O Santuario Nacional de Aves de Djoudj (francés Parc national des oiseaux du Djoudj,) atópase na beira sueste do río Senegal, no Senegal, no norte de Biffeche, ao nordés de Saint-Louis.
Ofrece unha variedade de hábitats de zonas húmidas que resultan moi populares entre as aves migratorias, moitas das cales acaban de cruzar o Sáhara. De case 400 especies de aves, as máis visibles son os pelicanos e os flamengos. Menos visibles son os folosa acuática que migran alí desde Europa, para estes, o parque é o lugar de invernada máis importante descuberto ata o de agora.[1] Unha ampla variedade de vida silvestre tamén habita o parque, que está designado Patrimonio da Humanidade. O sitio engadíuse á Lista do Patrimonio da Humanidade en Perigo en 1984 debido á introdución da planta invasora salvinia xigante, que ameaza con acabar coa vexetación autóctona do parque.[2] Porén, eliminouse da lista en 2006.
Á esquerda, a seca de setembro de 1979, á dereita, as inundacións de novembro de 1999
Desde que comezou a funcionar a presa de Diama no río Senegal en 1988, os expertos observaron unha baixada do nivel da auga, desalinización e colmatación. Os cambios supoñen unha ameaza para a fauna e a flora. Houbo en particular unha proliferación de typha e phragmites. Á esquerda, as fotos de satélite tomadas pola NASA en 1979 (antes da construción da presa) e 1999 (despois) dan evidencia do impacto significativo no ecosistema da rexión.
En 2006, aínda que non se rexistraran casos de gripe aviaria en Senegal, púxose en marcha un programa de vixilancia.
Cunha superficie de 16.000 hectáreas, rexistráronse alí 395 especies de aves (case tres millóns de aves), o que converte o Parque nacional das aves de Djoudj na terceira reserva ornitolóxica máis grande do mundo.[3]