Patricio de Irlanda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «San Patricio»)
San Patricio
Biografía
Nacementoc. 387 en Killatrick, Escocia
Pasamentoc. 460 ou c. 492 en Cidade de Down
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a enIgrexa católica, Comuñón Anglicana, Igrexa ortodoxa, Luteranismo
Festividade17 de marzo
Atributostrevo
Patrón/a deIrlanda, Nixeria, Montserrat, Nova York, Boston, enxeñeiros
Estatua do Santo Patrón de Irlanda en Tara, condado de Meath.

San Patricio, nado co nome de Maewyin Succat en Old Kilpatrick (Dumbarton, Escocia) cara ao 387 e finado en Saul (Condado de Down, Irlanda do Norte) un 17 de marzo cara ao 460 ou cara ao 492, foi un misioneiro cristián, é venerado como santo pola Igrexa católica.

Patricio é venerado non só como apóstolo, senón como santo patrón, da Irlanda. É festexado por toda a comunidade católica irlandesa no mundo o 17 de marzo, data da súa morte.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Maewyin Succat, que máis tarde tomará o nome cristián de Patricio, era fillo de Calpurnio e Conchessa, nobres brito-romanos. Raptado na súa xuventude por piratas irlandeses, foi vendido como escravo ó rei do Norte Dal Riada, na actual Irlanda do Norte. Aquí aprendeu a lingua gaélica e a relixión céltica. Na obra que escribiu, Confesión, relata a súa vida de escravo en terra irlandesa coidando rabaños nos bosques de Fochoill, en Mayo. Da súa narración translócese a súa rexa tenacidade. Á idade de vinte anos, disposto a tornar á súa patria, foxe do seu amo e percorre duascentas millas en territorio completamente descoñecido ata atopar unha pasaxe nunha barca con máis viaxeiros.

Tras arribaren á Escocia atopan unha terra completamente erma e abandonada. Durante días vagan coa súa pouca equipaxe en busca de sinais de vida e de algo que comer. Despois de moito tempo e case desfalecidos por falta de alimento, os seus acompañantes séntense desamparados da man de deus e, segundo el mesmo relata, tentará animalos para que teñan fe e crean no Señor porque a El nada lle é imposible e pode enviar víveres para sacialos na abundancia.

Atopan un rabaño de porcos e comen ata saciarse. Isto causa o efecto dunha conversión nos seus compañeiros de aventura. Mais traerá consigo consecuencias non queridas e, deseguida, conta Patricio, acaba sendo levado preso con outro amo outros dous meses. Tras esta paréntese, desexoso de ver de novo os seus pais, conseguirá por fin reunirse con eles cando conta xa con vinte e un anos. Por este tempo ten un soño no que un home lle leva unha chea de cartas de Irlanda na que o chaman para que vaia a vivir no medio deles. Patricio interprétao como un convite para que vaia predicar as Escrituras entre os irlandeses.

Determinado na súa decisión de dedicarse totalmente a Deus, ós vinte e catro anos abandona a familia e diríxese á Galia. Permanecerá en terras galas dende o 415 ó 432 visitando os principais mosteiros do seu tempo, Marmoutier cerca de Tours e as illas de Lérins, preto de Cannes no Mediterráneo. Logo encamiñarase cara á cidade de Auxerre na Borgoña, por aqueles tempos principal centro de estudos cristiáns, onde transcorrera un longo tempo baixo a vigorosa dirección de dous bispos, Anatore e Xermán. Ó final da súa estada é ordenado bispo polo papa Celestino I (morreu no 431), que lle encomenda a misión de evanxelizar Irlanda.

No 432 desembarca de novo en Irlanda onde inicia unha intensa actividade apostólica, na que o seu coñecemento da lingua e dos costumes do seu pobo lle son de grande axuda. O pobo irlandés, moi ligado ás súas tradicións, cun profundo sentido do sagrado, e cunha respectada caste de sacerdotes chamados druídas, acolle de maneira entusiasta a mensaxe de Patricio. Na historia das evanxelizacións o pobo irlandés é probablemente un dos únicos que se converteu ó cristianismo sen ningún derramamento de sangue.

