Sandro Puppo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sandro Puppo
Información persoal
Nome Sandro Puppo
Nacemento 28 de xaneiro de 1918
Lugar de nacemento Piacenza
Falecemento 16 de outubro de 1986
Lugar de falecemento Piacenza
Altura 1,78 m.
Posición centrocampista
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1934–1937 Piacenza 73 (7)
1937–1939 Ambrosiana-Inter 8 (0)
1939–1945 Venezia 126 (5)
1945–1946 Piacenza 22 (0)
1946–1947 Venezia 37 (0)
1947–1949 Roma 15 (0)
1949–1950 Thiene
Adestrador
1945 Piacenza
1949–1950 Thiene
1951 Venezia
1951–1952 Rovereto
1952–1954 Turquía
1953–1954 Beşiktaş
1954–1955 Barcelona
1955–1957 Juventus
1957–1958 Mestrina
1959 Italia B
1960–1961 Beşiktaş
1960–1962 Turquía
1962–1963 Siracusa
1963–1964 Venezia
1963–1964 Turquía
1964 Triestina
1965 Turquía
1965–1966 Turquía
1966–1967 Piacenza
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Sandro Puppo, nado en Piacenza o 28 de xaneiro de 1918 e finado na mesma cidade o 16 de outubro de 1986, foi un futbolista e adestrador italiano. Xogaba como centrocampista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Nado en Piacenza, pasou os seus anos de adolescencia en Shanghai, onde seu pai actuaba como violinista.[1] Na China comezou a xogar ao fútbol, no equipo da súa escola,[1] e cando regresou a Piacenza en 1934 presentouse ao adestrador do Piacenza, Carlo Corna,[1] que inicialmente o colocou como mezzala. Máis tarde, pasou ao medio central, posición na que xogou o resto da súa carreira.[2] Foi titular no Piacenza durante tres tempadas na Serie C, e as súas actuacións valéronlle a convocatoria para os Xogos Olímpicos de Berlín de 1936 xunto co seu compañeiro Carlo Girometta, aínda que foron como reserva e non chegaron a xogar.[1]

Puppo (de pé, terceiro pola dereita) no Venezia da tempada 1940-1941, gañador da Copa de Italia.

No verán de 1937 fichou polo Inter de Milán, chamado daquela Ambrosiana-Inter,[1] co que gañou a Serie A na súa primeira tempada, aínda que sen chegar a debutar en liga, ao contar o equipo con Renato Olmi na súa posición. Debutou coa camiseta nerazzurra o 6 de xaneiro de 1938, nun partido da Copa de Italia no campo do Napoli.[1] Tampouco contou con moitos minutos na seguinte tempada (8 partidos na Serie A) e foi traspasado ao Venezia.[1] Foi titular no equipo veneciano durante as seguintes catro tempadas, xogando por detrás da parella Loik - Mazzola, e conquistou a Copa Italia na campaña 1940/41. Participou tamén no Campionato Alta Italia de 1943/44, no que o equipo chegou á rolda final.[3]

Despois da guerra foi cedido ao Piacenza, onde comezou actuando como xogador-adestrador, ata que foi substituído no banco por Renato Bodini.[4][5] Regresou a Venecia para o Campionato da Serie A 1946 /47.[6] Co descenso dos venecianos á Serie B, pasou a Roma, reclamado por Imre Senkey. Con todo, na capital sufriu unha grave lesión que puxo fin á súa carreira na elite do fútbol italiano,[1] aínda que militou unha última tempada no modesto Thiene, no dobre papel de xogador-adestrador.[1]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Despois das súas primeiras experiencias como xogador-adestrador no Piacenza e no Thiene, en 1950 converteuse no segundo adestrador do Venezia, na Serie B.[1] En xaneiro de 1951 colleu as rendas do equipo, sendo o primeiro adestrador ata outubro, cando foi despedido e substituído por Mario Villini.[7] No resto da tempada 1951/52 ocupou o banco do Rovereto, na Serie C.[1][8]

En 1952 converteuse no adestrador da selección de Turquía, á que dirixiu nos Xogos Olímpicos de Helsinqui en 1952, acadando os cuartos de final, onde caeu eliminado por goleada (7-1) ante a poderosa Hungría, que acabaría levando a medalla de ouro. Conseguiu tamén a clasificación para o Mundial de 1954, despois de dar a sorpresa e eliminar a España.[1] Xa en Suíza, na súa primeira participación nun Mundial, o equipo turco perdeu contra Alemaña Occidental e goleou por 7-0 a Corea do Sur. Quedou empatado a puntos coa selección alemá, polo que se se enfrontou de novo a esta para dilucidar quen pasaría á seguinte fase, sendo a vitoria para a RFA por 7-2. Nese mesmo período de dous anos (1952/54) tamén foi adestrador do Beşiktaş.[1]

