Seán Mac Diarmada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sean MacDermott»)
Seán Mac Diarmada
Nacemento28 de febreiro de 1883
Lugar de nacementoKiltyclogher
Falecemento12 de maio de 1916
Lugar de falecementoKilmainham Gaol
Causaferida por arma de fogo
SoterradoArbour Hill Cemetery
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Ocupaciónrevolucionario e político
Na rede
WikiTree: MacDiarmada-1
editar datos en Wikidata ]

Seán Mac Diarmada, nado como John MacDermott en Kiltyclogher (Condado de Leitrim) o 28 de febreiro de 1883 e finado na prisión de Kilmainham de Dublín o 12 de maio de 1916, foi un revolucionario irlandés e un dos heroes do Alzamento de Pascua de 1916 que posteriormente foron fusilados. Frecuentemente é chamado Sean MacDermott.

Biografía[editar | editar a fonte]

Seán Mac Diarmada naceu en Corranmore, cerca de Kiltyclogher, no condado de Leitrim (Irlanda), unha área oprimida. Estudou cos Irmáns Irlandeses e en 1908 trasladouse a Dublín, onde se involucrou en numerosas organizacións culturais e independentistas irlandesas, entre elas o Sinn Féin, a Irmandade Republicana Irlandesa (IRB), e a Conradh na Gaeilge (Liga Gaélica). Foi rapidamente escollido como membro do Consello Supremo da IRB, e máis tarde secretario.

En 1910 foi encargado da redacción do diario radical Irish Freedom, que fora fundado por el mesmo con Bulmer Hobson e Denis McCullough. Tamén se converteu nun organizador nacional da IRB, e foi posto baixo a tutela do veterano feniano Tom Clarke, feito que os fixo inseparables. Pouco despois, padeceu poliomielite e viuse obrigado a camiñar cun caxato.

En novembro de 1913, Mac Diarmada foi un dos membros fundadores dos Voluntarios Irlandeses, e continuou a traballar por manter esta organización baixo o control da IRB. En maio de 1915 Mac Diarmada foi arrestado en Tuam (Condado de Galway) pola Defense of the Realm Act por ter feito un discurso contra o alistamento no Exército Británico. Foi liberado en setembro, e uniuse ao Comité Militar Segredo da IRB, que foi o responsable de planear o Alzamento de Pascua.

Alzamento de Pascua[editar | editar a fonte]

Placa adicada a Seán Mac Diarmada en Dublín en irlandés e inglés.

De todos xeitos, Mac Diarmada case non tomou parte na loita durante o Alzamento a causa da súa discapacidade, mais sempre estivo no cuartel dos rebeldes, Oficina Xeral de Correos. Logo da rendición escapou da execución porque estaba ferido e se mesturou entre outros prisioneiros, mais foi recoñecido por Daniel Hoey e xulgado por unha corte marcial, sendo condenado a morte e executado por un pelotón de fusilamento o 12 de maio de 1916 aos 33 anos. En setembro de 1919, Hoey foi morto dun disparo pola Squal de Michael Collins. O oficial británico Lee-Wilson, que o mandara fusilar, foi máis tarde apresado e executado en Cork por orde directa de Michael Collins durante a Guerra de Independencia Irlandesa.

En Dublín hai unha rúa en honor a Seán MacDermott. Tamén ten o seu nome unha estación de ferrocarril en Sligo, así como o estadio Páirc Seán Mac Diarmada da Asociación Atlética Gaélica en Carrick-on-Shannon. A Torre Sean MacDermott de Ballymun, demolida no 2005, tamén foi chamada así no seu honor. A súa casa en Kiltyclogher é Monumento Nacional.