Satyajit Ray

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Satyajit Ray

SatyajitRay.jpg
Retrato de Satyajit Ray.

Información persoal
Nacionalidade Indio
Data de nacemento 2 de maio de 1921
Lugar de nacemento Calcuta, Bengala, British Raj Red Ensign.svg Raj Británico
Data de falecemento 23 de abrilde 1992 (70 anos)
Lugar de falecemento Calcuta, India India
Filmografía
Películas dirixidas
Películas guionizadas
Películas producidas
Premios Oscar honorífico (1992)

Ficha en IMDb

Satyajit Ray (bengalí সত্যজিত রায় ou সত্যজিৎ রায় SatyajitRay2.ogg Shottojit Rae ), nado en Calcuta o 2 de maio de 1921 e finado na mesma cidade o 23 de abril de 1992, foi un director de cine indio, así mesmo tamén desenpeñou a función de ilustrador, editor, escritor, deseñador gráfico e crítico de cine.

É recoñecido como un dos grandes creadores de cine do século XX[1], sendo recoñecida a súa carreira cun Oscar honorífico no ano 1992.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Ray naceu na cidade de Calcuta nunha prominente familia bengalí do mundo das artes e a literatura. Na que destacaban o seu avó, Upendrakishore Raychowdhury, ilustrador, escritor, filósofo, editor e astrónomo, e seu pai, Sukumar Ray, escritor de literatura infantil e de verso absurdo. Porén Sukumar morreu cando Satyajit tiña apenas tres anos, tendo que sobrevivir a familia cos ingresos da súa nai, Suprabha Ray.

Graduouse en Economía na Presidency College de Calcuta e trasladouse en 1940 a Santiniketan para estudar Belas Artes na Visva-Bharati University. Nesta última foi fortemente influenciado polo humanismo do fundador da Universidade, Rabindranath Tagore. Nesta etapa, segundo o que el mesmo manifestou, aprendeu moito dos famosos pintores Nandalal Bose e Benode Behari Mukherjee, sobre os que chegaría a producir un documental, The Inner Eye (O ollo interior). En 1943 abandonou os estudos sen rematalos por causas amorosas, e volveu á súa amada Calcuta.

Comezos[editar | editar a fonte]

O seu primeiro emprego, xa de volta en Calcuta, foi na empresa de publicidade británica, D. J. Keymer, co cargo de aprendiz de visualización. Porén tivo varios problemas na empresa, pola diferenza salarial entre británicos e hindús e con varios clientes, polo que empeza a colaborar con Signet Press, creada por D. K. Gupta. Neste novo proxecto diseñou portadas para libros con total liberdade artística, coma as de Man-eaters from Kumaon, de Jim Corbett ou The discovery of India de Jawaharlal Nehru. Tamén traballou na portada e ilustracións dunha versión infantil de Pather Panchali, un clásico hindú de Bibhutibhushan Bandopadhyay, está obra marcaría profundamente a Ray, sendo o tema da súa primeira obra.

En 1947 fundou a Calcutta Film Society xunto a outros coma Chidananda Dasgupta, mediante a que puideron visionar moitas películas estranxeiras.

En 1949 casou de maneira pouco ortodoxa e ilegal con Bijoya Das, prima súa. Da unión naceu un fillo, Sandip, que chegaría a ser director de Cine. Ese mesmo ano chegou a Calcuta Jean Renoir para rodar a súa película O río, para a que Ray axuda a atopar localizacións. Así entabla relación co director francés, quen o anima a comezar a rodaxe de Pather Panchali.

A determinación de converterse en cineasta tomouna en 1950 durante unha estancia de tres meses en Londres durante os que traballou na oficina principal de D. J. Keymer, e nos que visionou 99 películas unha delas, Ladri di biciclette (Ladróns de bicicletas en galego), obra clave do neorrealismo italiano do director italiano Vittorio De Sica.

Como cineasta[editar | editar a fonte]

Satyajit Ray en Nova York en 1981.

Estreouse no cine co filme Pather Panchali (A canción do camiño), que gañou once premios internacionais, incluíndo o de Mellor documento humano no Festival Internacional de Cine de Cannes. Pather Panchali era unha obra clásica da literatura bengalí en cuxa edición infantil traballara coma debuxante e deseñador, que describe o crecemento dun xove, Apu, dunha pequena poboación de Bengala. Este traballo forma, xunto a Aparajito e Apur Sansar a Triloxía de Apu, a obra mestra de Ray.

Pese ao carácter humanista universal dos traballos de Ray, a realidade socioeconómica de Bengala márcao profundamente. A vida das diversas clases sociais de Bengala, o conflito dos novos e antigos valores e os efectos das cambiantes condicións económicas e políticas da India son temas recorrentes na súa obra.

Ray dirixiu 37 filmes, incluíndo longametraxes, documentais e curtametraxes. Tamén foi escritor de ficción, editor, ilustrador, deseñador gráfico e crítico de cine. Esta versatilidade expresábase no feito de ue Ray realizaba o guión, o casting, a composición da música, a dirección artística, a edición e deseño dos créditos e o material publicitario da maior parte da súa obra.

Ray recibiu moitos premios importantes na súa carreira, incluíndo 32 premios nacionais indios de Cine, varios premios en festivais e certames internacionais sendo o principal deles un Oscar Honorífico pouco antes da súa morte, en 1992. A súa obra tamén foi obxecto dunha retrospectiva no Museo de Arte Moderna de Nova York no ano 1981.

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • 1955: Pather Panchali (A canción do camiño).
  • 1956: Aparajito (O invencibel).
  • 1958: Parash Pathar.
  • 1958: Jalsaghar (O salón de música).
  • 1959: Apur Sansar (O mundo de Apu).
  • 1960: Devi (A deusa).
  • 1961: Teen Kanya.
  • 1961: Rabindranath Tagore, documental.
  • 1962: Kanchenjungha.
  • 1962: Abhijaan.
  • 1963: Mahanagar.
  • 1964: Charulata (Charulata ou A esposa solitaria).
  • 1965: Two, televisión.
  • 1965: Mahapurush.
  • 1965: Kapurush (O covarde).
  • 1966: Nayak.
  • 1967: Chiriyakhana.
  • 1968: Goopy Gyne Bagha Byne (As aventuras de Goopy e Bagha).
  • 1970: Aranyer Din Ratri (Días e noites na fraga).
  • 1971: Sikkim, documental.
  • 1971: Seemabaddha.
  • 1972: The Inner Eye (O ollo interior), documental .
  • 1972: Pratidwandi (O inimigo).
  • 1973: Ashani Sanket (Trono ao lonxe).
  • 1974: Sonar Kella.
  • 1976: Bala
  • 1976: Jana Aranya
  • 1977: Shatranj Ke Khilari (Os xogadores de xadrez).
  • 1979: Joi Baba Felunath (O deus elefante).
  • 1980: Heerak Rajar Deshe (Rei de diamantes).
  • 1981: Sadgati, televisión.
  • 1981: Pikoor Diary (O diario de Pikoor), televisión.
  • 1984: Ghare-Baire (O mundo de Bimala).
  • 1987: Sukumar Ray, documental sobre seu pai.
  • 1989: Ganashatru (Un inimigo do pobo).
  • 1990: Shakha Proshakha (As ramas da árbore), coproducción con Reino Unido e Francia.
  • 1991: Agantuk (O estraño), coproducción con Francia.
  • 1996: Baksha Rahasya, codirección.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Constantine Santas(2002), Responding to film: A Text Guide for Students of Cinema Art, Rowman & Littlefield, ISBN 0830415807

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]