Lendas[editar | editar a fonte]

Unha lenda irlandesa atribúelle a fazaña de librar a illa de cobras, un acto que simbolizaba a conversión do pobo de Irlanda pois as serpes simbolizaban a Satán, o inimigo responsable da ignorancia do deus verdadeiro. Irlanda é hoxe o único país das Illas Británicas que non ten ofidios. En realidade non os tivo dende a era pos-glacial.

A tradición tamén lle apón a San Patricio o feito de aprenderlles ós irlandeses o concepto da trindade amosándolles un trevo de tres follas e explicándolles que, coma o trevo, Deus era unha única unidade con tres persoas distintas (en oposición ás crenzas arianas populares no tempo de San Patricio.

Shamrock, trevo irlandés.

Tanto se estas lendas son certas coma se non, o que elas mostran é o importante que foi o seu apostolado en Irlanda.

Santidade[editar | editar a fonte]

O 17 de marzo é coñecido popularmente como Día de San Patricio porque se cre que ese foi o día da súa morte. O día converteuse en festa de toda a igrexa debido ó estudoso franciscano Luke Wadding, membro da comisión para a reforma do Breviario [36], a comezos do século XVII.

Nos primeiros mil anos da Cristiandade, as canonizacións eran feitas nas dioceses. A igrexa local celebraba como santos as persoas boas que consideraban que levaran unha vida piadosa ou santa. Debido a isto, San Patricio nunca foi formalmente canonizado por un Papa, pero aínda así é amplamente venerado en Irlanda e noutros países.

San Patricio tamén é venerado na Igrexa Ortodoxa, especialmente entre cristiáns ortodoxos que viven en Irlanda, no Reino Unido e en América do Norte.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brown, Peter, The Rise of Western Christianity. 2nd ed. Blackwell, Oxford, 2003. ISBN 0-631-22138-7
  • Byrne, Francis J., Irish Kings and High-Kings. Batsford, Londres, 1973. ISBN 0-7134-5882-8
  • Coleno, Annonciade, Saint Patrick. Éditions du Rocher, París, 1996. ISBN 2-268-02362-1
  • Dark, Ken, Britain and the end of the Roman Empire. Tempus, Stroud, 2000. ISBN 0-7524-2532-3
  • De Paor, Liam, Saint Patrick's World: The Christian Culture of Ireland's Apostolic Age. Four Courts, Dublin, 1993. ISBN 1-85182-144-9
  • Duffy, Seán (ed.), Atlas of Irish History. Gill and Macmillan, Dublin, 1997. ISBN 0-7171-3093-2
  • Dumville, David, "The Death date of St. Patrick" in David Howlett (ed.), The Book of Letters of Saint Patrick the Bishop. Four Courts Press, Dublin, 1994. ISBN 1-85182-136-8
  • Fletcher, Richard, The Conversion of Europe: From Paganism to Christianity 371–1386 AD. Harper Collins, Londres, 1997. ISBN 0-00-686302-7
  • Hughes, Kathleen, Early Christian Ireland: Introduction to the Sources. Hodder & Stoughton, Londres, 1972. ISBN 0-340-16145-0
  • Jacotey, Marie-Louise, Patrick, saint patron de l'Irlande: l'île des saints. D. Guéniot, Langres, 2005. ISBN 2-87825-261-6.
  • MacQuarrie, Alan, The Saints of Scotland: Essays in Scottish Church History AD 450–1093. John Donald, Edinburgh, 1997. ISBN 0-85976-446-X
  • Mey, Patrick Saint Patrick (390-461). Nouveau druide ou apôtre éclairé? Coop Breizh, 1997. ISBN 2-909924-81-5
  • Ó Cróinín, Dáibhí, Early Medieval Ireland: 400–1200. Longman, Londres, 1995. ISBN 0-582-01565-0
  • Pons, Blaise, Saint Patrick. Flerus, París, 1989. ISBN 2-215-00578-5
  • Thomas, Charles, Christianity in Roman Britain to AD 500. Batsford, Londres, 1981. ISBN 0-7134-1442-1
  • Wood, Ian, The Missionary Life: Saints and the Evangelisation of Europe 400-1050. Longman, Londres, 2001. ISBN 0-582-31213-2
  • Yorke, Barbara, The Conversion of Britain: Religion, Politics and Society in Britain c.600–800. Longman, Londres, 2006. ISBN 0-582-77292-3

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]