións, fundamentadas en criterios máis ou menos cambiantes e arbitrarios, ás producións audiovisuais en galego. A súa contía non parou de medrar nestes anos. Con todo, gran parte do peso das subvencións caeu en produtos documentais para televisión. Ademais, apreciase que o sistema está demasiado inspirado no sistema de subvencións do Estado do cal, en moitos casos, se converteu nun mero complemento.

En 1990 produciuse un fito crucial para o audiovisual. Nese ano aprobouse no Parlamento de Galicia, a Lei do Audiovisual de Galicia que aposta polo audiovisual como un sector estratéxico. Isto supuxo, en primeira instancia, unha reforma e racionalización do sistema de axudas públicas e un pulo ó labor impulsor da TVG.

En 1993 abriuse a Escola de Imaxe e Son da Coruña que debería formar ós profesionais, especialmente técnicos, para o cine e a televisión. Dende logo, no tocante ó medio televisivo, cumpriu os seus fins. Non se pode dicir o mesmo para o cine, onde aínda continúa a necesidade a recorrer a técnicos de fóra.

No ano 2001 a Xunta de Galicia creou un organismo autónomo chamado Consorcio Audiovisual de Galicia, cunhas funcións que aínda non está claras de todo e que parecen solaparse coas da Dirección Xeral de Comunicación Social. Por outra parte, o Consorcio do Audiovisual parece tamén pretende exercer as funcións tradicionais das "film commissions" (entidades públicas ou privadas destinadas a fomentar a produción cinematográfica nun determinado territorio facilitando diversos servizos de apoio e de asesoramento).

Dende a Xunta de Galicia tamén se impulsou dende o 2002 a creación do Clúster Audiovisual Galego. Un clúster é unha unión de empresas dun sector para a administración dos seus intereses comúns. Non obstante, as súas funcións parecen solaparse coas das asociacións profesionais (como AGAPI e AEGA) nacidas ó abeiro da iniciativa privada e polo tanto da independencia. Para algúns o Cluster non é máis que un intento de controlar o sector dende o poder autonómico. Para outros, responde a unha necesidade económica e de organización intrasectorial. O certo é que o Clúster do Automóbil de Galicia, nucleado en torno a Citröen, si parece funcionar. Tamén é verdade que neste caso, Citröen liderada de forma absoluta e case tiránica o Clúster (non en balde é a primeira empresa de Galicia) e que o resto do Clúster está formado polos seus provedores (que dependen totalmente de Citröen por mor da subcontratación e da externalización do seu sistema produtivo). O Clúster do Audiovisual de Galicia, coma o Consorcio, aínda é unha institución por definir.

Tamén dende a Xunta de Galicia se impulsou a creación doutra institución, a Academia Galega do Audiovisual, e que pretende ser unha réplica da Academia das Ciencias e das Artes Cinematográficas de Hollywood e da Academia Española do Cine. Isto é, pretende ser unha especie de asociación pangremial do sector que agrupe por igual a produtores, actores, directores e técnicos. Está por ver se non se solapa coas asociacións e institucións existentes.

Se se pode facer un balance da política audiovisual da Xunta de Galicia ó longo dos últimos anos cabe salientar o forte e decidido compromiso que adquiriu e pode ser unha garantía de futuro. Porén, resulta preocupante que dende o goberno galego se vencelle o pulo ó audiovisual coa política turística. No ideario dos gobernantes parece que a política de fomento do audiovisual só sexa unha ferramenta para unha política turística máis ampla, o cal resulta incomprensible posto que non existe ningunha relación entre ambos sectores. A produción de películas certamente aumenta a demanda hosteleira nunha localidade durante a rodaxe pero trátase dunha situación pasaxeira e puntual, insignificante no contexto global do sector turístico. Tampouco cabe dicir que a aparición de localizacións e paisaxes nas películas supoña un incentivo ó turismo nestas áreas. Se fose así, Los Ángeles sería un punto turístico de primeiro orde e ninguén visitaría a costa levantina española.

Por outro lado, a política da Xunta de Galicia parece ditada por diversos cambios de temón máis ou menos arbitrarios. Dista moito de ser unha política a longo prazo e está máis preocupada polas tendencias do último ano máis que por unha proxección de futuro. Así primeiro centrou os seus esforzos na produción de longamentraxes e documentais, despois pasou á produción de series para TV, logo á produción de TV-movies (película de baixo orzamento para TV) e no último ano, ó abeiro da última moda, aposta pola animación infográfica.

A estrutura empresarial[editar | editar a fonte]

A produción galega -salvo casos illados- depende case exclusivamente das subvencións da Xunta de Galicia e do soporte económico da TVG. Existen dúas asociacións empresariais que funcionan como lobbies: AGAPI e AEGA que se reparten maioritariamente a financiación. Segundo datos oficiais (ano 2001) o sector audiovisual emprega a 1705 persoas entre Produción, Distribución, Emisión e Exhibición; facturando o sector da produción en torno a 51 millóns de euros (nota: habería que tomar estes datos con certa cautela dadas as dificultades para verificar a súa exactitude).

