Sandra Faber
Sandra Faber | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 28 de decembro de 1944 |
Lugar de nacemento | Boston |
Nacionalidade | Estados Unidos de América |
Alma máter | Universidade Harvard e Swarthmore College |
Ocupación | astrónoma, profesora universitaria e astrofísica |
Premios | Harvard Centennial Medal, Lectorado Henry Norris Russell, Medalla Nacional de Ciencia, Medalla Karl Schwarzschild, Premio Dannie Heineman de Astrofísica, Medalla Bruce, Prêmio Gruber de Cosmologia, Prêmio Bower de Realização em Ciência, Fellow of the American Academy of Arts and Sciences, doutor honoris causa pola Universidade Nacional Autónoma de México, Medalla de ouro da Royal Astronomical Society e Clarivate Citation Laureates |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Sandra Moore Faber, nada en Boston (Estados Unidos) o 28 de decembro de 1944, é unha física e doutora en astronomía dedicada ao estudo da formación e evolución das galaxias, e da evolución da estrutura do universo. Ademais traballa como profesora Universitaria en Astronomía.[1][2] É coautora da relación Faber-Jackson.[3][4]
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Estudou a licenciatura en física na Universidade de Swarthmore e recibiu o seu grao en 1966, logo continuou a súa carreira cun doutoramento en astronomía por Harvard en 1972.[2][5] A partir dese ano comezou o seu traballo no Observatorio Lick da Universidade de California, en Santa Cruz (UCSC).[1] Dúas das súas grandes contribucións son a instalación do Observatorio Keck en Hawai, así como formar parte do equipo de deseño do Wide-Field Camera do telescopio espacial Hubble, e mesmo axudou a identificar un problema na lente do Hubble que puxo en risco o seu uso xa que as fotos saían con aberracións esféricas.[2][6][7] O seu traballo tivo grande influencia sobre a teoría do Big Bang. É recoñecida no seu campo polas súas achegas ao deseño e uso de grandes telescopios.[6]
A Relación Faber-Jackson, desenvolvida en colaboración con Robert Jackson no Observatorio Lick, relaciona o tamaño das galaxias elípticas coas velocidades orbitais internas das estrelas que as compoñen.[6] É unha lei do movemento das galaxias e proporcionou unha fórmula para determinar a distancia das galaxias.
En 1984 escribiu xunto a John Gallaher un artigo expoñendo que as galaxias estaban rodeadas de enormes nubes de materia sen luz, fría e invisible, denominada materia escura. Tiñan a hipótese de que as galaxias foran formadas a partir desta materia, o cal apoia o punto de vista de que o universo está constituído de materia quente formada por neutrinos.
Faber tamén formou parte do grupo de científicos (coñecidos como os sete samuráis) que identificou o "Gran Atractor", unha concentración de galaxias cuxa forza gravitacional afecta a unha zona de 100 millóns de anos luz, o cal parece contradicir o modelo expansionista do universo.
Entre os proxectos nos que participou, axudou a crear o proxecto CANDELS, que foi a mostra estatística máis grande que tomou o telescopio Hubble do universo.[1]
É a investigadora principal do proxecto DEIMOS (Deep-Imaging Multiobject Spectrograph).[2][8]
É membro do núcleo do proxecto DEEP (Deep Extragalactic Evolutionary Probe), un estudo a grande escala de galaxias de campo distantes e débiles utilizando os telescopios xemelos Keck e o telescopio espacial Hubble.[2][9]
Actualmente dedica o seu tempo de traballo no Lick Observatory.[6]
Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]
Na súa traxectoria recibiu numerosos premios e recoñecementos, entre eles:
- Medalla Nacional de Ciencia.[1]
- Franklin Institute's Bower Award.[10]
- Prize for Achievement in Science.[10]
- Russell Prize of the American Astronomical Society.[10]
- Medalla Bruce da Sociedade Astronómica do Pacífico.[6][10]
- 2016ː Medalla da Academia de Ciencia de California.[1]
- 2016ː Doutoramento honorario pola Amherst College.[10]
- 2017: Premio Gruber de Cosmoloxía[11]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Astronomer Sandra Faber awarded California Academy of Sciences Fellows Medal" (en inglés). Consultado o 15 de marzo de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Professor Sandra M. Faber" (en inglés). Consultado o 8 de marzo de 2017.
- ↑ "Sandra Faber: Decoder of galaxies" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2017.
- ↑ "Sandra M. Faber, astrónoma". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-12-28. Consultado o 2020-04-09.
- ↑ "Sandra Faber CV" (PDF) (en inglés). Consultado o 8 de marzo de 2017.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Los Gatos and Saratoga: Sandra Faber has helped to build and use some of the world’s largest telescopes" (en inglés). Consultado o 17 de marzo de 2017.
- ↑ "How the Hubble Telescope cheated death". nature.com (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2017.
- ↑ "DEIMOS DEep Imaging Multi-Object Spectrograph" (en inglés). Consultado o 8 de marzo de 2017.
- ↑ "DEEP Core Members" (en inglés). Consultado o 8 de marzo de 2017.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 "Astronomer Sandra Faber to receive honorary degree from Amherst College" (en inglés). Consultado o 16 de marzo de 2017.
- ↑ Premio Gruber de Cosmología 2017