Despois sentou no banco do Barcelona, durante a tempada 1954/55,[1] acabando subcampión de liga por detrás do Real Madrid, e facendo debutar o coruñés Luis Suárez, futuro Balón de Ouro.[9] De regreso a Italia, adestrou durante dous anos á Juventus, levando a cabo un programa de renovación e rexuvenecemento do equipo.[1] No equipo piemontés, alcumado a Juve dei puppanti,[10][11] dirixiu a xogadores como Piero Aggradi, Flavio Emoli, Enzo Robotti e Giuseppe Vavassori.[1]

En 1957 volveu a Venecia por motivos de saúde, e alí adestrou o Mestrina,[1], antes de ingresar ao ano seguinte na Federación Italiana de Fútbol.[9][11] Durante un partido amigable en Budapest sentou no banco da selección B de Italia,[9] antes de regresar de novo a Turquía, para poñerse outra vez á fronte da selección turca e do Beşiktaş.[1]

A continuación regresou a Italia, onde adestrou o Siracusa e o Venezia,[12][13] e completou a súa terceira etapa na selección turca. En 1964 pasou polo Triestina,[9][14] antes de volver á selección turca, á que dirixiu en dúas etapas máis entre xaneiro de 1965 e maio de 1966, sen poder conseguir a clasificación para o Mundial de 1966. Rematou a súa carreira como adestrador no Piacenza en 1967.[15][16][17]

Trala retirada[editar | editar a fonte]

En 1968 foi contratado pola empresa piacentina Astra do expresidente do Piacenza Enzo Bertuzzi,[15] como intérprete e e secretario.[15] En 1970 foi elixido pola FIFA no grupo de estudos técnicos do Mundial de México, xunto cos ingleses Winterbottom e Greenwood e o alemán Cramer.[1][11]

En 1974 publicou en Piacenza o volume Calcio: quo vadis, un ensaio no que expuxo a evolución técnica e táctica do fútbol dende as súas orixes ata 1970.[1]

Faleceu en Piacenza en 1986 aos 68 anos.[1][11]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Na súa cidade natal recibiu o seu nome un campo de fútbol, no que xogan os seus partidos os equipos US Turris, ASD Primogenita e Nuova Spes.

Palmarés como futbolista[editar | editar a fonte]

Inter de Milán
Venezia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 1,20 "Sandro Puppo, gentiluomo del calcio". Libertà (en italiano). 18 de outubro de 1986. p. 21. 
  2. ""Il mezzo secolo del Piacenza" di Vincenzo Bertolini e Gaetano Cravedi". piacenzacalcio.it (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2015. Consultado o 20 de febreiro de 2022. 
  3. "Tempada 1944". calciovenezia.com (en italiano). Consultado o 20 de febreiro de 2022. 
  4. "Le liste di trasferimento dei calciatori del Nord". Il Corriere dello Sport (en italiano). 28 de setembro de 1945. p. 2. Consultado o 20 de febreiro de 2022. 
  5. "Equipo do Piacenza na tempada 1945/46". storiapiacenza1919.it (en italiano). Consultado o 20 de febreiro de 2022. 
  6. "Equipo do Piacenza na tempada 1946/47". storiapiacenza1919.it (en italiano). Consultado o 20 de febreiro de 2022. 
  7. "Villini è il nuovo allenatore del Venezia". Il Corriere dello Sport (en italiano). 12 de outubro de 1951. p. 2. Consultado o 20 de febreiro de 2022. 
  8. "Almanacco Illustrato del calcio" (en italiano). 1952. p. 191. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Bottazzini, G.; Fontanelli, C. Piacenza90: partite, protagonisti, immagini (en italiano). GEO Edizioni. p. 118. 
  10. G.Bottazzini, C.Fontanelli, Piacenza90: partite, protagonisti, immagini, GEO Edizioni, pag.118
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 "È morto Puppo, allenò la Juve". La Stampa (en italiano). 18 de outubro de 1986. p. 22. 
  12. "Puppo è giunto a Siracusa". Il Corriere dello Sport (en italiano). 4 de agosto de 1962. p. 7. Consultado o 20 de febreiro de 2022. 
  13. "Achilli sostituisce il piacentino Puppo alla guida del Venezia". Libertà (en italiano). 26 de febreiro de 1964. p. 5. 
  14. "Sandro Puppo D.T. della Triestina". Libertà (en italiano). 30 de xullo de 1964. p. 5. 
  15. 15,0 15,1 15,2 Gentilotti, P.; Rubini, G. (2011). Dal Farnese a Barriera Genova (en italiano) 3. Libertà. p. 156. 
  16. "Equipo do Piacenza na tempada 1966/67". storiapiacenza1919.it (en italiano). Consultado o 20 de febreiro de 2022. 
  17. "Equipo do Piacenza na tempada 1967/68". storiapiacenza1919.it (en italiano). Consultado o 20 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]