Tamén podemos considerar as emisoras de Televisión Local, as empresas da dobraxe, as empresas de produción non asociadas, os esforzos dos independentes,etc.,...

Con todo, a maior eiva do sector empresarial audiovisual é a súa atomización (un número de empresas moi elevado) e a escasa dimensión das empresas (demasiado pequenas, moitas nin sequera pasa dos dous socios e practicamente non teñen traballadores por conta allea). A conxunción destes dous factores impide que actúen as economías de escala (que se acade un nivel de produción que permita abaratar custos) e que non se acade o tamaño mínimo (tamaño a partir do cal unha empresa obtén beneficios no mercado grazas a que ten unha estrutura de custos, e polo tanto de medios de produción, axeitada). Isto significa que a maior parte das produtoras galegas están mal capitalizadas (non dispoñen de recursos para manter a súa actividade produtiva ó longo do tempo, de obter beneficios e de medrar de tamaño) e non dispoñen de autofinanciación (isto é, é quen de acumular reservas vía beneficios que poder utilizar no futuro para manter a actividade produtiva e para incrementalo). A consecuencia é que a maioría das empresas ten unha vida moi breve (algunhas non pasa dun proxecto audiovisual).

Por outro lado, isto incide nunha alta precariedade laboral no sector (os traballadores do audiovisual traballan de media moi poucas semanas ó ano e sempre con contratos eventuais) e nunhas remuneracións moi baixas (as empresas, para manterse no mercado, tratan de reducir os seus custos, poñendo un maior acento nos custos laborais, xa que se enfrontan a unha man de obra escasamente organizada, non sindicada, pouco especializada e francamente desmoralizada).

Neste marco é facilmente comprensible a dependencia que teñen as produtoras galegas do poder público e dos seus axentes (TVG e outros organismos). A entrada de capitais bancarios no accionariado de algunhas empresas durante os últimos anos (dende 2001) parece que podería paliar as deficiencias financeiras crónicas das produtoras galegas. Isto debería acentuar a concentración do sector, que fosen expulsadas as empresas de menor capacidade o cal podería significar unhas maiores economías de escala e unha mellora nas condicións laborais do sector. Non obstante, debe terse en conta que os bancos e as caixas descoñecen o sector audiovisual, un sector de alta rendibilidade pero un dos máis arriscado da economía mundial, e poderían verse sometidas a fortes tensións e perdas cuantiosas se os seus investimentos non alcanzan un tamaño suficiente e a produción galego non se diversifica (o sistema de Hollywood baséase nun forte investimento diversificado nunha ampla gama de produtos que reduce os riscos: o que se perde cunha película gañase con outras, facendo que o beneficio medio se manteña). Se o tamaño das empresas non crece, se os produtos audiovisuais non se diversificase e se a comercialización non se internacionalizase a produción galega seguirá condenada á anecdota e os bancos abandonarían o sector escamadas polo altísimo nivel de riscos.

Respecto ás condicións laborais, non parece que estas vai mellor no medio prazo. É certo que a concentración de empresas e o apuntalamento financeiro poderían facer que o sector audiovisual acadase un nivel de produción máis amplo e estable. Isto en principio significaría que a man de obra se puide especializar, puidese acceder a mellores condicións laborais e aumentar os seus salarios. Con todo, dende os poderes públicos e dende as propias empresas, estanse a promoción os estudos relacionados co audiovisual co obxectivo que crear unha máis ampla man de obra e poder manter, grazas a unha gran bolsa de desempregados, os salarios a niveis baixos. Non debemos esquecer que os custos salarias son altamente inflacionarios e que as empresas audiovisuais depende máis da man de obra ca do capital (o chamado Mal de Baumol, cando unha industria é intensiva en man de obra é máis inflacionista que as industrias intensiva en capital, como por exemplo os servizos sanitarios). Polo tanto, manter os salarios baixos e unha bolsa de desemprego coa que presionar ós traballadores podería parecer interesante dende un punto de vista empresarial (así se fai noutros moitos sectores industriais o cal permite que a economía española e galega sexa competitiva en custos nestes sectores a nivel internacional). Este punto de vista adolece dun defecto: a industria audiovisual depende en gran medida dunha forte división do traballo, dunha alta especialización da súa man de obra combinada cunha flexibilidade absoluta. Precisa por dun tipo de traballadores moi especial (tamén moi vocacional). A precariedade laboral e os baixos salarios tende a desmotivar á masa de traballadores, a minguar a súa produtividade e no longo prazo minan a competitividade do sector.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]