Santa Icía de Trasancos, Ferrol
| Santa Icía de Trasancos | |
|---|---|
Igrexa nova de Santa Icía de Trasancos. | |
| Concello | Ferrol[1] |
| Provincia | A Coruña |
| Coordenadas | 43°30′17″N 8°11′54″O / 43.50474444, -8.19821944 |
| Poboación | 725 hab. (2018) |
| Entidades de poboación | 10[1] |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
Santa Icía de Trasancos[2][3][4] é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Ferrol. Segundo o IGE en 2018 tiña 725 habitantes (376 mulleres e 349 homes) distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 771 habitantes.
Eclesiasticamente, tamén inclúe a parroquia naronesa de Santa Icía de Xuvia[5].
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro documento coñecido onde aparece citada esta parroquia correspóndese ao ano 1087 e pertence á colección diplomática do próximo mosteiro de San Martiño de Xuvia. Durante a Idade Media e a Idade Moderna, Santa Icía de Trasancos foi a cabeza ou capital do arcediagado de Trasancos.
O couto medieval de Santa Icía de Trasancos estaba en mans do correspondente arcediago, por canto era anexo a esta dignidade do cabido mindoniense. No ano 1586 o rei Filipe II, despois de desamortizar este couto e incorporalo aos bens da Coroa, vendeuno ao ferrolán Xoán Yáñez de Leiro e Doza, cóengo doutoral da Catedral de Santiago de Compostela. O Dr. Yáñez de Leiro outorgou testamento no ano 1599, polo cal fundou vínculo e morgado sobre este couto -xunto cos de Xuvia e Caranza- así como sobre outros bens capitais, en favor do seu sobriño o capitán Pedro Yáñez de Mandiá. O couto de Santa Icía de Trasancos permaneceu durante a Idade Moderna en posesión dos descendentes do capitán Pedro Yáñez de Mandiá, logo co apelido Bermúdez de Mandiá, até a abolición do sistema xurisdicional co fin do Antigo Réxime, no século XIX.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]
Da igrexa medieval non se conserva máis que un pequeno anaco dunha doela, embutido na parede interior do altar maior da que hoxe corre popularmente como "igrexa vella", a cal data do ano 1771 e se edificou baixo o padroado de D. Xosé María Bermúdez de Mandiá e Pardiñas Villardefrancos, señor xurisdicional polo entón. A actual igrexa parroquial data do ano 1964.
Na mesma parroquia de Santa Icía de Trasancos e lindando coa freguesía anexa de San Pedro de Leixa atópase o espléndido Pazo do Monte, que se rematou de construír no ano 1780 e foi casa grande da liñaxe dos Bermúdez de Mandiá, antigos señores da xurisdición. Na actualidade está en propiedade dos seus sucesores, os Moreno-Bermúdez.
Sobre o río de Santa Icía, tamén chamado río Freixeiro, atópase a ponte chamada popularmente "romana", que en realidade data do ano 1814. Nas proximidades está o chamado Muíño dos Amenadás, xa no concello de Narón, cuxa primeira construción data do ano 1813.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Ponte dos Amenadás
- Casa do Monte
- A Pallota
- Semáforo vacún
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Santa Cecilia de Trasancos
[editar | editar a fonte]| Lugares da parroquia de Santa Cecilia de Trasancos no concello de Ferrol | |
|---|---|
|
Beleicón | Calvario | Castro | Espiño | Fonteiroa | A Pallota | A Pega | A Rega | O Souto de San Pedro | Vinculeiro |
Parroquias de Ferrol
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 DECRETO 27/2026, do 30 de marzo, polo que se aproba o Nomenclátor de Galicia.
- ↑ "Trasancos, un orotopónimo ou un hidrotopónimo?". toponimia.xunta.gal. Consultado o 2025-12-28.
- ↑ Lema Suárez, Xosé María. "Toponimia de Zas". Real Academia Galega. p. 158. Consultado o 2025-12-28.
- ↑ "TRASANCOS, Santa Icía". Parroquias Mondoñedo-Ferrol (en castelán). Consultado o 2025-12-28.
- ↑ "Arciprestazgo Ferrol". Diócesis de Mondoñedo - Ferrol @mondonedoferrol (en castelán). Consultado o 2026-02-01.