Sapo parteiro común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sapo parteiro común
AlytesObstet.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Alytidae
Xénero: Alytes
Especie: A. obstetricans
Nome binomial
'Alytes obstetricans'
(Laurenti, 1768)
Distribución de Alytes_obstetricans, baseado en Nöllert/Nöllert: "Die Amphibien Europas"

Distribución de Alytes_obstetricans, baseado en Nöllert/Nöllert: "Die Amphibien Europas"
Subespecies

Alytes obstetricans boscai
Alytes obstetricans obstetricans
Alytes obstetricans pertinax
Alytes obstetricans almogavarii

O sapo parteiro común ou sapo parteiro[1] (Alytes obstetricans) é unha clase de anfibio pertencente á orde dos anuros da familia Alytidae. É propia de Bélxica, Francia, Alemaña, Luxemburgo, Holanda, Portugal, España, Suíza e Reino Unido. Está ameazada pola perda de hábitat, aínda que a diversidade xenética das poboacións existentes reduce as súas posibilidades de extinción.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

É de pequeno porte, 5 cm; aspecto voluminoso, cabeza grande e fronte arredondada, ollos prominentes (pupila vertical, iris dourado e vetas negras). Tímpano visible e máis diminuto ca o ollo. A pel é granulosa con verrugas pequenas, agrupadas nos costados en dúas fileiras dorsolaterais. Presenta membros curtos e fortes, os anteriores con tres tubérculos metacarpianos, e os posteriores con membrana interdixital reducida e un tubérculo metatarsiano pequeno. A súa coloración dorsal vai de gris a parda, con manchiñas verdes, avermelladas e negras pouco marcadas; a zona ventral é clara.

Hábitat[editar | editar a fonte]

O seu hábitat natural son os bosques temperados, subtropicais ou tropicais secos, matogueiras temperadas, ríos, lagos e pantanos de auga doce, desertos temperados, terra arable, pastos e mesmo a área urbana.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Aliméntase de escaravellos, moscas, trazas, arañas, miñocas, lesmas, milpés, opilións e outros artrópodos consoante as súas dimensións. As larvas consomen vexetais, prea e invertebrados acuáticos.

Desenvolvemento e reprodución[editar | editar a fonte]

Macho con ovos.
Alytes obstetricans

Este sapo ten unha esperanza de vida moi curta en comparación con outros sapos: pode chegar aos 5 anos, fronte aos 30 anos dos sapos comúns.

O macho comeza a cantar no inicio da primavera desde o seu refuxio ou nas súas inmediacións, atraendo as femias grávidas que emiten chamadas de resposta. O amplexo é complexo, é terráqueo, de tipo inguinal. Tras estimular o macho á femia, esta solta unha restra de ovos que, fecundados, son enrolados polo macho entre as súas patas traseiras, onde permanecen un mes. Despois o proxenitor solta a posta na auga, onde as larvas romperán a cuberta do ovo para nadar libremente.

Depredación[editar | editar a fonte]

É depredado por cobras de auga viperinas, algúns mamíferos, curuxas e aves zancudas. E as súas larvas por cobras viperinas, aves, odonatos, ditíscidos, tritóns, larvas de salamántiga.

Etoloxía[editar | editar a fonte]

A súa actividade é moi variable en función da zona xeográfica. Non é territorial e é común que varios individuos compartan o refuxio baixo grandes pedras ou gretas. Os machos compiten acusticamente entre eles e mostran complexas interaccións acústicas. As femias grávidas poden atacarse entre si por acceder a un macho. Raramente en actividade no día, é un animal basicamente crepuscular e nocturno. Os metamórficos novos atópanse nas inmediacións da auga. Polo contrario, os adultos afástanse bastante da auga e só os machos volven a esta para depositar a posta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega.
  2. El sapo partero, un superviviente con carácter Saber Universidad. Consultado o 23 de decembro de 2015.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bosch, J., Beebee, T., Schmidt, B., Tejedo, M., Martínez-Solano, I., Salvador, A., García-París, M., Gil, E.R. & Arntzen, J.W. 2004. «Alytes obstetricans.» 2006 IUCN Lista Vermella de Especies Ameazadas, baixado 21 xullo de 2007